| Unha entrevista de Sara Carou García e Uxío-Breogán Diéguez
Murguía, RGH.- Cando comezaches coas túas pesquisas?
Xosé Estévez.-Entrei a formar parte do claustro de profesores da Universidade de Deusto, Campus de Donostia, no curso 1973-74. Ao pouco tempo, xunto ao meu colega e amigo navarro, tamén profesor, José Luis Orella Unzué, encetamos unha xeira de conferencias e investigacións arredor da historia vasca co obxecto da dala a coñecer entre o público guipuzcoano. A intención era divulgar e espallar o pasado vasco entre un público non universitario, é dicir, a xente do común, que estaba ávida de coñecelo naqueles tempos da Transición en que todo, ou case todo era unha grande novidade, un pasado moi descoñecido e deliberadamente deturpado.
Lembro que o meu primeiro traballo publicado, froito dunha conferencia sobre do mesmo tema, titulábase: “Nacionalismos e Estatutos de Autonomía durante a II República”. Estudaba nel o proceso dos estatutos vasco, galego e catalán perante a II República, facendo a mesmo tempo unha análise comparativa tanto do seu percorrido diferencial como dos propios textos.
Mais tarde comecei os estudos encol das relacións entre os nacionalismos galego, vasco e catalán, que se concretarían no nome de resonancia feliz: O Galeusca, aínda que a primeira nova destas relacións doouma o 28 de decembro de 1971 un frade capuchino, Frei Xoan de Zumarraga, quen estivera exiliado en Arxentina, coñecera a Castelao e participara en actividades das tres comunidades, vasca, galega e catalá, asentadas en Bos Aires.
Murguía, RGH.- Que historiadores e correntes foron para ti referenciais?
Xosé Estévez.-As correntes que máis me influíu foron a Escola Francesa dos Annales, o marxismo de cerna británica e o vello humanismo de orixe grecolatina. As tres condénsanse nestes tres pensamentos: “historia est magistra vitae” (Tácito), “O Pobo que descoñece o seu pasado está condenado a repetilo de xeito tráxico” (Marx) e “a incomprensión do presente nace fatalmente da ignorancia do pasado” (Marc Bloch). O nobelo do pasado serve para coser o presente e vestir o futuro e, polo tanto, a historia é una arma incruenta cargada de presente e con munición de futuro, malia que algúns digan que carece de pragmatismo e a desprecen por non ser útil no senso crematístico.
En canto a historiadores merecen subliñarse o citado Marc Bloch, Braudel, Pierre Vilar, a quen coñecín xa xubilado en Cambó (Iparralde), Josep Fontana, Albert Soboul, Eric Hobsbawm, Thompson, Cristopher Hill, Vicens Vives, Barreiro, Beramendi, Villares, Paco Carballo e xa doutra xeración máis nova, Jordi Cassasas, Agirreazkuenaga, Moradiellos, Sisinio Pérez Garzón, Uxío-Breogán Diéguez, Carlos Velasco e moitos máis, sen esquecer algúns profesores da Universidade Complutense, onde estudei, como José Alcalá Zamora, meu director de tesina, Mª Victoria López Cordón, Abilio Barbero, Faci etc.
Murguía, RGH.- Que coñecemento tiñas de Manuel Murguía cando comezaches a túa carreira investigadora?
Xosé Estévez.-Practicamente non coñecía nada. So que era o marido de Rosalía de Castro. Despois lin a biografía de Vicente Risco e empecei a investigar na súa orixe guipuzcoana, publicando un libro encol do tema, co gallo da colocación dunha placa, en galego e éuscaro, na Casa de Cultura do Concello de Oiartzun, o 11 de novembro do 2000 en honra da súa nai, Concha Murguía Egaña, nacida nesa casa o 3 de febreiro de 1806. Descubrín un Murguía que era un auténtico fenómeno, pois, ademais, dun farturento polígrafo, tiña na mente e no corazón a Galicia e foi o primeiro teórico do nacionalismo galego. Tódolos anos, a comezos de febreiro, celebramos unhas xornadas en honor da súa nai no Concello de Oiartzun. Este ano, incluso, organizamos un recital vasco-galego musicado, con versos de Rosalía. Para os vascos foi un descubrimento, pois pensaban que era unha chorona, tristeira e pesimista e atopáronse con unha muller adiantada ao seu tempo, feminista e reivindicativa, que denunciaba a xustiza, a emigración e a opresión nacional e social.
Murguía, RGH.- E son diversas as temáticas que tes abordado, non si?
Xosé Estévez.-Si. Fun moitos anos profesor de historia moderna e adentreime en temas desa época, publicando artigos encol dos comuneiros, a revolución dos prezos no século XVI, a crise do século XVII, os mouriscos, o arbitrismo, os tratadistas guipuzcoanos dos séculos XVI e XVII, Gipukos entre os Austrias e os Borbóns, a Ilustración, as machinadas dos séculos XVII-XVIII… Publiquei tamén dous libros dese período: O contexto histórico-estructural do Quixote e a Historia moderna de Euskal Herria. Incluso fixen algunha incursión no mundo antigo encol da crise do Imperio Romano.
Escribín algúns poemarios dedicados á miña filla Alda, finada aos 24 anos no 2006, a princesa do meu corazón. Pero advirto que son so un versificador, non un poeta. Os meus versos nacen da acontecementos que me afectan dun xeito especial: homenaxes de amigos, pregóns e, sobre todo, pasamentos.
Os anos da miña estadía como crego na Fonsagrada no bienio 1967-69 inducíronme a escribir un ensaio autobiográfico e etnográfico da bisbarra baixo o título de “Un crego atípico na Fonsagrada. 1967-1969”
Pero o meu tema preferido ao que levo dedicado os meus afáns e desexos é o Galeusca, porque considero que un Galeusca forte e unido sería o medio máis axeitado para acadar o meu soño: ver antes de morrer unha Galiza soberana, dona do seu destino.
Murguía, RGH.-Ora ben, a historia política ten ocupado a maior parte dos teus esforzos.
Xosé Estévez.-Como se pode ver na resposta á pregunta anterior o meu tema preferido é certamente político. Considero que a política, hoxe dabondo desprestixiada, é a nobre arte de traballar e loitar a prol do ben común dos cidadáns. A xeración dos tempos da II República entendían a que pertencían Castelao, Otero Pedrayo, Suárez Picallo, Antón Villar Ponte, Manuel de Irujo, Aguirre, Telesforo de Monzón etc. Entraron na política por imperativo ético e para servir ao seus países. Por iso, entendo que os estudos encol dese persoeiros e desa política son unha honrosa ocupación.
Murguía, RGH.-Es o historiador que mais tempo e obras lle ten adicado á “Triple Alianza” (1923) e ao “Galeuzca” (1933) . Que significado tiveron aqueles pactos?
Xosé Estévez.-Ademais deste dous habería que citar varios no exilio: o de 1941 en Bos Aires, o de 1944 en México, os proxectos de 1945-46, o de 1958 en Bos Aires, o pacto arredista de 1959 en Caracas e outros convenios de menor entidade.
En canto ao significado?. A miña contestación é a seguinte. O movemento Galeusca foi suscitado ou revitalizado en situacións estremas ou en tesituras de cambio, “torpedeamento”, parálise, exilio e crise, converténdose nun fito emblemático nos vencellos trinacionais periféricos. Algúns historiadores atribúenlle un carácter utópico e unha nula ou escasisima operatividade, unha emotiva mitoloxización desmesurada e manifestos incumprimentos nos acordos. Emporiso, estas características son as mesmas que en numerosas ocasións podemos observar nas relacións e pactos asinados polos Estados nacionais. Estes con fartura e desvergoña pasan os seus acordos por onde se cruzan os pantalóns, como dicía moi graficamente o barudo navarro D. Manuel de Irujo. É verdade que a recorrencia dunha norma amosa o seu incumprimento. O feito de que o Galeusca se teña empoleirado como un fito emblemático recorrente, quizais en verdade pouco eficiente, e se teña concretado en pactos ciclicamente asinados, así como a reacción enrabechada e o receoso temor que orixina nas fileiras do nacionalismo xacobino hispano, tanto da dereita como da esquerda, demostran algo máis que unha simbólica referencia. Non habería que menosprezar un Galeusca totalmente unitario e perfectamente ensamblado. Este sería unha xebre plataforma trinacional periférica para acadar un artellamento recoñecido dun Estado plurinacional. Calquera historiador solerte non debería esquecer que os nacionalismos non poden diseccionarse coa asepsia analítica do puro dado documental escrito ou incluso da transmisión oral. Nos nacionalismos están implicados ingredientes, mitos e aglutinantes non só estruturais ou conxunturais, senón persoais, emotivos e relixiosos, mesmo no senso do religare latino. Estes elementos subxectivos e referentes simbólicos de forte carga sentimental son capaces de eleva a un Pobo do po da memoria e incorporalo ao carro da historia. Aí vai un exemplo: a campaña tan carrañenta do goberno Aznar contra o nacionalismo vasco in totum, con ataques a símbolos e emocións dos vascos, suscitou un forte apoio a Ibarretexe nas eleccións autonómicas do 2003.
Murguía, RGH.-Que quedaría pendente de ser estudado no tocante a aqueles pactos tripartitos?
Xosé Estévez.-Fican aínda moitas facianas, sobre todo, algúns interrogantes moi importantes:
Na II República produciuse unha tesitura propicia para transformar España nun Estado confederal, porque non se formou nas Cortes un bloque galeusca que o houbera acadado?. Houbera trunfado o golpe militar do 36 nun Estado confederal?
Porque na conxuntura tan axeitada de 1945 non se concretou un pacto galeusca firme? Quen foron os verdadeiros responsables da non sinatura?
Coido que a solución a estas preguntas doa aínda para moitos e competentes estudos por facer.
Murguía, RGH.-Está socialmente viva a memoria daquela realidade?
Xosé Estévez.-Non está o que debera e hai que reivindicalo sempre que se poida, pois como pensaba Castelao é un dos mellores xeitos de cambiar o centralismo ferreño e tradicional que forma parte do ADN dos españois. A este pacto pásalle o mesmo que a outras cuestións relacionadas ca memoria histórica. Estou radicalmente en contra da amnesia ou alzeimer colectivo que propugna o opio das conciencias, borra a memoria e sega a capacidade de transformación socio-política. Por iso, hai que implicarse a fondo na reconstrución da memoria histórica, pois á memoria nunca se lle acaba o tempo. Para algúns a memoria semella unha maleta demasiado pesada. Coido que é necesario abrila para alixeirala. O pasado é moi rebelde e teimudo. Sempre volve, a veces en forma de lenda. Non vivimos para lembrar, lembramos para vivir. Con razón Castelao denunciaba nunha das súas famosas viñetas, pertencentes a “Atila en Galicia” de 1937, os crimes fascistas con esta lenda:”Non enterran cadavres, enterran semente”.
Por conseguinte, saúdo con fervor e animo aos historiadores novos que se metan de cheo na recuperación da memoria histórica, tal como reivindicaba Isaac Díaz Pardo. Xa sei que en Galiza hai un grupo numeroso de historiadores (Uxío Breogán Diéguez, Prada, Viveiro Mogo, Máiz, Velasco etc) que o están facendo con éxito o que me alegra enormemente.
Murguía, RGH.-Fas parte do Galeusca Historia, que desde 2008 lembra o histórico “Galeuzca” e deu lugar ao encontro de historiadoras e historiadores galegos, vascos e cataláns. Como valoras o traballo realizado até o momento desta iniciativa?
Xosé Estévez.-Polo de agora moi positivo. Xa van, co deste ano, catro Congreso Galeusca de Historiadores. Cando comezamos no ano 2008 nunca pensei que se chegaría até estas cuartas xornadas. O mesmo feito de xuntarnos, coñecernos, falar das nosas eivas, iniciativas e proxectos xa é enriquecedor. O debate e o diálogo, é dicir, a palabra en movemento intelixente, é o que distingue os animais racionais dos brutos, como dicían o filósofos escolásticos. E iso propíciase nos nosos encontros galeuzcanos.
Murguía, RGH.-Que retos ten por diante este colectivo de historiadoras e historiadores?
Xosé Estévez.-Penso que hai que dar un paso máis: instaurar unha política investigadora trinacional conxunta, que insista en varios obxectivos: pescudar as nosas historias nacionais, analizar comparativamente os aspectos semellantes e desemellantes no proceso nacionalizador e estudar as frebas da dialéctica entre agregación-disgregación no Estado español.
Quixera subliñar o pensamento de Castelao encol do Galeuzca e da estructuración política non so do Estado español, senón tamén da Península. Podería aquecer de paradigma, pois integraba un elemento esencial da súa estratexia, consistente en implantar unha nova cultura polìtica, centrada na consideración do Estado español como un rico mosaico plurinacional. A única plasmación e solución real viría a través dunha articulación confederal peninsular, xa que tamén Portugal entraría a formar parte integrante desta estruturación. O seu pensamento podería sintetizarse nas seguintes ideas:
-a-O carácter plurinacional do Estado español, que implicaba necesariamente a soberanía nacional de cada nación.
-b-O recoñecemento e aplicación do dereito de autodeterminación para acadar a soberanía nacional, dereito que implicaba a solidariedade cos demais Pobos ibéricos.
-c-Forma republicana de goberno en cada nación, con un réxime democrático de liberdades e progresismo social, rexido polo pacifismo e a cooperación no ámbito internacional.
-d-A independencia de cada nación sería un desideratum final, pero para as nacións pequenas a Federación ou Confederación era máis axeitada. Polo tanto, o sistema de Estatutos de Autonomía era un procedemento puramente circunstancial, continxente e temporal.
-e-a articulación confederal debería ser ibérico. Polo tanto, abranguería tamén a Portugal co fin de constituír unha Comunidade Ibérica de Nacións mediante unha alianza o unha Unión entre elas, libremente elixida por elas mesmas e reversible
-f-Para chegar a ese artellamento confederal ibérica o movemento do Galeuzca cumpría múltiplas e primordiais funcións, todas elas vinculadas. Castelao enumeraba as seguintes: control e dominio da política española, mergullo no ideal confederativo, nervio anovador revolucionario para solucionar os contenciosos periféricos, medio eficaz para acadar a liberdade nacional, logro dun harmónico equilibrio peninsular dentro da lóxica diversidade, defensa do dereito de autodeterminación, salvagarda da soberanía nacional, eliminación dunha ollada localista dos nacionalismos periféricos, espallamento internacional da problemática nacional peninsular, apuntalamento político do réxime republicano, ponte imprescindibel para incorporar Portugal á confederación ibérica a través dos vencellos históricos con Galiza e, finalmente, o galeuzca converteríase nun vehículo máis doado para a entrar no previsibel federalismo europeo.
Murguía, RGH.-Por certo, fas parte do Galeusca Historia como galego, mais tamén como veterano historiador e profesor de Historia asentado en Euskadi desde hai décadas. Podes indicarnos se o panorama historiográfico en Galiza e Euskadi son semellantes? E de comparalos con Catalunya?
Xosé Estévez.-Se digo a verdade, dende que me xubilei estou moi afastado dos círculos académicos, aínda que debo confesar que na miña etapa profesoral tamén andaba dabondo por libre. O que si podo constatar é que, a lo menos en Euskadi, agás honrosas excepcións a meirande parte da historiografía non circula por canles próximos ao nacionalismo vasco. Dáme a sensacións de que certa historiografía pontifical está moi supeditada ás subvencións oficiais e iso supón orelleiras e limita os eidos da investigación, cando non os resultados dela.
Murguía, RGH.-Por último, que investigacións está a realizar neste momento?
Xosé Estévez.-Estou metido de cheo nos estudo da personalidade de Rodolfo Prada, albacea de Castelao. Para min foi unha sorpresa. Eu pensaba que fora un activista cultural, amigo e albacea de Castelao e pouco máis. Em canto empecei a investigar na súa biografía, atopeime com un persoeiro polifacético e poliédrico, home culto, bo escritor, xornalista competente, fondamente galeguista, republicano, malia o seu conservadurismo ideolóxico e catolicismno militante, conferenciante, activista cultural e político, dinamizador da colectividade galega, particpante em numerosas xeiras, mecenas económico de institucións como o Consello de Galiza, a Real Academia Galega, o congresso da Emigración Galega, ou Instituto Arxentino de Cultura Galega. Coido, ademais, que non seguía a Castelao, senón máis bem era Castelao quen seguía as directrices que Prad lle marcaba no tocante a política a levar na comunidade galega e nas relacións com vascos e cataláns, é dicir, no Galeusca.
Entrevista publicada en Murguía, Revista Galega de Historia nº34 .
Nas mellores librarías do país!