| ENTREVISTA A ALEXANDRA CABANA OUTEIRO E UXÍO-BREOGÁN DIÉGUEZ POLO XV ANIVERSARIO DE MURGUÍA, REVISTA GALEGA DE HISTORIA
Alexandra Cabana Outeiro (Cangas, 1975). Doutora en Historia Medieval e docente no ensino secundario. Fundadora e coordenadora de Murguía, Revista Galega de Historia entre 2003 e 2015. Autora, entre outras obras, de O Tombo H da Catedral de Santiago. Documentos anteriores a 1397 (VI Premio Ferro Couselo de Investigación no ano 2001), O Tombo H da Catedral de Santiago (AGH, 2007) ou Fontes editadas para a Historia Medieval de Galicia. Os últimos vinte e cinco anos (1986-2011) (Gallaeciae Monumenta Historica, Consello da Cultura Galega, 2014).
Uxío-Breogán Diéguez Cequiel (Madrid, 1978). Doutor en Historia Contemporánea e docente na Universidade da Coruña. Fundador e director de Murguía, Revista Galega de Historia. Autor, entre outras obras, de A Asemblea de Concellos de Galiza Pro-Estatuto (Fundación Alexandre Bóveda, 2002), Álvaro de las Casas. Biografía e Obra (Galaxia, 2003), Alexandre Bóveda nos seus documentos (Difusora, 2011) ou Nacionalismo galego aquén e alén mar… 1936-1975 (Laiovento, 2015).
| Unha entrevista de Prudencio Viveiro Mogo.
-Murguía, RGH. Hai quince anos saía do prelo o primeiro número de Murguía, Revista Galega de Historia. Lembrades como se chegou a ese momento? Que foi o que impulsou a dar lugar a esta publicación?
Uxío-Breogán Diéguez. –Murguía, Revista Galega de Historia sae do prelo, certamente, na primavera de 2003. Acontece isto logo de que no 2001 Alexandra Cabana e mais eu asumíramos a vicepresidencia e presidencia da Asociación Galega de Historiadores. Un dos primeiros proxectos que propuxemos desenvolver, desde a propia AGH, foi dar lugar a unha revista monolingüe en galego, centrada na historia do país, e que se vendera en quioscos. Escapando da periodicidade anual… Durante dous anos dedicámonos a estudar e deseñar o proxecto e sentar as bases do mesmo. A tal fin constituímos o ‘Colectivo Murguía’, grupo iniciador da publicación; do que facían parte os integrantes do primeiro consello editorial da revista, centrais para que esta fora realidade. O arqueólogo Mario César Vila, o contemporaneísta Xohán X. Fernández Callón, a investigadora Sonia Lodeiro, o medievalista Alberte Lago, ou ti como contemporaneísta [Prudencio Viveiro]… En definitiva, todas e cada unha das persoas que deron corpo ao devandito ‘Colectivo Murguía’ entre o 2001 e o 2002.
Alexandra Cabana. – Si, chegar á dirección da AGH, que na altura estaba en camiño da súa disolución, foi un fito para nós e unha oportunidade de desenvolver iniciativas nas que xa tiñamos pensado. Propuxemos seguir desenvolvendo as máis importantes achegas que a AGH viñera facendo (fundamentalmente os congresos e a publicación das súas actas), pero para nós o proxecto fundamental era botar a andar a revista. A propia pertenza á AGH deunos pé a relacionarnos con outras e outros investigadores, lembro especialmente frutíferas as relacións saídas dos congresos específicos de novas e novos investigadores e tamén do tempo do doutoramento, no que eu andaba daquela. Ó constituír o ‘Colectivo Murguía’, os esforzos dirixíronse a ese obxectivo común, a revista.
Murguía, RGH. Non había ningunha publicación semellante en Galiza?
Alexandra Cabana. – Non tal e como nosoutros a imaxinamos. Había (e hai) anuarios, publicacións relativas a unha comarca, revistas onde se publicaban artigos de historia mais que non eran ou son específicas da materia… Nós queriamos unha revista áxil na súa periodicidade, nacional e específica da historia, por moito que acollera, como ten acollido, artigos de disciplinas afíns ou complementarias. Ademais, tampouco queriamos reproducir o esquema dun libro de actas, senón colocar en igual nivel aspectos máis “lixeiros”, que achegaran a publicación a distintos públicos, porque esa tamén era un obxectivo esencial para nós: a divulgación histórica. Non queriamos facer unha revista académica, si que tivese rigor, pero achegada a calquera persoa que puidese ter interese na nosa historia.
Uxío-Breogán Diéguez. –Unha publicación como aquela que nós pensábamos debía existir non existía. De ter existido non nos embarcaríamos en semellante proxecto e co que tivemos que secundarizar as nosas investigacións… A modo de confidencia diría que preferiríamos que outras persoas tiveran pasado os traballos que nós tivemos que pasar.

Alexandra Cabana nun momento da conversa
Murguía, RGH. Ora ben, tiñades referentes no país e fóra?
Alexandra Cabana. –Xaora, para min fundamentalmente A Trabe de Ouro, mais tamén Grial, revistas de fondura e compromiso. Ademais delas, estaban as revistas do ámbito académico, sobre todo anuarios. Digamos que referentes eran moitos, dos que tomar ideas e aspectos para crear o noso proxecto, mais sobre todo A Trabe e Grial foron guieiro, na forma e no fondo. Tamén, inda que a maior distancia, as revistas de divulgación histórica máis xerais e comerciais, portuguesas e do Estado, por moito que a nivel orzamentario e de equipa era imposible chegar a incluír tantas imaxes nin facelo en cor, pero si foron importantes á hora de enfocar as distintas seccións.
Uxío-Breogán Diéguez. –Acho que Grial e A Trabe de Ouro serviron de guía. Tanto na estética, como na ética. A liña sobria e de compromiso, no discurso e na plasmación gráfica dos contidos, de ambas publicacións para nós sempre foi referencial. Naturalmente tamén o que simbolizaban ambas, da man de dúas xerazóns distintas e, á vez, cun común denominador no relativo a tomar a Galiza como epicentro, como suxeito, desde o que pensar o mundo e o país no mundo. E xunto a estes dous proxectos a produción editorial de A Nosa Terra foi para nós unha referencia indiscutíbel. Incluso, por iniciativa nosa, chegamos a reunirnos nas instalacións de ANT, na rúa Príncipe de Vigo, para vermos a posibilidade de editarmos entre este selo e a AGH a revista, algo que non chegou a frutificar… Tamén foron do noso interese revistas que se editaban a nivel galego, en formato anuario, caso da histórica Cuadernos de Estudios Gallegos ou en formato semestral, caso da revista do IGADI, Tempo Exterior, nacida daquelas, así como Cátedra. Revista Eumesa de Estudos, editada a nivel comarcal, como anuario, cunha grande calidade.
Murguía, RGH. -Erades moi novos… Como vos animastes a dar lugar a esta publicación e de onde tomastes folgos?
Uxío-Breogán Diéguez. –Cando nos puxemos a deseñar a revista Murguía contábamos con arredor duns vinte cinco anos. Unha idade temperá, sen dúbida, mais arroupados polo noso activismo no ámbito estudantil, cultural… e moita iniciativa, dito sexa con absoluta modestia. Unha experiencia e iniciativa impagábel, sobre a que puidemos sentar as bases da revista Murguía. Tiñamos, así mesmo, moitos contactos e estábamos en proceso de elaboración das investigacións que deron lugar ás nosas Teses de doutoramento. Eramos (seguímolo sendo) habituais de congresos, xornadas…, boa parte delas do que se deu en chamar ‘recuperación da memoria histórica’. Grazas a isto tomábamos o pulso, en tempo real, do estado da investigación histórica no país (combinando a presenza no ámbito universitario co activismo asociativo). E concluímos que unha publicación galega monograficamente adicada á historia, como o que foi Murguía, RGH de venda en librarías, non só era absolutamente necesaria, se non que estaba a ser demandada por un número non menor de persoas; polo que tiña posibilidades, de lanzármola, de existir manténdose no tempo (por moito traballo que nos dera…) .
Alexandra Cabana. –Novos si, mais se cadra precisamente por iso teimamos no empeño cunha ansia especial. Se coñeceramos antes as dificultades que iamos ter, dito sexa tamén, se cadra non empezabamos, porque foron moitas desde o inicio, tanto económicas como humanas. Penso que hai proxectos que para nacer precisan de certo punto de aventura, se cadra un certo grao de inconsciencia (léase con ironía), que é máis habitual en idades nas que inda non temos outras cargas e responsabilidades. Fomos ousados, tamén polo que tivo de “inxerencia” no ámbito académico, pois sen ter ningún posto na universidade creamos unha publicación que podía verse como unha intromisión, e ademais, a nosa xuventude tampouco nos axudaba a sermos vistos con respecto.

Uxio-Breogán Diéguez durante a conversa
Murguía, RGH. -O nome da revista, como tedes afirmado noutras ocasións, é unha reivindicación da figura de Manuel Murguía, non si?
Uxío-Breogán Diéguez. – É ante todo a nosa homenaxe (e reivindicación) á figura que articulou unha historiografía de noso. Manuel Murguía foi central na conformación dun pensamento histórico galego, tentando a través deste explicar o (seu) presente. Asumindo un compromiso político ao reivindicar Galiza como suxeito nacional.
Alexandra Cabana. – Desde logo que o foi. Pensamos que unha revista como a nosa tiña que asentarse firmemente no pasado para crear un proxecto de futuro e iso pasaba por recoñecer as nosas bases, os piares da disciplina histórica no noso país. Murguía éo, e a cabeceira da revista ficou vinculada a el sen que pola nosa banda houbera dúbidas, inda que sabiamos que esa opción podía ser criticada.
Murguía, RGH. Lembrades as primeiras reaccións diante da saída da revista?
Uxío-Breogán Diéguez. –É algo que nunca esquecerei…! A maior parte das reaccións (mesmo antes de saír do prelo a revista) foron de incredulidade absoluta. A reflexión que supoño farían, na maior parte dos casos, aquelas persoas coas que falábamos deste proxecto sería: “Se non existe unha revista como a que esta xente quere lanzar, como será posíbel facela realidade?”. Así, pois, presentouse moi complexa a tarefa que nos marcáramos.
Para editar o primeiro número, conscientes disto, quixemos contar con artigos inéditos que amosaran liñas de investigación nas que traballaba a nosa xerazón, na maior parte dos casos no marco do doutoramento da USC. Como non podíamos irresponsabelmente editar un número ou dous da revista e deixar de editala de inmediato (coa simplona escusa de que o país non era quen de manter unha revista destas características; cando, de ter acontecido iso, tería sido pola nosa incapacidade… ), quixemos reunir (e comprometer) investigacións para tres números ; é dicir para un ano completo, dado que lanzamos unha revista trimestral de inicio.
O segundo ano de andaina da revista Murguía iniciámolo, xa que logo, co número catro da publicación. Editamos daquela o primeiro monográfico, adicado á música popular galega, contando cos principais investigadores na materia (e a partir da proposta dos amigos, e excelentes pesquisadores, nomeadamente Ramom Pinheiro Almuinha e José Luis do Pico Orjais, coordenadores e coautores do volume).
Daquelas observamos que o proxecto gañara a credibilidade necesaria para combater a incredulidade espertada nun inicio. O balance, en liñas xerais, do primeiro ano de andaina foi moi positivo. Soubemos que marchaba por bo camiño a publicación cando superamos, en pouco máis dun ano, as cen subscricións. Co tempo triplicamos esta cifra…!
Alexandra Cabana. – Son as lembranzas máis claras de todo aquilo: por unha banda incredulidade e por outra alegría. Incredulidade sobre todo por parte de persoas que tiñan máis doado levar a diante un proxecto coma este mais que non o fixeron, institucións, investigadores e profesorado que tiñan da súa man medios, equipamentos e orzamentos. A alegría sobre todo de persoas de base, formantes ou non dos movementos sociais pero cun amor polo país que os facía sentírense acollidos por unha publicación destas características, que por número e variedade de seccións, estética e contidos, estaba achegada a gustos variados e non necesariamente académicos. Incredulidade e alegría mesturadas en nós, tamén, por nun primeiro momento sermos capaces de facela realidade e, andado o tempo, ser quen de mantela. Era importante que non quedara só no primeiro número, e un tras outro foron pequenas vitorias. Daqueles primeiros anos eu tamén destaco o número monográfico da música popular, polo que tivo, ademais, de recoñecemento da nosa música tradicional dentro dos estudos históricos.
Murguía, RGH. Falades de cen subscricións no primeiro ano de vida de Murguía, Revista Galega de Historia?
Uxío-Breogán Diéguez.- Así é! Triplicando co tempo esta cifra; e chegando, número a número, a máis de cincocentas persoas directamente, entre subscricións e promedio de exemplares vendidos en librarías. É este o noso verdadeiro patrimonio, xunto ás investigacións que publicamos e que, en moitos casos, promovemos; xunto á edición e recuperación de documentación histórica, socialización de libros, etcétera…
Alexandra Cabana. –Foi moi emocionante, sobre todo aquel primeiro verán, aquel día da Patria, o festival de Pardiñas… A cantidade de persoas que se foi subscribindo á revista a pé de rúa, a emoción de ver que a idea na que traballaramos era xa realidade e estaba a ser ben recibida. Axiña a presencia en librarías tamén foi destacada, mais nunca se perdeu ese contacto directo con lectores e lectoras e a fórmula da subscrición foi fundamental para a pervivencia da publicación, ó manter un compromiso máis duradeiro con ela e darnos certa seguranza económica a medio prazo.
Murguía, RGH. A arquitectura interna da revista a que respondeu?
Alexandra Cabana. – Respondeu directamente ó obxectivo divulgativo ó que queriamos chegar: coñecer a Historia do país nos seus diversos planos e facetas, sen ter que para iso achegala a través de longas e fondas investigacións senón combinando este formato con seccións máis breves ou con outros enfoques. Murguía é unha revista que conseguiu ter lectores moi variados, tal como pretendiamos, e penso que esa arquitectura interna foi clave. A sección ‘Investigación’ entendeuse como central, pero tamén se lle deu moita importancia á sección ‘Fontes’, para min especialmente querida, xa que a lectura directa dos documentos históricos abre por igual grandes posibilidades de coñecemento e de empatía. Co resto de seccións, ata as sete totais, pretendeuse dar pé a lecturas máis breves –podiamos ler historia sen ter que necesariamente adicar moito tempo a iso- e facer distintas propostas de lecturas, visitas virtuais e ata visitas físicas: ‘Museos e arquivos’ abriu ó coñecemento xeral espazos non sempre coñecidos nin sinalados, que pasaron a formar parte dos plans de lecer e turismo de non poucos lectores. A ‘Entrevista’ e ‘Lembranzas’ en boa medida teñen en común o recoñecemento de persoas destacadas na nosa historia, onte e hoxe, ben como protagonistas dos procesos, ben por térenos estudado.
Esta arquitectura penso que foi acertada: moitos lectores teñen destacado esa variade e a facilidade coa que, na vida diaria e cos tempos escasos que temos ás veces entre as nosas responsabilidades, se podía ir lendo a revista ós poucos, ás veces nunha sección máis curta, por veces nun artigo máis longo.
Uxío-Breogán Diéguez. –A arquitectura interna da revista foi algo que quixemos coidar, con absoluto detalle, desde un primeiro momento (non queríamos dar lugar a unha revista que sufrira, aos poucos, cambios). As sete seccións son reflexo, en grande medida, das nosas inquedanzas e daquilo que sempre quixemos ver, atopar, nunha revista galega de Historia. A investigación ocupa a centralidade da revista, en canto extensión se refire, mais as restantes seccións cualitativamente teñen un relevo incontestábel; quizais ‘Fontes’ e ‘Lembranzas’ por riba do resto.
Murguía, RGH. -Desde 2011 entrastes nunha nova etapa, non si?.
Uxío-Breogán Diéguez. –No ano 2011 impulsamos que a Asociación Galega de Historiadores tivera unha nova directiva (da que facíamos parte Alexandra e mais eu desde unha década atrás, sen posibilidades de recambio…). Para alén de que é positivo a remuda dos cargos de calquera entidade, isto sucedeu porque observábamos que a AGH case se limitaba a editar a revista Murguía, dado o traballo que significaba este labor -até aquela altura aínda saía trimestralmente do prelo a revista-, sen posibilidade de desenvolvermos outras iniciativas (aínda seguimos nese tempo, e posteriormente, celebrando as Semanas Galegas de Historia e os Congresos de Novos Historiadores/as, así como algunhas conferencias e mesas redondas).
Ben, daquelas unha nova equipa se fixo cargo da AGH, encabezada por Carlos Velasco Souto, e a directiva saínte impulsamos o Instituto Galego de Historia. Até ese momento a revista Murguía estivera editada polo Colectivo Murguía e pola AGH (sen custo algún para esta, dado que se autofinanciaba a publicación). Así é que, desde 2011, editamos Murguía, Revista Galega de Historia desde o IGALHIS. E desde 2014 acollemos no seo desta nova entidade á AGH, unha vez viu esta que perdía proxección sen ser coeditora da revista Murguía (constatando, aliás, que non deu sido o que quixo diante do seu nacemento na década dos ‘90, unha sorte de Colexio Profesional de historiadores e historiadoras –fundamentalmente, creo, pola existencia de numerosas asociacións, a nivel estatal e internacional, que agrupan por especialidades aos estudosos e estudosas da historia).
Alexandra Cabana. – Si, houbo que se reestruturar mais sempre na liña de conservar o proxecto, a permanencia nunha institución non ten que ser un valor en si mesma e sempre entendemos necesaria a renovación, por iso en boa medida marchamos da AGH. Uxío e eu centrámonos na publicación e na posta en marcha do IGALHIS. Foi outra etapa no mesmo camiño, como o momento da decisión de pasar de cuadrimestral a semestral, por poñer o foco noutra decisión importante.

Algúns exemplares de Murguía, Revista Galega de Historia
Murguía, RGH. Cal é o balance que facedes desta década e media de andaina de Murguía, Revista Galega de Historia?
Alexandra Cabana. – Altamente positivo, tanto no persoal coa global do proxecto. Para min achegou moitas aprendizaxes, relacións e experiencias. Viuse que con esforzo e constancia se podía levar a cabo un proxecto a priori moi arriscado sen apoios institucionais ou empresariais. Se recapitulamos os nomes, os temas, as investigacións que nestes anos pasaron por Murguía… en fin, falan por si mesmos, é unha enormidade, e todo sostido co empeño persoal de moi pouca xente, as e os que conformamos a equipa de Murguía nestes anos e ós que quero lembrar, estean ou non xa na publicación.
Uxío-Breogán Diéguez. – Concordo, mais unha vez, con Alexandra. Sen dúbida algunha o balance a facer é enormemente positivo. En definitiva ten sido un reto superado, acho que con creces. Sentímonos moi satisfeitas e satisfeitos que aquela desiderata, deseñada como proxecto por volta do ano 2001, pasara a ser realidade no 2003, manténdose no tempo durante década e media. Isto grazas a unha acollida magnífica de máis de douscentos subscritores e subscritoras, cos anos, algo no que insisto unha e outra vez (a importancia das lectoras e lectores, para alén do noso propio esforzo, é central para explicar a existencia durante década e media de Murguía, Revista Galega de Historia ) . Tamén gostaría pór en valor o traballo realizado desde moitas librarías do país, que lle deron e dan visibilidade á revista Murguía, recomendándoa ás súas e aos seus clientes, o que non é cuestión menor.
Murguía, RGH. Ten caducidade a revista Murguía?
Uxío-Breogán Diéguez. – Houbo ocasións nas que pensamos que a revista Murguía tiña caducidade; fundamentalmente pola imposibilidade de profesionalizar un proxecto que dá moito traballo…. Ora, non é menos certo que consideramos que o espazo que encheu Murguía, RGH sería unha mágoa ficara baleiro. Ora ben, esta pregunta habería que formularlla ao conxunto de lectoras e lectores da revista. Nós podemos afirmar que mentres manteñamos un número estábel de subscricións, e de venda en librarías, que asegure, como é o caso, o autofinanciamento deste proxecto, a publicación seguirá a existir. Este é foi e segue a ser o noso compromiso.
Alexandra Cabana. – Caducidade o proxecto, non. A necesidade entendemos que existe e que está refrendado por un seguimento de 15 anos, que se foi mantendo malia momentos nos que, como ben di Uxío, pensamos en finalizalo, mais non porque deixase de ter sentido senón polo custe, sobre todo de esforzo persoal, que a publicación implica.
No 2015 deixei a coordinación, por cuestións persoais e profesionais que tiven que priorizar, mais nunca deixei de estar en contacto coa revista Murguía, que foi quen de sobrevivir en circunstancias moi adversas, polo que lle auguro longa vida.
Murguía, RGH. Cal é o futuro de Murguía, Revista Galega de Historia? Cal son os desafíos que ten por diante a revista?
Alexandra Cabana. – Eu agardo que longo, porque queda moito por coñecer, por difundir… Os desafíos tamén son inxentes: ampliar subscricións, manter vendas nun momento en que semella que a todo se pode acceder virtualmente e de xeito gratuíto (convén destacar a importante actividade da revista a través da súa páxina web e do perfil en facebook, se ben é certo que o cerne da revista é a publicación en papel) e, inda máis, o mantemento da equipa humana, peza clave para a súa supervivencia. Cómpre tamén lembrar que a propia dinámica dos estudos históricos incide na vida da propia revista: a fraxilidade dos estudos sobre certos períodos históricos, os condicionantes que a nivel de currículo se fan a certas publicacións…
Uxío-Breogán Diéguez. –O grande reto que ten a revista Murguía por diante, ao meu ver, está en seguirmos ampliando o número de subscricións; así como manter a calidade das investigacións e contidos xerais da publicación. A nova imaxe coa que saímos do prelo neste quince aniversario, así como o afortalamento da equipa humana coa que contamos, é unha aposta, xustamente, polo futuro. Aproveito para agradecer o traballo creativo que dá lugar á nosa nova imaxe, obra da empresa cooperativa Sacauntos, e o magnífico labor que desenvolve o noso maquetador, Martiño Cabana, número tras número.
Na mesma orde de cousas, temos como reto desde o Instituto Galego de Historia ampliar a nosa oferta editorial, mantendo as coleccións existentes e sumando unha nova. A colección ‘Monografías’ e ‘Colectiva’ darán lugar a novas obras entre o final do presente ano e inicios do vindeiro, e entre tanto lanzaremos a colección ‘Exterior’, na que publicaremos obras preferentemente para fóra da Galiza. Libros que terán como obxectivo difundir a historia do país fóra das nosas fronteiras, con especial atención a territorios lusófonos, hispanofalantes e anglófonos. Escapando das traducións, serán obras escritas ad hoc, para divulgarmos en español, portugués e inglés a realidade galega en perspectiva histórica. Colección que agardamos teña un importante éxito.
Entrevista publicada en Murguía, Revista Galega de Historia nº37 .
Nas mellores librarías do país!