85 aniversario do Galeuzca. Un documento inédito a partir da ‘Viaxe Triangular’ do 1933.

Desde finais do século XIX diversas relacións entre persoeiros galegos, vascos e cataláns eran habituais; realidade que se enriquecería ao longo do primeiro terzo do século XX. Os principais intelectuais, e organizacións, das tres nacións compartirían reflexións, análises e preocupacións, tentando dar lugar a un tecido organizativo estábel no tempo. Desde Alfredo Brañas a Jesús María de Leizaola e  Lluís Companys, pasando por Joan Manyé i Flaquer, Francesc Cambó, Francesc Macià, Daniel R. Castelao, Josep Irla e Elías Gallastegui Uriarte…

| Un artigo de Uxío-Breogán Diéguez

A Tripla Alianza

Naquel primeiro terzo do pasado século acentuaríanse estas relacións, parello ao feito de se desenvolveren na Galiza, Euskadi e Catalunya os piares do soberanismo moderno. Organizativamente, irían tamén aumentando as relacións entre diversas estruturas como, por exemplo, as Irmandades da Fala, creadas no 1916, e Acció Catalana, nada no 1922. Precisamente esta última será a organización que faga a proposta explícita dunha alianza entre as tres devanditas nacións, tal e como o prolífico historiador Xosé Estévez ten demostrado décadas atrás[1]. A finalidade sería a de sumar forzas fronte un “sometemento” común, nunha acción compartida en favor da necesaria “redención” de cada un dos países en cuestión. Esta chamada dáse nun tempo de impase na Historia do Estado español, no final da decadente Restauración. Era aquel un contexto que levaría á organización patriótica catalá a afirmar con precisión:

La oscuridad de los tiempos que vienen hace más necesario el establecimiento de la Triple Alianza Nacionalista ante el Estado que traquetea…”.

 

Así foi que á altura do 11 de setembro do 1923 asinaríase o documento fundacional da coñecida como Tripla Alianza no Centre Autonomista de Dependents del Comerç i de la Indústria de Barcelona. Unha data a escollida chea dunha elevada cárrega emotiva, en canto que falamos do Día Nacional de Catalunya ou Diada[2]. Neste primeiro chanzo da alianza política entre galegos, vascos e cataláns atopábanse as organizacións catalás, e para alén da Acció Catalana, Federatio Nacionalista e Unió Catalanista –sumándose ao pouco tamén Estat Catalá-, as galegas Irmandades da Fala e Irmandade Nazonalista Galega, así como o euskaldún Partido Nacionalista Vasco. O documento fundacional desta alianza foi cualificado polo veterano galeguista Francisco Fernández del Riego, nun texto redixido unha década despois de se lanzar o devandito encontro, de “…paito secreto de matiz francamente arredista…”[3].

Esta alianza, de potencial dubidoso naquela altura da man das diverxentes sensibilidades que ficaban sustentándoa, acabaría frustrándose polo Golpe militar que daría o 13 de setembro do propio 1923 o xeneral Miguel Primo de Rivera, co que principiaría unha ditadura.

Galeuzca
Após un sexenio, asístese á queda da ditadura de Primo de Rivera; abríndose á altura do 1929 un impase dun ano, a denominada Dictabranda. Unha marxe temporal que posibilitaría que as forzas republicanas e soberanistas na Galiza, Euskadi e Catalunya puideran reorganizarse e sentar as bases dun novo tempo. O aumento da consciencia de clase entre o proletariado, o sentimento antimonárquico e republicano (por mor, fundamentalmente, do elevado grao de corrupción que imperaba na España da altura, e a Guerra con Marrocos…), así como o medre das reivindicacións nacionais, xunto ao contexto internacional, en plena crise do 1929, fixeron que o 14 de abril de 1931 florecera a II República.
Neste marco, o galeguismo político preparábase para iniciar a súa maior singradura, até aquela altura, en termos político-partidario-institucionais; unha etapa representada, en todo caso, polo Partido Galeguista (PG), que lle tomaría o relevo das Irmandades da Fala. As diversas asembleas partidarias e irmandiñas patrióticas que operaban en grande parte do territorio galego, confluíron na Asemblea Constituínte do PG en Pontevedra no mes de decembro do devandito ano, como ten analizado con absoluto detalle Justo Beramendi[4]. Desde un inicio mantería como bandeira esta nova formación política a loita en favor, como se viñera de marcar na proposta do Seminario de Estudos Galegos de xuño do propio 1931, dun Estatuto de Autonomía que puidera dar lugar a un “Estado galego libre…(sic)”[5].

Fundacion do Partido Galeguista na VII Asemblea Nacionalista das Irmandades da Fala (Pontevedra), 5-6 de decembro de 1931.

De cara a consecución deste obxectivo estratéxico, marcaríase unha táctica na que sería fundamental, por unha banda, a aprobación do referido Estatuto de Autonomía e, por outra, unha alianza con cataláns e vascos que chegara a formar un polo que contrarrestase a acción do españolismo centralista de cara a construción dunha estrutura federalizante no contexto republicano español. No relativo ao tecido tripartito, os galeguistas, nomeadamente Alexandre Bóveda, secretario xeral, primeiro, e de organización, despois, do PG, mantiveron comunicación cruzada con diversos representantes vascos e cataláns, posibilitando as bases dun acordo organizativo.

Estas relacións culminarán na viaxe que vascos e cataláns farán a Galiza no mes de xullo do 1933, após a arenga galeuzcana formulada desde Euskadi da man de Acción Nacionalista Vasca (ANV). A devandita viaxe, denominada “Viaxe Triangular”, artellaríase coa intención de formalizar, diante do Día da Patria Galega, o que se denominará Pacto de Compostela ou Galeuzca[6].

Esta iniciativa presentaríase poeticamente a través de A Nosa Terra (ANT), voceiro do PG, como unha “…aperta de nacións irmáns compretamente independentes na sua i-alma” reunidas en irmandade “para demostrar ao mundo que nengunha está soa nesta empresa suprema do seu resgate…”. O documento fundacional sería asinado nos locais do Seminario de Estudos Galegos, segundo se podía ler en ANT, a partir dun texto redixido en galego por Alexandre Bóveda, polas organizacións xuvenís Palestra e Ultreya e as estruturas partidarias PG, Partido Nacionalista Vasco (PNV), Esquerra Republicana de Catalunya (ERC) e Unió Democràtica de Catalunya (UDC) [7]; outras, caso de ANV, ao non contaren con representación na viaxe pola Galiza, non asinarían en Compostela o documento, asinándoo un ano máis tarde, malia ser, caso da organización abertzale, impulsoras do encontro[8].

Parello ao entusiasmo das e dos fundadores de Galeuzca, cómpre destacar que esta iniciativa causaría grande malestar entre o españolismo máis militante, máxime ao ver como contaba o pacto tripartito cunha importante cobertura mediática, ultrapasando os lindes pirenaicos e, mesmo, alén mar. E é que medios de comunicación franceses, ingleses ou alemáns, así como arxentinos, caso de Petit Parisien, The Times, Berliner Tageblatt ou Galicia, daban conta da devandita unión a tres bandas como feito de relevo. Neste sentido, sería representativa o artigo que Adolfo Marsillach y Costa[9] escribiría en contra de Galeuzca e as demandas nacionalistas; no que faría unha síntese do camiño andado desde a ‘Triple Alianza Peninsular’, afirmando dous anos antes de falecer na capital catalá, cando viña de se publicitar o nacemento do Pacto de Compostela, o que segue:

En 1923 (…) se constituyó la Triple Alianza Peninsular, integrada por separatistas gallegos, vascos y catalanes. La misión de esta Alianza, su última razón de ser, era apelar a todos los medios, legales y violentos, para una desmembración del territorio nacional (…); unos y otros nacionalistas (…) han formado la Galeusca, que viene a ser en sus propósitos lo que fue la Triple Alianza Peninsular, disuelta, como ya sabemos, por prudentes motivos y sin que todavía se haya enterado de su formación y disolución la Sociedad de Naciones[10].

Nada máis lonxe da realidade, repárese en que o IX Congreso de Nacionalidades Europeas, adscrito á Sociedade de Nacións e celebrado en Berna (Suiza) entre o 16 e o 18 de setembro de 1933, daría cabida ás demandas destes nacionalistas ibéricos. Encontro no que a Galiza sería recoñecida, por vez primeira, como nación europea por medio da decidida presenza naquela cimeira de Plácido Castro en representación do Partido Galeguista[11].

Galeuzca, para o caso galego, xa que logo, deuse nun contexto de expansión do PG e o nacionalismo, que contrataba coas trabas que se lle estaban a pór de cara a consecución daquel obxectivo táctico, como se marcou, cal era o Estatuto de Autonomía. E é que após a exitosa celebración da Asemblea de Concellos de Galiza Pro-Estatuto, en decembro de 1932[12], o desenvolvemento -segundo a legalidade constitucional española- dun plebiscito en relación á cuestión autonomista sería adiado. Nomeadamente da man do goberno español da Confederación Española de Derechas Autónomas (CEDA), formación que gañara as eleccións de novembro daquel 1933.

 

Siga lendo este artigo en Murguía, Revista Galega de Historia nº37 .

Nas mellores librarías do país!

 

[1] Vid. Estévez, Xosé (1991), De la Triple Alianza al Pacto de San Sebastián (1923-1930). Antecedentes del Galeuzca, Donosti, Universidad de Deusto/Facultad de Filosofía y Letras. Véxase tamén (2009) Galeuzca: la rebelión de la periferia (1923-1998), Madrid, Entinema.

[2] Douscentos nove aniversario, segundo se sinala no devandito manifesto/documento fundacional da Tripla Alianza, do “asalto a la ciudad [de Barcelona] por los ejércitos de las dos coronas de Francia y España…”.

[3] Fernández del Riego, Francisco (1934) “Dintel xurídico-político da nación galega” en Alento. Boletín Estudos Políticos, nº4 pp.65-71

[4] Beramendi, Justo (2007), De Provincia a Nación. Historia do Galeguismo político, Vigo, Xerais.

[5] Paz Andrade, V. et alli (1931), Anteproyeito de Estatuto de Autonomía, Compostela, Seminario de Estudos Galegos.

[6] Castells, Víctor (2008), Galeusca. Un ideal compartit, Barcelona, Rafael Dalmau Ed.

[7] Vid. “Galeuzca” A Nosa Terra nº304 6/8/1933 e “Unha embaixada de Vasconia e Catalunya ao País Galego”, A Nosa Terra nº305 13/8/1933.

[8] Daría conta destes detalles Álvaro de las Casas, que fora membro do Comité Executivo do Partido Galeguista e que participara da Viaxe Triangular. Vid. De las Casas, Álvaro (1934-1935), “Diario dunha viaxe de nazonalistas. Galeuzca” Alento. Boletín de Estudos Políticos nº1-2, pp. 16-32; nº3, pp.49-64; nº7-8 , pp.177-182. Vid. Diéguez Cequiel, Uxío-Breogán (2003), Álvaro de las Casas. Biografía, Documentos e Epistolario, Vigo, Galaxia.

[9] Xornalista e dramaturgo, simpatizante de Alejandro Lerroux, nacido no 1868 en Barcelona. Avó do  actor e director de teatro Adolfo Marsillach Soriano, falecido en Madrid no 2002.

[10] Marsillach y Costa, Adolfo “La Galeusca”, ABC, 23/08/1933, p.4.

[11] (2013) 1933-2013, 80 anos da participación e admisión de Galicia no Congreso de Nacioanalidades Europeas : Plácido Castro, a voz que acadou o recoñecemento internacional de Galicia como nación. Fundación Plácido Castro.

[12] Diéguez Cequiel, Uxío-Breogán (2002), A Asemblea de Concellos de Galiza Pro-Estatuto, Fundación Alexandre Bóveda.

*A peza documental, da que descoñecemos a autoría, transcríbese na súa versión orixinal no artigo publicado en Murguía, Revista Galega de Historia vol. 37 (xaneiro-xullo de 2018).

É propiedade da Fundación Alexandre Bóveda; catalogado, no fondo ‘documentos políticos’, coa signatura 2/128.

 

 

Comments are closed.

Web xerada a partir de WordPress | Deadline Theme : inspirada en Awesem e deseño de Orman