Murguía, Revista Galega de Historia. Vol. 38

Nos próximos días iremos subindo á rede os contidos do vol. 38 de Murguía, Revista Galega de Historia. Achegamos desta volta o editorial:

Co presente volume de Murguía, Revista Galega de Historia pechamos unha década e media de vida da publicación, que celebramos cun cambio de imaxe co que lembramos ás xentes das Irmandades da Fala e da Xeración Nós.

E é que, como é natural, participamos activamente na conmemoración do centenario de ambas realidades, que abriron un tempo de modernización e institucionalización do feito diferencial galego a inicios do pasado século XX. Abrindo unha tradición, asentada no activismo rexionalista de finais do s.XIX, que foi rachada abruptamente polo golpe militar de 1936 e que perviviu entre o exilio e a clandestinidade no interior (ou marxinación, no mellor dos casos), durante a ditadura franquista, para relanzarse na década dos ’70 do pasado século.

 

*****

 

No presente número de Murguía, Revista Galega de Historia presentamos na sección Fontes un texto, da autoría do profesor da Universidade da Coruña Uxío-Breogán Diéguez Cequiel, arredor do exilio galeguista en Francia que introduce a reprodución do primeiro número do boletín Galicia editado no 1945 polo “Frente Libertador Galego”. Na apartado de Investigacións,  o profesor da Universidade de Deusto Xosé Estévez reflexiona sobre o recoñecemento de Galiza como nación no IX Congreso de Nacionalidades Europeas de 1933, con motivo do oitenta e cinco aniversario daquel histórico encontro. O  investigador Adolfo de Abel Vilela achéganos ao posicionamento da Igrexa Católica luguesa diante do golpe militar de xullo de 1936, para o docente Carlos Méixome realizar a seguir unha abordaxe á militancia e compromiso político de Xabier Alonso Salgueiro, falecido temperamente no 1989. Pechando a devandita sección o investigador e tamén docente Xohán Xavier Baldomir, quen presenta un artigo arredor do entremés galego de Salvador Francisco Roel que data no 1707.

Na sección A Entrevista, rescatamos unha conversa que mantivera Enric González co historiador Josep Fontana para Jot Down, e que publicaramos en tempo real traducida ao galego na web de Murguía, Revista Galega de Historia. Unha conversa de grande actualidade e que publicamos cando se vén de producir o falecemento do grande historiador catalán.

Capa de Murguía, Revista Galega de Historia vol. 38

En Lembranzas recordamos a figura e obra de Alfredo Brañas, do que se vai cumprir o cento sesenta aniversario do seu nacemento. En Museos, Arquivos, Bibliotecas e Lugares Pedro Inicio retrotráenos ao inicios e presente da Biblioteca da Universidade da Coruña. En Lecturas, os historiadores Gustavo Hervella, Prudencio Viveiro Mogo e Alberte Lago Villaverde recensionan as obras Galicia no labirinto da nova política, de Xoán Hermida González, Fernando VII de Emilio La Parra e The Ancient Celts de Barry Cunliffe, respectivamente.

Por último, en A Rede visitamos as webs do Museo de Historia Natural da Universidade da Coruña e do Museo Provincial de Lugo, animando aos nosos lectores e lectoras a que visiten ambos espazos electrónicos e físicos.

 

*****

Cando este volume estaba a se pechar, soubemos da triste nova do falecemento do historiador catalán Josep Fontana e, ao pouco, do historiador galego Elixio Villaverde.  Ambos estarán sempre na nosa memoria.

|

 

 

Comments are closed.

Web xerada a partir de WordPress | Deadline Theme : inspirada en Awesem e deseño de Orman