Resumo: Este traballo pretende analizar un dos sucesos máis destacados na loita antifranquista na zona da Mariña, no norte da provincia de Lugo. Trátase da morte do falanxista Juan Iglesias Rubal, máis coñecido polo alcume do “Pinguelo”. Tradicionalmente, esta execución foi considerada como unha vinganza polas acción de Iglesias Rubal no occidente asturiano. Ora ben, a tese defendida polo autor é que a morte do Pinguelo debeuse a unha acción de guerrilleiros comunistas de Ourol-Viveiro, en represalia polas accións do falanxista nesta zona.
Palabras chave: Guerra Civil, franquismo, guerrilla, A Mariña, Juan Iglesias Rubal.
Abstract: This paper tries to analyze one of the most important events in the anti-Francoist struggle in the A Mariña area, in the north of the province of Lugo. It is the death of the member of Falange Juan Iglesias Rubal, best known for the nickname of the O Pinguelo. Traditionally, this execution was considered a revenge for the actions of Iglesias Rubal in the Asturian West. However, the thesis defended by the author is that the death of the Pinguelo was due to an action of communist guerrillas of Ourol-Viveiro, in retaliation for the actions of the Iglesias Rubal in this area.Key words: Civil War, Francoist, guerrilla, A Mariña, Juan Iglesias Rubal.
Autor: Arturo Blanco Mogo / Murguía, Revista Galega de Historia nº40
Contexto histórico
Coa sublevación do 18 de xullo de 1936 desencadeouse unha dura represión sobre todas as persoas significadas na defensa da República e da democracia. Tamén na Mariña a longa pouta da ditadura acadou os seus obxectivos. Non obstante, tamén esta zona xeográfica foi unha das máis significadas na resistencia ao franquismo, sendo campo de actuación da guerrilla.
Moitos homes de esquerdas que respondían a convencemento comunista, anarquista ou socialista, defensores da República (facendo caso omiso do parte de fin da guerra asinado por Franco e lido en Burgos no mes de abril de 1939), resistindo, botáranse ao monte para facer fronte ao bando gañador e, ilusionados, continuaron na loita, coa meta de contemplar de novo no horizonte unha España democrática e republicana.
No norte de Lugo, entre eses homes, cómpre especialmente salientar a Luís Trigo Chao, “O Gardarríos”[1]; e a aqueles outros guerrilleiros que actuaban pola zona occidental da Mariña lucense –marcada polos concellos de Viveiro e Ourol- e que, maiormente, buscaron protección nas ramificacións boscosas e montañesas propiciadas pola Serra do Xistral.
Matizado está nas crónicas da resistencia galega que ao “Gardarríos” o mataron en Lourenzá, o 23 de xuño de 1948, xunto coa súa xove compañeira de dezaoito anos Antonia Díaz Pérez, cando se dispuñan a facer noite na casa do seu amigo Xerardo, na que estivera xa resgardado outras veces.
Trigo, internouse no monte o día 20 de xullo de 1936, pasadas unhas horas de que os militares en Galiza se sublevaran decretando o estado de guerra.
Sendo garda da venatoria (popularmente, “gardarríos”) en Mondoñedo e presidente da agrupación socialista da localidade, daquela, os seus compañeiros de militancia non o quixeron seguir na aventura. Perante a negativa, este rebelde maquis, pronunciou esta frase que ficou perpetuada na historia guerrilleira: “Pois, a min, se me queren coller, téñenme que coller ao voo, a min, ao pousado non me collen”[2].
Actuaba maiormente nos lindeiros sinalados polos concellos de Lourenzá, Mondoñedo, Abadín, Muras, Alfoz e Valadouro e, certamente, o colleron ao pousado e de maneira ben doada.
Cando Luís Trigo e Antonia Díaz saltaron, na noite, o valado da eira daquela casa laurentina, unhas descargas de certeiros disparos atravesaron os corpos de ambos os dous resistentes republicanos.
Significativamente, semella que “O Gardarríos” morreu berrando ¡traidores!. Este berro foi debido a que Luís Trigo, tras da súa conciencia socialista, rexeitaba o comunismo, estando enfrontado con moitos dos guerrilleiros, por seren estes leais a estoutra ideoloxía.
Na ocasión, creu que os tiros os efectuaran membros do Exército Guerrilleiro da Galiza, mandados polos dirixentes comunistas retornados do exilio Xosé Gómez Gayoso e Antonio Seoane[3]. Non obstante, o independente maquis morto en Lourenzá (que tiña nacido o 24 de decembro de 1889, na parroquia de Santa María de Cabanas no Vicedo, e que, cando finou contaba con 58 anos), caeu ben confundido:
Quen o agardaban escondidos na escuridade –logo de cortar o fluído eléctrico da vila–eran cinco integrantes da “brigadilla” da Garda Civil de Viveiro, ao mando do Axente policial de Investigación Criminal de Madrid Sebastián Fernández Rivas. A “brigadilla” era unha temida unidade da Garda Civil, destinada a acabar con aqueles valentes homes contrarios ao réxime político imperante, que se amparaban nos lugares montañosos. Estaba integrada principalmente por fogosos gardas civís, mais tamén por algúns excombatentes franquistas. Vestían unha indumentaria semellante a aquela que adoitaban usar os fuxidos e, con esta argucia, conseguiron matar moitos deles (…).
Texto ao completo disponíbel en Murguía, Revista Galega de Historia nº40
__________
[1] NUEVO CAL, Carlos (2017), “A impunidade e a represión fascista nas terras da Mariña luguesa”, en ERMIDA MEILÁN, Xosé Ramón et alii (Coords): Os nomes do terror. Galiza 1936: os verdugos que nunca existiron, Santiago de Compostela: Sermos Galiza, pp. 115-134. Sinala este autor: “Andado o tempo, algúns fuxidos como Luis Trigo Chao, o Gardarríos, chegarían a ser considerados como toda unha lenda na loita polas liberdades”, p. 133-134.
[2] GONZÁLEZ REIGOSA, Carlos (1989), Fuxidos de sona, Vigo: Edicións Xerais de Galicia, p. 47.
[3] Pretendendo estes líderes, supostamente, tiralo do medio e así conseguir a unificación, baixo a dirección comunista, de todos os membros dos bandos guerrilleiros que actuaban desleixados polo norte de Lugo.