Resumo: O documento que agora presentamos constitúe a “pedra angular” da Mocedade Galeguista de Celanova. Segundo o seu propietario actual, conservábase na casa familiar do mestre celanovés Odilo Pérez Fernández, posible membro das Mocedades e gran amigo de Xosé Velo Mosquera.
O texto, que está redactado en castelán para poder ser oficialmente rexistrado, consta de 9 artigos que, baixo o título de “Estatutos”, estipulan o funcionamento interno da organización, os seus obxectivos e os medios para logralos.
Palabras chave: Mocedades Galeguistas, Documento fundacional, nacionalismo galego, Partido Galeguista, II República.
Abstract: The document we present here is the “cornerstone” of the Mocedade Galeguista of Celanova. According to its current owner, it was kept in the family home of the Celanova teacher Odilo Pérez Fernández, a possible member of the Youth and a great friend of Xosé Velo Mosquera.
The text, which was published in Spanish in order to be registered officially, contains 9 articles that, under the title of “Statutes”, stipulate the internal functioning of the organisation, of its objectives and its means to achieve them.
Keywords: Galeguista youth, foundational document, Galician nationalism, Galeguista party, Second Republic.
//
Autor: Pablo Sánchez Martínez*
//
As “Mocedades Galeguistas”
As primeiras Mocedades Galeguistas xurdiron durante o ano 1932 impelidas pola necesidade do recén fundado Partido Galeguista (PG)[1] de contar cunha canteira xuvenil que defendese o seu proxecto político. En febreiro será cando o profesor Álvaro de las Casas, inspirado polo éxito das ligas de scouts, funde a organización Ultreya cun grupo de alumnos do Instituto de Noia. O movemento estendeuse rapidamente polo país, con gran repercusión entre o galeguismo. Os ultreyas constituían un grupo de adolescentes uniformados que compaxinaban a práctica do excursionismo (as famosas xeiras) coa exaltación galeguista, organizados baixo unha estrutura case militar na que o seu fundador desempeñaba o cargo de Rexente[2].
Practicamente ao mesmo tempo nacen as mocidades de Ourense e d’A Coruña impulsadas e tuteladas por membros do PG[3]. En marzo debátese no seo do Consello Executivo do partido unha proposta para impulsar oficialmente unha das dúas organizacións (Ultreya ou Mocedades) ou a posibilidade de compatibilizar ambas[4]. Finalmente, optouse por apoiar ás Mocedades despois dos desaires de Álvaro de las Casas, que quería rexer a organización en exclusividade. Sen o apoio do partido, os grupos Ultreya viron minguada a súa capacidade de acción que quedou reducida a iniciativas cada vez máis limitadas.
Aínda que as Mocedades Galeguistas foran creadas para seren a organización xuvenil do PG, progresivamente foron reivindicando a súa autonomía. En xaneiro de 1934 constituíuse a “Federación de Mocedades Galeguistas” (FMG), o órgano que as irmandaba a todas, como “agrupación autónoma dentro da decraración de Principios do Partido Galeguista”[5]; e na última asemblea, en maio de 1936, acordaron denominarse “nacionalistas” en troques de “galeguistas”, ademais de prohibiren aos seus membros compatibilizar a militancia nas Mocedades coa pertenza a calquera partido político, incluído o PG[6].
A acción das Mocedades centrouse, sobre todo, en actividades culturais e formativas, de acordo co interese dos seus membros, a maioría deles estudantes preuniversitarios ou universitarios. Pese aos seus esforzos, non pasaron de ser un grupo elitista de mozos intelectuais comprometidos coa causa galeguista que, libres das ataduras políticas que tiñan os cadros do partido, constituíron a vangarda máis belixerante do nacionalismo galego durante a II República, un viveiro de futuros líderes, confrontando en ocasións coa dirección do PG.
Dentro da FMG convivían varias tendencias. Problemas, nunca ben resoltos, foron a relación co partido, a falla de operatividade, a interpretación do galeguismo, a colaboración con outros partidos ou as vacilacións á hora de definirse dentro do espectro dereita/esquerda. Unha das correntes máis significativas, pola súa transcendencia, foi a independentista ou arredista, representada por Xosé Velo e Celso Emilio Ferreiro. Estes gobernarán a FMG trala segunda asemblea[7], en abril de 1935, levando á organización ás maiores cotas de autonomía. Esta corrente definíase pola súa belixerancia á hora de defender a independencia de Galiza e negarse a colaborar con partidos de obediencia española.
Mais durante a campaña electoral de 1936 a súa actuación é confusa, mesmo contraditoria. Tras criticar o colaboracionismo do PG cos partidos españois, a maioría dos grupos, salvo un sector de Ourense capital, participan na campaña da Fronte Popular para, unha vez gañadas as eleccións, manifestar a súa desconfianza verbo desta alianza. Criticábase e esixíase ao mesmo tempo a promulgación do Estatuto de Galicia. Uns bandazos que só se poden explicar pola existencia de diferentes sensibilidades ou pola separación entre a teoría e a práctica, como suxire Xavier Castro[8].
Na III asemblea da FMG, en maio de 1936, as teses arredistas son substituídas por un acercamento pragmático ao Partido Galeguista e a favor da aprobación do Estatuto de Galicia[9] que se plebiscitaría en xuño. Apróbanse os novos estatutos da organización e os grupos locais pasan a chamarse “Irmandades”, que se organizarían en células. Formúlase tamén a recuperación dos grupos Ultreya. A partir de entón denomínase Federación de Mocedades Nacionalistas (FMN).
O alzamento militar supuxo a fin das Mocedades. Os seus compoñentes foron perseguidos, encarcerados ou asasinados. Malia truncarse a súa continuidade durante a ditadura de Franco, os membros das mocidades tiveron unha destacada proxección cultural durante o resto do século XX, ben no interior (arredor da Editorial Galaxia), ben no exilio, mantendo vivo o lume do galeguismo e facendo de ponte entre a II República e a Transición[10]. Velaquí algúns dos máis representativos: Ramón Piñeiro, Fernández del Riego, Ferro Couselo, Celso Emilio Ferreiro, Pepe Velo, Luís Seoane, Carvalho Calero, Álvaro Cunqueiro, Avelino Pousa Antelo, Álvarez Blázquez…
A Mocedade Galeguista de Celanova
Como xa se dixo, unha das primeiras agrupacións en constituírse foi a de Ourense[11] e, impulsados por esta, creáronse varios grupos comarcais en Allariz, Bande e Celanova. De acordo co documento fundacional dado a coñecer recentemente polo Comité da Memoria Histórica de Celanova, a Mocedade Galeguista desta vila decidiu inscribirse oficialmente no rexistro o 15 de xullo de 1932, aínda que, seguramente, levase semanas funcionando de xeito informal.
Os mozos celanoveses destacaron moi pronto pola súa capacidade organizativa e gran poder de convocatoria, converténdose nun referente para as demais agrupacións, razón pola cal se denominou ao grupo de Celanova “centro neurálgico de las Mocedades”[12]. Entre os seus membros encontrábanse Pepe Velo e Celso Emilio Ferreiro, un tándem que chegaría a rexer os destinos da Federación de Mocedades en momentos decisivos.
En número de afiliados atopábase entre as máis numerosas de Galiza. En setembro de 1932 eran 42 integrantes e un ano e medio despois rexistraba, ademais de 50 afiliados, unha sección infantil (para menores de 15 anos) con máis de 40 membros. En total, preto dun centenar de asociados. Aínda que debemos tomar estas cifras con cautela, unha proba incuestionable da importancia que adquiriu o movemento nacionalista na comarca é que chegou a constituírse unha delegación na parroquia de Murillós (a un quilómetro escaso da vila) con representación oficial nas asembleas nacionalistas a partir de 1934, grazas ao esforzo do seu dirixente, Manuel Gosende.
O profesor Argimiro Rojo destaca como peculiaridades da agrupación de Celanova a súa “sincera e permanente solidariedade cos campesiños” e a súa “actitude sempre disposta á acción e ao práctico, nun desexo de obter resultados a curto prazo”[13]. O seu discurso, impulsado pola vívida oratoria de figuras como Pepe Velo ou Celso Emilio Ferreiro, sería unha mestura de agrarismo e galeguismo revolucionario, similar ao do crego de Beiro e fundador de Acción Gallega, Basilio Álvarez (…).
Texto ao completo disponíbel en Murguía, Revista Galega de Historia nº41-42
*Pablo Sánchez Martínez. Grao en Xeografía e Historia pola Uvigo e cofundador do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova
[1] Fundado en decembro de 1931.
[2] Véxase Diéguez Cequiel, Uxío-Breogán, “Álvaro das Casas e a súa actividade política na Galiza republicana (1931-1936)” en A Trabe de Ouro: Publicación galega de pensamento crítico, nº 49, 2002, pp. 97-99.
[3] Cfr. Castro, Xavier, O galeguismo na encrucillada republicana, vol. II, Ourense, Deputación Provincial de Ourense, 1985, p. 708 .
[4] Véxase Diéguez Cequiel, Uxío-Breogán, Álvaro de las Casas: biografía, documentos e epistolario, Vigo, Galaxia, 2003, p. 54.
[5] Rojo, Arximiro, As mocedades galeguistas, Vigo, Galaxia, 1987, p. 55.
[6] Ibídem, p.71. Non sabemos ata que punto se cumpriu este acordo, non cremos que fose escrupulosamente.
[7] Xosé Velo sería nomeado secretario xeral e Celso Emilio, secretario de organización. Completaban o directorio Vicente Bóveda como secretario técnico e Xosé Nogueiras, secretario de propaganda.
[8] Castro, Xavier, O galeguismo na encrucillada republicana, Ourense, Deputación Provincial de Ourense, 1985, pp. 748 e ss.
[9] Castro, Xavier, Op. Cit., pp. 724 e 725.
[10] Rojo, Arximiro, Op. Cit., p. 137.
[11] Ourense tamén foi o lugar de nacemento da FMG e onde se celebrarían as súas tres asembleas.
[12] Bozzo, Alfonso, Los partidos políticos y la autonomía en Galicia: 1931-1936, Madrid, Akal, 1976. 198.
[13] Rojo, Arximiro, Op. Cit., pp. 46 e ss.