Resumo: O obxectivo deste traballo é publicar cinco documentos de “espontaneo” –ou “espontáneas”– da primeira metade do século XVIII, localizados no Arquivo do Museo Provincial de Lugo. Trátase de fontes de grande interese para o estudo das mulleres e da sexualidade extraconxugal na Galicia do Antigo Réxime, nos que cinco mulleres solteiras confirman ante as autoridades os seus embarazos, froito, segundo as declarantes, da violencia sexual infrinxida por tres homes descoñecidos e por un home casado co que traballaba unha delas, e noutro caso pola relación sexual consentida cun home ao servizo dun boticario.
Palabras clave: Espontáneas, mulleres, sexualidade, violencia, Galicia, século XVIII.
Abstract: The aim of this paper is to publish five “espontaneos” –or “espontáneas”–, from the first half of the 18th century, documents located in the Arquivo do Museo Provincial de Lugo. These are sources of great interest for the study of women and extra-marital sexuality in Galicia during the Ancient Regime, in which five women confirm before the authorities their pregnancies, as a result of the sexual violence inflicted by three unknown men and by a married man, the boss of one of them, and, in anothe case, for a consensual sexual relationship with a man who worked for an apothecary, according to the declarants.
Keywords: Espontáneas, women, sexuality, violence, Galicia, 18th Century.
Autores: Miguel García-Fernández, Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (CSIC-Xunta de Galicia); e Pablo S. Otero Piñeyro Maseda, Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (CSIC-Xunta de Galicia).
No marco dos estudos recentes sobre a historia das mulleres galegas durante o Antigo Réxime e o século XIX, o caso das “espontáneas” ou “espontaneadas”, mulleres que declararon -voluntariamente ou impelidas polas autoridades- os seus embarazos froito de relacións extraconxugais co propósito de conseguir o “perdón” como premio pola súa franqueza, constitúe un tema ao que só se lle comezou a prestar atención específica en tempos recentes, contando aínda con poucos traballos centrados en analizar e contextualizar con precisión o fenómeno e a documentación xerada, a pesar da relativa abundancia destes documentos. Neste sentido, xunto ás breves consideracións recollidas sobre esta práctica por autoras como Serrana Rial no marco dos estudos sobre a historia das mulleres e as relacións de xénero na Galicia moderna, e por algúns outros modernistas en diversos estudos sobre a demografía e a sociedade galega do Antigo Réxime, nos últimos anos saíron á luz varios casos de mulleres espontaneadas localizadas en diferentes espazos da xeografía galega, que foron abordados con maior atención ou, cando menos, de forma específica.
o caso das “espontáneas” ou “espontaneadas”, mulleres que declararon -voluntariamente ou impelidas polas autoridades- os seus embarazos froito de relacións extraconxugais co propósito de conseguir o “perdón” como premio pola súa franqueza, constitúe un tema ao que só se lle comezou a prestar atención específica en tempos recentes
No 2016 o primeiro autor destas páxinas deu a coñecer o caso das espontáneas de San Xoán de Río, que até o momento constitúen os únicos expedientes deste tipo localizados na provincia de Ourense. Un ano despois, no 2017, Ana M.ª Romero Masiá estudou con detemento os numerosos casos da Coruña e Ferrol. Para o ámbito lucense, no 2018 Tamara González López recuperou e analizou un caso das terras do Asma e, a finais do 2021, foi premiado un estudo de Ángel Arcay Barral sobre as espontáneas das comarcas do Eume e Ferrol, onde localiza máis de medio millar de casos, confirmando a abundancia de espontaneos no Noroeste de Galicia.
Neste sentido, cabe preguntarse se é unha realidade diferencial ou se esta sobrerrepresentación galega é explicable pola ausencia de investigacións sistemáticas noutras áreas xeográficas. Sexa como for, a edición íntegra destes expedientes redúcese até o de agora a só unhas poucas publicacións (Rial García 1999: 364; Romero Masiá 2017: 65-76; García-Fernández 2018-2019; González López 2018: 191-192], a pesar da gran potencialidade que presentan de cara a achegármonos ás historias das mulleres declarantes, máis alá das similitudes ou reiteracións que presenta en si mesmo o modelo documental expedido a modo de “espontánea” (Arcay Barral 2021: 9-11). Polo tanto, cómpre advertir da pertinencia dun proxecto de edición máis amplo e sistemático e tamén da necesidade de dar a coñecer os novos casos que, grazas a novas investigacións arquivísticas, vaian aparecendo para o conxunto do territorio galego, no que semella que abundaban os casos. En palabras de Vizcaíno Pérez “son demasiado frecuentes en este Reyno de Galicia las causas que en él llaman de Espontáneas, desconocidas en otras provincias, pero no en nuestro Derecho”. Por suposto, isto non quere dicir que noutros territorios as taxas de ilexitimidade non foran igualmente importantes ou que no conxunto do territorio galego este fenómeno fora unha realidade demográfica homoxénea (Gónzález López 2018: 184). En todo caso, o obxectivo do presente traballo non é analizar esta práctica e o seu contexto, senón simplemente dar a coñecer cinco casos localizados no Arquivo do Museo Provincial de Lugo, entre os papeis do escribán Inocencio Varela, no marco das tarefas heurísticas desenvolvidas no seo do proxecto La casa señorial gallega (siglos XIII-XVI). Materiales para su estudio. Pretendemos contribuír así á iniciativa de recuperar, editar e estudar estas fontes que, máis alá de ser interpretadas exclusivamente como exemplo das iniciativas de control e represión dunha sexualidade feminina que as podía levar a situarse na marxinalidade (Rial García 2004; Varela González 2009), tamén están sendo analizadas nos últimos anos como evidencia dunha vida sexual extraconxugal máis ampla e heteroxénea que incluía a libre práctica da mesma por vontade propia (García-Fernández 2016, [2018], 2018-2019; Romero Masiá 2017: 78), ás veces co obxectivo práctico de paliar as consecuencias negativas da solteiría feminina con fillos que as amparasen na vellez (Rey Castelao e Rial García 2010: 52).
o obxectivo do presente traballo non é analizar esta práctica e o seu contexto, senón simplemente dar a coñecer cinco casos localizados no Arquivo do Museo Provincial de Lugo, entre os papeis do escribán Inocencio Varela
Xunto ao que nos din as propias “espontáneas”, cómpre sinalar que algúns coetáneos tamén fixeron referencia a esta realidade. Foi o caso de Francisco Somoza de Monsoriu (1775: 131-133) na súa obra Estorvos, i Remedios de la Riqueza de Galicia, quen afirma que:
“en Galicia las mugeres solteras tienen obligacion de parecer ante las Justicias a espontanearse de sus fragilidades. En otras Provincias, i Naciones se observa lo mismo. Esta legal costumbre lleva por objeto la precisa conservacion de el fruto, porque afianzan de su seguro con otro labrador que las acompaña. Si no practican esta diligencia, los Mayordomos de sus pueblos las siguen, i delatan a los jueces. Muchas de estas mugeres, para no hacer públicos sus deslices, o porque les faltan los haveres para las comunes gratificaciones, emprenden la tragedia más detestable. Algunas se hacen abortar con artificio; otras dejan los hijos en las calles, i montes. Las que se delatan dan padres supuestos a los partos regularmente, lo que ocasiona varios litigios. Todo es agrávio de la poblacion, i la especie. El Autor de el Comercio de Europa propone algun otro remedio para este perjuicio: quiere casas privadas i secretas, donde puedan parir estas infelices con seguridad, i sin descredito. Yo contemplaba que las Expontaneas ante las justicias debieran extinguirse, i que los mismos párrocos, velando celosos en este punto, pudieron disponer se entregasen a la direccion de alguna persona forastera, que saliesen de su ahora con prosperidad, i silencio. Es cierto que los curas gastarían algo; pero son mui nobles iguales dispendios”.
Este interesante fragmento dun contemporáneo, non só confirma a práctica dos espontaneos, senón que tamén aporta datos de interese sobre esta realidade social e propón as posibles solucións ou actuacións ante a mesma. De todos modos, sabemos que anos despois de que se publicaran estas palabras as altas taxas de ilexitimidade e os espontaneos non só continuaban en Galicia senón que parecen terse incrementado a finais do século XVIII e xa entrado o século XIX, especialmente en áreas como a Galicia interior (…).
Texto completo en Murguía, Revista Galega de Historia vol. 45-46!