Arredor dun pergamiño inédito do mosteiro bieito feminino de San Miguel de Bóveda do século XV. Estudo e contextualización para a historia das mulleres galegas

Síntese: O mosteiro bieito de San Miguel de Bóveda (Ourense) constitúe un exemplo máis do destacado papel e protagonismo que tiveron algunhas mulleres na Galiza medieval, neste caso ao integrarse e controlar unha institución señorial que lles permitiu manter un dos modos de vida feminino perfectamente aceptados pola sociedade medieval –o ingreso en relixión–, así como exercer o poder, especialmente no caso das abadesas e prioresas.
Sendo ben coñecido o devir histórico desta institución grazas a estudos anteriores, o obxectivo deste traballo é ofrecer a edición dun pergamiño inédito –aínda que non completamente descoñecido– do século XV, o que permitirá reflexionar, tamén, sobre o papel das relixiosas e a institución que señorearon como motores dunha produción escrita durante o período medieval, na que as mulleres xogaron un papel fundamental.
Palabras chave: patrimonio documental, monacato feminino, San Miguel de Bóveda, Século XV.
Abstract: The Benedictine monastery of San Miguel de Bóveda (Ourense) is one more example of some women’s outstanding role and prominence in medieval Galicia. In this case, women integrated and controlled a religious institution that allowed them to maintain one of the female ways of life perfectly accepted by medieval society –taking vows– and also to exercise power, especially in the case of abbesses and prioresses. Although the historical development of this institution is well-known thanks to previous studies, this research aims to offer the edition of an unpublished parchment –though not completely unknown– from the 15th century, which will allow reflecting, as well, on the role of religious women and the institution they represented as fosters of written production during the medieval period, in which women played a fundamental role.
Keywords: documentary heritage, female monasticism, San Miguel de Bóveda, 15th century.

Autores: Miguel García-Fernández* e Ricardo Pichel** 

A localización e edición de fontes documentais constitúen un labor esencial para avanzar con pasos firmes no coñecemento do noso pasado medieval. Ao noso entender, esta máxima xeral é especialmente relevante para a historia das mulleres, xa que, ao mesmo tempo que cómpre reler as fontes xa coñecidas desde a perspectiva de xénero, tamén é fundamental localizar novos documentos cos que clarificar a posición, o papel e o protagonismo das mulleres medievais galegas. Neste sentido, non foron poucos os avances que se deron nas últimas décadas grazas aos traballos de diferentes historiadores, paleógrafos, filólogos e outras persoas interesadas pola nosa historia e polas fontes que nos permiten recuperala4. Sen entrarmos na problemática das iniciativas dispersas e da necesidade dunha maior colaboración entre historiadores e filólogos á hora de editar as fontes medievais galegas, o obxectivo principal deste traballo é ofrecer a edición e
un primeiro estudo no marco da historia das mulleres dun pergamiño do antigo mosteiro medieval feminino de San Miguel de Bóveda (Amoeiro, Ourense), inédito até o momento, de cara a completar a colección documental do citado mosteiro, publicada por Adolfo Fernández Fernández (2005)5 e á que compre engadir un pequeno conxunto de copias modernas de documentos medievais recuperados e transcritos recentemente por Rodrigo Pousa Diéguez (2022; 2023)6. Sorprende en boa medida que este documento permanecera inédito, sobre todo porque a el xa fixeran referencia tanto Emilio Duro Peña (1977: 132) como Manuel Lucas Álvarez (2005: 564)7, aínda que este último, non obstante, apenas indicaba como referencia arquivística “ARG. Pergaminos”.

 o obxectivo principal deste traballo é ofrecer a edición e un primeiro estudo no marco da historia das mulleres dun pergamiño do antigo mosteiro medieval feminino de San Miguel de Bóveda (Amoeiro, Ourense), inédito até o momento, de cara a completar a colección documental do citado mosteiro, publicada por Adolfo Fernández Fernández.

Hoxe, pois, podemos completar esta referencia indicando que se trata do número 43 da Colección de documentos en pergamiño do Arquivo do Reino de Galicia8.

Pergamiño inédito do mosteiro bieito feminino de San Miguel de Bóveda do século XV (Arquivo do Reino de Galicia)

Máis alá da edición deste documento, e á espera de localizar novos pergamiños ou copias modernas da documentación medieval de San Miguel de Bóveda, procuraremos achegar algunhas reflexións complementarias ao redor dunha institución que, no marco dos estudos históricos sobre as mulleres galegas, e ao igual que o resto dos mosteiros de relixiosas da época9, constitúe un bo exemplo do destacado papel que tiveron algunhas mulleres na Galiza medieval, neste caso ao integrarse e controlar unha institución señorial que lles permitiu manter un dos modos de vida femininos perfectamente aceptados pola sociedade medieval –o do ingreso en relixión–, pero, ao mesmo tempo, tamén exercer o poder sobre outras mulleres e homes, especialmente se nos referimos ás abadesas e ás prioresas. Cada novo testemuño documental ao respecto constitúe, pois, unha evidencia máis da necesidade de revisar e repensar o papel, a posición e o protagonismo que tiveron as mulleres no seo da sociedade medieval en xeral, e na galega en particular, destacando que, lonxe de permanecer encerradas e illadas nas súas casas, torres ou claustros monásticos, moitas delas ocuparon espazos diversos e actuaron de forma activa, proxectando sobre a sociedade un poder e influencia que chegaron a ser sumamente notábeis. De feito, ao redor das abadesas, prioresas e outras relixiosas que conformaron as comunidades monásticas, xurdiron importantes redes de relacións sociais, económicas, relixiosas ou ligadas ao exercicio do poder público que é posíbel ir reconstruíndo mediante unha lectura e análise detidas da documentación que produciron ao actuaren xuridicamente no seo da sociedade que as rodeaba (García-Fernández 2017: 114-149; 2022a). Insistimos, por tanto, en que cada novo pergamiño ou documento recuperado e editado debe ser visto como unha fiestra cara ao pasado; unha fiestra, ademais, que nos permitirá ir trazando unha imaxe cada vez máis precisa dun tempo pretérito que non só se pode evocar en masculino, senón tamén en feminino.

á espera de localizar novos pergamiños ou copias modernas da documentación medieval de San Miguel de Bóveda, procuraremos achegar algunhas reflexións complementarias ao redor dunha institución que, no marco dos estudos históricos sobre as mulleres galegas, e ao igual que o resto dos mosteiros de relixiosas da época, constitúe un bo exemplo do destacado papel que tiveron algunhas mulleres na Galiza medieval.

As mulleres ao redor de San Miguel de Bóveda: unha achega a partir da documentación monástica
Achegarse á historia do mosteiro medieval de San Miguel de Bóveda (Duro Peña 1977; Lucas Álvarez 1995; Fernández Fernández 2004, 2005; Pérez Rodríguez 2019: II, 1075-1078; Pousa Diéguez 2022: 17-27) implica poñer de manifesto o papel das mulleres como señoras feudais no seo da sociedade medieval galega. Como cenobio feminino, as mulleres non só habitaron a institución10 senón que, na súa condición de abadesas e prioresas, tamén controlaron a xerarquía interna que marcaba o día a día do mosteiro, así como as súas relacións co exterior11. Como vén sendo habitual na documentación monástica, boa parte dos instrumentos conservados teñen que ver coas xestións patrimoniais realizadas polas relixiosas, ben como parte da institución, ben individualmente12. Ademais, no caso de San Miguel de Bóveda é posíbel documentar a existencia dunha xestión económico-patrimonial organizada ao redor de dúas mesas: unha correspondente á abadesa e outra ao resto da comunidade, o convento, que estaba encabezado pola prioresa (Fernández Fernández 2005: 34-36)13. Non é de estrañar, pois, que o aspecto mellor documentado sexa o relativo á xestión dun patrimonio que se fora conformando paulatinamente e que en boa medida reflicte a importancia que tiña a propiedade da terra na Galiza medieval á hora de construír relacións sociais, económicas e de poder. Neste sentido, é claro o predominio dos foros (…).

Texto completo en Murguía, Revista Galega de Historia vol. 47!


1 Este traballo realizouse no marco dos proxectos de investigación “HERES. Patrimonio textual panibérico. Recuperación y memoria” (CM/2018-T1/HUM-10230, CM/2022-5A/HUM-24226), dirixido por Ricardo Pichel (UAH); “Patrimonio textual na Galicia medieval. Prosa documental e literaria” (2021-CP037), coordinado por Eduardo M. Moscoso Mato (ILG-USC); e “Voces, espacios y representaciones femeninas en la lírica gallego-portuguesa” (PID2019-108910GB-C22), dirixido por Esther Corral Díaz (USC). Así mesmo forma parte das investigacións desenvolvidas por Miguel García-Fernández no marco do seu proxecto de doutoramento na Universidade de Santiago de Compostela, dirixido polos doutores Diana Pelaz Flores (USC) e Pablo S. Otero Piñeyro Maseda (IEGPS, CSIC-Xunta de Galicia).
*2 Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (CSIC-Xunta de Galicia / Universidade de Santiago de Compostela.
**3 Universidad de Alcalá. Instituto da Lingua Galega (Universidade de Santiago de Compostela).

4 A falta dun balance actualizado sobre a edición de fontes documentais referidas á Galiza medieval, poden verse diferentes aproximacións que reflicten o notábel incremento editorial nas últimas décadas, así como outras cuestións, caso da problemática ante a falta de unificación de normas de edición, por exemplo, en Tato Plaza e Boullón Agrelo 2004, Pérez Rodríguez 2010: 64-67, Boullón Agrelo 2013, Cabana Outeiro 2014 ou Boullón [Agrelo] 2017.
5 Cómpre destacar que, con anterioridade a este estudo, xa foran publicados varios documentos nos traballos de Duro Peña 1977 e Lucas Álvarez 1995, e un par deles reeditados como apéndice nun artigo de Adolfo Fernández no que se adiantaron os principais aspectos do percorrido histórico do mosteiro feminino de Bóveda durante o período medieval: Fernández Fernández 2004.
6 Agradecémoslle ao autor que nos facilitase estes dous traballos, incluso antes da súa publicación.
7 Aínda que este último apenas editou documentos do mosteiro, é preciso destacar que no seu traballo sobre o patrimonio monástico ofrece unha completa “regesta” documental de San Miguel de Bóveda até 1500, o que dá lugar a que os instrumentos pertencentes ás últimas décadas en realidade xa se corresponden con actuacións do abade de San Clodio unha vez anexionado o mosteiro feminino bieito á institución cisterciense masculina. En todo caso, nese traballo recollíanse referencias documentais que ás veces só se coñecían por extractos e que posteriormente non foron incorporadas na colección documental de Fernández Fernández (2005). Sucede así, por exemplo, con dous foros de 1475 outorgados pola abadesa dona Aldonza Eanes, que foron rexestados por Lucas Álvarez (1995: 570, docs. 75 e 76) e só posteriormente publicados a partir de copias modernas por Pousa Diéguez (2022: 144-149, docs. 5 e 6), igual que acontece con outro foro outorgado pola prioresa dona Tareixa Eanes en 1476 (rexestado en Lucas Álvarez 1995: 570, doc. 77, e editado a partir dunha copia moderna por Pousa Diéguez 2023, con data do 24 de marzo de 1476).

8 Dispoñíbel en https://arquivo.galiciana.gal/arpadweb/es/consulta/registro.do?id=157344. No momento de entrega deste traballo aínda figuraba como data o ano 1437, que, como indicamos máis abaixo, debe ser corrixida por 1447, tal como xa se indicaba no rexesto documental publicado por Manuel Lucas Álvarez (1995: 564, doc. 55).
9 Sobre os mosteiros femininos no marco da realidade monástica da Galiza pleno e baixomedieval, véxase, por exemplo, o estudo e o “monasticón” realizados por Francisco Javier Pérez Rodríguez (2019).

10 Unha reconstrución nominal da comunidade monástica de Bóveda en Fernández Fernández 2005: 109-110.
11 Estas relacións non só abarcaban a xerarquía eclesiástica na que se integraban as relixiosas –desde clérigos dependentes da institución a outros mosteiros e incluso o pontificado (Fernández Fernández 2005: docs. 6, 41, 42, 43, 44, 45, 47 ou 53)– ou o campesiñado e a nobreza da contorna –á que pertencían moitas destas abadesas e relixiosas–, senón tamén outras institucións como a monarquía ou mesmamente os poderes concellís. Por exemplo, en 1457 documéntase unha avinza entre a abadesa de San Miguel de Bóveda, por aquela altura dona Aldonza Eanes, e o concello de Ourense, e incluso en 1467 comprobamos que compareceron “personalmente dona Aldonça, abadesa, e Tereija Yanes, priora, por si i en nome das outras monjas” ante a “Hermandad da çividade de Ourense” (Id., 2005: 200-201, doc. 50, e máis completo en Pousa Diéguez 2022: 142-144, doc. 4).
12 Neste último caso non implica que actuasen fronte ou de costas ao mosteiro, xa que as actuacións xurídicas encabezadas polas relixiosas do mosteiro a título persoal adoitaban acompañarse da indicación de que se facían coa autorización da abadesa e/ou da comunidade.
13 En 1395, por exemplo, a abadesa dona Inés González outorgou un foro ao escudeiro Gonzalo Pérez Fociños indicando que o ben aforado “é da mesa de nós a dicta abbadesa” (Pousa Diéguez 2022: 139-140, doc. 2). Noutros casos, son as relixiosas, xunto coa prioresa correspondente, quen realizan xestións nas que a abadesa apenas figura dando a súa licenza e outorgamento (por exemplo, Fernández Fernández 2005: 183-184, doc. 39, entre outros). Incluso en 1433, a abadesa dona Maior Fernández recibiu unhas propiedades que tiña “a mesa do dito seu mosteiro” para proceder, a continuación, a aforalas (Id., 178-180, doc. 37).

Comments are closed.

Web xerada a partir de WordPress | Deadline Theme : inspirada en Awesem e deseño de Orman