MURGUÍA, REVISTA GALEGA DE HISTORIA VOL. 48-49

Cando este novo número de Murguía, Revista Galega de Historia sae do prelo, o exército de Israel leva dado lugar desde o 8 de outubro de 2023 a 34.000 mortos e a 18.967 feridos en Gaza, maioritariamente nenos e mulleres, así como a 1,5 millóns de persoas desprazadas, segundo informa a BBC británica, a partir de fontes do Ministerio de Sanidade gazatí. Unha nova escalada de violencia desatada contra a poboación civil palestina a partir do ataque que protagonizaron milicias de Hamas o 7 de outubro de 2023, no sur de Israel. A acción liderada por Hamas pasou a ser coñecida como “Operación Inundación de Al-Aqsa” e a que o goberno israelí iniciou horas despois, até o día de hoxe, leva o nome de “Operación Espadas de Ferro”

Inmediatamente antes do 7 de outubro uns 247 palestinos foran asasinados por forzas israelís ao longo de 2023, fronte a 32 israelís asasinados (para alén de dúas persoas estranxeiras) da man de accións palestinas. Un confronto desigual que se mantén no tempo desde hai tres cuartas partes de século. 

O conflito mantense no tempo desde o final da II Guerra Mundial, cando o mandato británico sobre Palestina remataba coa Resolución 181 da Organización das Nacións Unidas (ONU), coñecido como o “Plan de partición de Palestina”. A proposta da ONU naquela altura foi dividir o mandato británico de Palestina en dous Estados, un árabe e outro xudeu, ficando a cidade de Xerusalén baixo control internacional. No ano 1948 as tropas británicas abandonaban o territorio palestino e o sionista David Ben-Gurión declarou o Estado de Israel. A instauración deste Estado, sen supervisión internacional e incumprindo o pacto de partición de Palestina deseñado e aprobado pola ONU –impedindo a creación dun Estado árabe en Palestina–, deuse en paralelo ao desaloxo e expulsión de milleiros de familias árabes palestinas das súas casas e territorio, converténdose en refuxiados en países veciños (iniciándose o coñecido como Nakba –en galego catástrofe ou desastre–, é dicir, o éxodo palestino, que deu lugar a que, segundo datos da ONU, 711.000 palestinos e palestinas foran daquelas expulsadas das súas vivendas e do seu territorio)

Imaxes difundidas pola ONU en 2023 diante do 75 aniversario da Nakba.

O Estado de Israel pasou a ocupar Palestina, agás o franxa de Gaza, na que conseguiu resistir o pobo palestino; se ben entre 1948 e 1949 unha coalición de palestinos, exipcios, iraquís, xordanos, libaneses e sirios chegaron a administrar o sur e leste de Palestina, consonte o acordo da ONU, xunto a Xerusalén. No ano 1949 Israel e a coalición árabe asinaron un armisticio e delimitaron a fronteira de Israel cos territorios árabes de Cisxordania e a Franxa de Gaza, na denominada Liña Verde.

Desde aquela altura até a actualidade téñense sucedido períodos de maior ou menor tensión, mais sempre coa constante de padecer o pobo palestino o seu desterro e unha represión durísima e á que ten feito fronte de múltiples maneiras.

A “Operación Espadas de Ferro” obviamente semella perseguir o control total de Gaza por parte do goberno israelí, pasando a dominar totalmente Palestina (e mesmo outros territorios próximos…), a través da destrución de toda infraestrutura existente naquel país, co sometemento e aniquilación da poboación civil a través de bombardeos, fame e sede.
Desde as páxinas de Murguía, Revista Galega de Historia denunciamos o proceso de aniquilación do pobo árabe palestino e apelamos a unha tregua sobre a que se poida negociar unha paz mantida no tempo, que dea lugar ao cumprimento das resolucións internacionais promovidas pola ONU, dando lugar á creación dun Estado soberano palestino.

*****

Abrimos as páxinas deste novo número de Murguía, Revista Galega de Historia coa transcrición e análise do testamento de Pedro Varela, escudeiro e señor da Casa de Dubra, falecido no ano 1424, que publicamos na sección Fontes. Esta contribución asínaa o investigador Fernando Dopico Blanco. A seguir reprodúcese a laudatio que pronunciou o profesor da Universidade da Coruña Uxío-Breogán Diéguez en recoñecemento do catedrático emérito da Universidade de Santiago de Compostela Justo Beramendi, e a seguir reproducimos a resposta deste último, palabras pronunciadas na presentación do libro Justo Beramendi. Galego por elección, obra editada polo Museo do Pobo Galego, en cuxas instalacións se desenvolveu o acto de homenaxe o 14 de xullo de 2022.

Justo Beramendi, no centro, intervindo en resposta á laudatio, diante da presentación do libro-homenaxe, publicación e acto promovido desde o Museo do Pobo Galego. Á esquerda acompañan a Beramendo Manuel Vilar, director do Museo, e á dereita Concha Losada, presidenta da entidade, así como Uxío-Breogán Diéguez, integrante do Consello de Goberno. ©MPG

Na sección Investigacións a historiadora Concepción Álvarez Pousa presenta unha síntese que nos achega un percorrido pola Terra de Viana do Bolo desde a cultura castrexa até a Idade Contemporánea. A seguir, a investigadora predoutoral Mª Aurora Pérez–Carro y Fole completa neste volume a súa achega sobre a subida ao poder e caída de Miguel Primo de Rivera, centrándose sucintamente na relación do ditador coa intelectualidade galega do momento. O prolífico investigador Carlos Méixome achéganos, con total detalle, á tournée galega de José Calvo Sotelo, José Antonio Primo de Rivera e o Conde de Guadalhorce no verán de 1930, tras a dimisión de Miguel Primo de Rivera á fronte do Directorio, e diante da creación da Unión Monárquica Nacional. A veterana investigadora, e catedrática xubilada da Universidade de Santiago de Compostela, Aurora Marco, pon en valor a seguir a figura de María Amado Otero, descoñecida resistente da IV Agrupación do Exército Guerrilleiro. Pecha esta sección Xosé Luís Barreiro Barreiro, catedrático emérito de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela, cun texto sobre a obra do teólogo e filósofo Victorino Pérez Prieto.

Na sección Lembranzas quixemos recordar, da man do historiador Prudencio Viveiro Mogo, a figura de Aurelio Ribalta, e, a través del, a de Manuel M. Murguía, a partir dun artigo publicado a finais do ano 1893 no xornal ourensán La Defensa de Galicia.

La Defensa de Galicia (28/11/1893) no que Aurelio RIbalta escribía o seu emotivo e incisivo artigo arredor de Manuel M. Murguía.

A continuación, no espazo A Entrevista Miguel García-Fernández conversa con Lucía Pereira Pardo, investigadora posdoutoral Ramón y Cajal no Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT) do CSIC.

En Museos, Arquivos, Bibliotecas e Lugares visitamos o Museo Marítimo de Esposende, presentando na sección Lecturas tres obras de grande interese, como son As peregrinacións a Compostela. Mito, historia e falsidades, de Xosé Miguel Andrade Cernadas, catedrático de historia medieval da USC; Joaquín Vaamonde Cornide. Un pintor galego con éxito internacional a finais do século XIX do historiador Perfecto Ramos Rodríguez e A Transición en Galiza, volume colectivo do que é coordinador e coautor Uxío-Breogán Diéguez, director da Cátedra de Memoria Histórica da Universidade da Coruña, desde a que se impulsou este libro.

Para pechar as páxinas deste número de Murguía, Revista Galega de Historia, o medievalista Miguel García-Fernández presenta na sección A Rede tres repositorios dixitais para acceder a fontes históricas e recursos bibliográficos, nomeadamente Galiciana-Biblioteca Dixital de Galicia, Biblioteca Virtual de Prensa Histórica e Europeana.

*****

Lamentamos profundamente o falecemento do profesor xubilado de francés e poeta Xoán Xosé Fernández Abella e do profesor e historiador Cristian Iglesias Lorenzo, ambos subscritores de Murguía, Revista Galega de Historia desde o seu inicio. In memoriam.

Comments are closed.

Web xerada a partir de WordPress | Deadline Theme : inspirada en Awesem e deseño de Orman