“…escollín a ciencia do patrimonio porque me permitía combinar a miña formación en ciencias (consecuencia de vir dunha longa saga de farmacéuticxs!), co meu interese persoal polas humanidades e as artes”, Lucía Pereira, investigadora do INCIPIT.

Lucía Pereira Pardo é investigadora posdoutoral Ramón y Cajal no Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT) do CSIC, onde está a desenvolver investigacións sobre historia da arte técnica e arqueometría mediante a análise da cultura material con diferentes técnicas analíticas non invasivas, en particular de espectroscopía e imaxe avanzada. 

Licenciada en Farmacia pola Universidade de Santiago de Compostela e con formación en Historia da Arte, Lucía Pereira doutorouse Cum Laude no 2015 coa tese “Evaluación de riesgos da pintura mural de A Ribeira Sacra. Análisis de materiales y estudio ambiental” e a continuación desenvolveu a súa carreira posdoutoral no Reino Unido. Entre o 2015 e 2016 foi bolseira ZSK/MINIARE no Museo Fitzwilliam da Universidade de Cambridge, onde participou no proxecto MINIARE para a caracterización non invasiva de manuscritos iluminados. Posteriormente, de 2016 a 2019 foi bolseira posdoutoral Andrew W. Mellon do departamento de Investigación Científica do Museo Británico, onde desenvolveu diversos proxectos, entre eles unha investigación pioneira en novos métodos de conservación, como o láser de erbio para a limpeza de superficies polícromas de especial fraxilidade; proxecto que recibiu o premio Nigel Williams Prize do Institute of Conservation (Icon). Entre o 2018 e o 2019 traballou como científica de conservación en Historic Royal Palaces e de 2019 a 2022 foi científica de conservación senior nos National Archives do Reino Unido, onde contribuíu á posta en marcha dun laboratorio analítico e obtivo financiamento para desenvolver múltiples proxectos sobre a materialidade de pergamiños medievais, mapas manuscritos, códices iluminados, fotografías do século XIX e téxtiles. Finalmente, tras oito anos en Inglaterra, en xaneiro de 2023 regresou a Galicia para incorporarse ao INCIPIT.

Actualmente é investigadora principal dos proxectos “O museo do invisible. Técnicas de imaxe espectral para a recuperación dixital de patrimonio artístico, arqueolóxico e documental deteriorado”, financiado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta de Galicia e o CSIC, mais “Historia da arte técnica. A materialidade da cor a través de análises non invasivas e tecnolóxicas dixitais”, financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación / Axencia Española de Investigación e Unión Europea.

 

·Entrevista de Miguel García-Fernández

Murguía, RGH.-Ao achegármonos, aínda que sexa brevemente, á túa traxectoria investigadora, hai dous aspectos que chaman especialmente a atención: a interdisciplinariedade e a internacionalización. Como valoras estes dous aspectos no marco do sistema investigador actual?

Lucía Pereira Pardo.-Penso que tanto interdisciplinareidade como internacionalización son dúas cuestións que o sistema investigador en España valora positivamente na teoría, pero case diría que penaliza na práctica. Explícome: en xeral vese como algo desexable que as nosas investigacións sexan colaborativas e vaian máis aló das disciplinas tradicionais, rompendo as barreiras entre elas para xerar novo coñecemento. En Inglaterra usan moito unha expresión para referirse a investigacións innovadoras, rompedoras: “pushing the boundaries” que significa que despraza ou empurra os límites da disciplina, do coñecido. A realidade é que para concorrer a calquera convocatoria de financiamento pública en España, por exemplo para axudas posdoutorais ou proxectos de investigación, xs investigadorxs obligatoriamente temos que asignar a nosa solicitude a unha área de coñecemento predefinida, que adoitan ser moi “puras” e compartimentalizadas. Eu sempre sinto que quen facemos investigación interdisciplinar non encaixamos completamente en ningunha destas categorías (“vou por química? vou por arte?”) e que descolocamos os comités avaliadores, que non saben moi ben que facer con nós, e isto con frecuencia penaliza na avaliación. Penso que a solución é máis flexibilidade, normalizar a colaboración e permeabilidade entre disciplinas e que os comités avaliadores se parezan o máis posible á comunidade que avalían: que sexan igualmente diversos e interdisciplinares.

Eu sempre sinto que quen facemos investigación interdisciplinar non encaixamos completamente en ningunha destas categorías (“vou por química? vou por arte?”) e que descolocamos os comités avaliadores, que non saben moi ben que facer con nós, e isto con frecuencia penaliza na avaliación.

A internacionalización tamén se percibe en principio como un valor positivo nunha carreira investigadora: ter feito estadías ou parte da túa carreira en centros estranxeiros, colaborar con colegas doutros países e participar en proxectos europeos ou internacionais, publicar en revistas e conferencias de ámbito internacional… Moitas avaliacións da excelencia investigadora inclúen coma un dos criterios a internacionalización e hai programas específicos de bolsas para “recuperar o talento no exterior”, como as Beatriz Galindo. Pero o certo é que xs investigadorxs que marchamos moito tempo e desconectamos do sistema en España despois atopamos moitas dificultades para regresar e estabilizarnos. Ten que ver co sistema aínda moi endogámico da universidade española e coa precariedade que existe: se hai poucas opcións de estabilización, as prazas que saen son para “xs da casa”, es xs que vimos de fóra vésenos coma unha ameaza. Acabo de estar no Primeiro Foro da Investigación Galega no Estranxeiro (FIGAE) organizado por InvestiGal en Bruxelas e falamos moito disto. Volvín impresionada de todo o talento dxs investigadorxs galegxs espallados polo mundo e entristecida porque moitxs están desexando volver e non lles abren as portas. Por exemplo, a última convocatoria de bolsas posdoutorais da Xunta de Galicia teñen como novidade a estabilización tras seis anos, que é fantástico, pero se estiveches no estranxeiro quedas excluídx de poder concorrer! Semella absurdo, non? 

Pero o certo é que xs investigadorxs que marchamos moito tempo e desconectamos do sistema en España despois atopamos moitas dificultades para regresar e estabilizarnos. 

MRGH.-No teu caso, a internacionalización e a interdisciplinariedade xurdiron dunha elección persoal ou dunha necesidade?

LPP.-Eu escollín a ciencia do patrimonio porque me permitía combinar a miña formación en ciencias (consecuencia de vir dunha longa saga de farmacéuticxs!), co meu interese persoal polas humanidades e as artes. En canto a marchar a Inglaterra despois da tese, foi unha mestura: por unha banda rematei o doutoramento en plena crise económica en España, cando non había moitas oportunidades para conseguir bolsas posdoutorais. Por outra banda, a ciencia do patrimonio estaba moito máis desenvolvida en Inglaterra, onde moitos museos contaban con laboratorios analíticos, polo que era un lugar moi atractivo para seguir formándome e adquirir experiencia. Marchei pensando que sería un ano ou dous fóra… e case quedo alí definitivamente! 

MRGH.-Actualmente, desenvolves a túa investigación no Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC. Que debemos entender por “Ciencias do Patrimonio”?

LPP.-Pois temos unha definición que foi elaborada mediante unha consulta á comunidade de científicxs do patrimonio por parte do ICCROM (Centro Internacional de Estudos de Conservación e Restauración dos Bens Culturais) e a E-RIHS (Infraestrutura europea de investigación en ciencia do patrimonio) en 2019: A ciencia do patrimonio é o ámbito interdisciplinar do estudo científico do patrimonio cultural e natural. Céntrase en mellorar a comprensión, o coidado e o uso sostible do patrimonio para que poida enriquecer a vida das persoas, tanto hoxe coma no futuro. Como se pode ver é un termo moi amplo, que no meu caso concreto se traduce en investigar a materialidade das obras pictóricas mediante técnicas de análise non invasivas (é dicir, sen tomar mostras) para responder preguntas sobre a súa creación, historia, interpretación e conservación (…).

Texto completo en Murguía, Revista Galega de Historia vol. 48-49!

Comments are closed.

Web xerada a partir de WordPress | Deadline Theme : inspirada en Awesem e deseño de Orman