Este ano cúmprense 179 anos do asasinato en Paleo (Carral) dos que serían coñecidos como “Mártires de Carral”, altos mandos do “Exército Libertador de Galiza”, a partir do pronunciamento liberal-progresista capitaneado por Miguel Solís y Cuetos a partir do 2 de abril de 1846. Un movemento a partir do que se creou a Xunta Superior do Reino de Galiza, liderada por Pío Rodríguez Terrazo (presidente) e Antolín Faraldo (secretario).
Para lembrar aquela realidade, un xoven Xosé María Álvarez Blázquez publicaba no ano 1934, da man da Federación de Mocedades Galeguistas, o “Berro en lembranza dos herois de Carral”, discurso pronunciado por Álvarez Blázquez nunha homenaxe que as mocidades do Partido Galeguista lle tributaran aos “Mártires de Carral” nese mesmo ano. Esta obra reeditouse transcrita no 2007 (vol.13) desde Murguía, Revista Galega de Historia, coa licenza da familia do escritor galeguista (editándose tamén un marcapáxinas que tomaba elementos da capa desa publicación senlleira).
Para lembrar aquela realidade, un xoven Xosé María Álvarez Blázquez publicaba no ano 1934, da man da Federación de Mocedades Galeguistas, o “Berro en lembranza dos herois de Carral”, discurso pronunciado por Álvarez Blázquez nunha homenaxe que as mocidades do Partido Galeguista lle tributaran aos “Mártires de Carral” nese mesmo ano. A transcrición desta obra publicouse no 2007 nas páxinas de Murguía, Revista Galega de Historia, coa licenza da familia do escritor galeguista (editándose tamén un marcapáxinas que tomaba elementos da capa desa publicación senlleira).
Desde as páxinas de Nós Diario publícase novamente aquela publicación, igualmente coa colaboración da familia de Álvarez Blázquez, coa que o autor homenaxeaba aos “Mártires pola Liberdade”, tal e como reza o monumento erguido en Carral pola Liga Galega en 1905 na súa lembranza.
Parabéns por esta iniciativa a Nós Diario e á familia de Álvarez Blázquez, que igualmente disponibilizou o nº3 do periódico La Revolución, que facía parte do arquivo de Álvarez Blázquez e que publicou, a modo de facsímile, Nós Diario, cun estudo previo do investigador Xurxo Martínez, tras ser achado o exemplar por Celso Álvarez Cáccamo, entre a documentación do seu pai.
Eis a ligazón a Nós Diario á transcrición de “Berro en lembranza dos herois de Carral”, así como á edición facísimile do nº3 de La Revolución, así como á entrevista concedida por Celso Álvarez Cáccamo, fillo de Xosé María Álvarez Blázquez, falando ao respecto e realizando unha aproximación á figura do seu pai:
Berro en lembranza dos herois de Carral
‘Nós Diario’ agasalla este sábado 26 de abril o facsímile do nº 3 de ‘La Revolución’