O Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, a súa creación e os seus avatares

Recentemente creouse a Fundación do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, con data do 12 de abril de 20251, conformada polo Parlamento de Galiza, a Xunta de Galiza, o Concello de Santiago de Compostela e a Arquidiocese compostelá, co obxectivo de xestionar o devandito espazo, emprazado na igrexa do convento de San Domingos de Bonaval, da capital galega, nomeadamente na Capela da Visitación e na Capela do Santo Cristo.

Artigo de Uxío-Breogán Diéguez Cequiel.

A devandita Fundación nace en cumprimento da LEY 5/2023, de 4 de agosto, do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, aprobada polo Parlamento galego por unanimidade. Nesta lei indícase que o Panteón de Galegas e Galegos Ilustres é:

símbolo da identidade do pobo galego e da súa continuidade histórica, é o espazo físico destinado a honrar e perpetuar a memoria das persoas que teñan contribuído significativamente á afirmación da identidade de Galicia, ao coñecemento desa identidade e á súa defensa, así como ao desenvolvemento do progreso do pobo galego en particular e da humanidade en xeral”.

Xunto ao notario Manuel Remuñán López, asinaron a escritura notarial, no marco dun acto público no propio Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda; o presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices; a alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín; e o arcebispo compostelán, Francisco José Prieto.

Antecedentes. O “Panteón de Marinos Ilustres” e o “Panteón Nacional de Hombres Ilustres”

No impresionante espazo que coñecemos como Panteón de Galegas e Galegos Ilustres repousan os restos de persoeiros centrais para comprender a evolución e magnitude cultural, literaria, artística, científica e política do noso país.

A idea de crear o devandito Panteón é de finais do s.XIX. Revisando a prensa da época, chama a atención que antes de se proxectar este mausoleo, a inicios da década dos 80 de s.XIX varios medios de comunicación, co pontevedrés El Independiente á cabeza, estaban a demandar a construción dun “Panteón de Marinos Ilustres” galegos, iniciativa secundada pola Gaceta de Galicia, editada en Compostela. A idea partía como contraposición á construción dun mausoleo para mariños españois, no Arsenal Naval de la Carraca, en San Fernando (Cádiz), no que se pretendían depositar os restos do mariño galego Casto Méndez Núñez, que viña de falecer no 1869. Antes desta disputa, o Concello da Coruña inauguraría por volta do ano 1871, nuns terreos gañados ao mar, parello ao Cantón pequeno, uns xardíns co nome de Méndez Núñez2. E o Concello de Santiago de Compostela promovería naquel mesmo ano un panteón en homenaxe a Méndez Núñez, para o que solicitaría á Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago que buscara o apoio do resto de Sociedades Económicas3. Finalmente inauguraríase no 1885 un monumento dedicado ao mariño galego na alameda compostelá, autoría do escultor de orixe noiesa Juan Sanmartín Senra4.

A idea de crear o devandito Panteón é de finais do s.XIX. Revisando a prensa da época, chama a atención que antes de se proxectar este mausoleoa inicios da década dos 80 de s.XIX varios medios de comunicación galegos, co pontevedrés El Independiente á cabeza, estaban demandar a construción dun “Panteón de Marinos Ilustres”

En España, á súa vez, xa se debatera e votara nas Cortes o 6 de novembro de 1837 o proxecto para converter a madrileña igrexa de San Francisco O Grande en “Panteón Nacional de Hombres Ilustres”, que acollería os restos mortais de persoeiros considerados de especial relevancia na historia española; figuras que serían elixidas polas Cortes pasados cincuenta anos do seu falecemento. Catro anos despois, por volta de 1841, a Real Academia Española da Historia ficou encargada de propor unha primeira listaxe de persoeiros que situar no panteón, consultando a diversas institucións sobre posíbeis candidatos, debaténdose sobre esta iniciativa en Galiza na Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago5 (mais até o 31 de maio de 1869 non se daría lugar a esa listaxe, que veu da man dunha comisión creada ad hoc)…

Texto completo en Murguía, Revista Galega de Historia nº51-52

1Catalogada de “interese cultural” con data 30 de maio de 2025.

2Estes xardíns serían coñecidos popularmente, durante décadas, como os “xardíns do recheo”, pola orixe do espazo gañado ao mar.

3Véxase o “Expediente para executar o panteón de Méndez Núñez”, con sinatura 34/274, en Carro Cruz, Helena & García Pita, Marina (2009), Inventario Documental do Arquivo da RSEAPS, Compostela, RSEAPS, p.85.

4Por erro é habitual que o segundo apelido deste escultor figure, en reseñas sobre a súa figura, como “Serna”.

5Tal e como testemuña o “Expediente da comisión encargada de informar sobre os restos mortais e os sepulcros de personaxes eminentes para establecer en Madrid un Panteón Nacional”, solicitado pola Rexencia provisional do Reino, con sinatura 11/60.4, en Carro Cruz, Helena & García Pita, Marina (2009) Inventario Documental do Arquivo da RSEAPS, Compostela, RSEAPS, p.110.

Comments are closed.

Web xerada a partir de WordPress | Deadline Theme : inspirada en Awesem e deseño de Orman