A CORUÑA MEDIEVAL: UNHA VIAXE AO PASADO A TRAVÉS DAS FONTES ÁRABES

Resumo

Este artigo aborda a imaxe que as fontes árabes medievais proxectan sobre a cidade da Coruña e a súa contorna. Aínda que se trata de noticias escasas e caracterizadas por unha gran concisión, é posible obter información de carácter xeográfico e mitolóxico, o cal nos permite obter unha visión de conxunto e formarnos unha idea xeral do concepto que os autores árabes do medievo tiñan da zona obxecto de estudo.

Abstract

This paper deals with the image that medieval Arabic sources project in relation to the city of A Coruña and its territory. Although the data are scarce and characterized by a great conciseness, it is possible to obtain information of a geographical and mythological nature, which allows us to obtain an overall view and to have a general idea of the concept that the Arab authors of the Middle Ages had of the area under study.

Artigo de Ana María Carballeira Debasa. 

Escuela de Estudios Árabes (EEA), CSIC.

O estudo da Coruña medieval e a súa contorna xeográfica foi obxecto de análise a partir das informacións contidas nas fontes textuais cristiás. Con todo, os escritos de autores árabes recibiron escasa atención en relación con esta cuestión. En xeral, cómpre subliñar a falta sistemática de interese cara ao elemento árabo-islámico no extremo noroeste peninsular. As razóns poden ser de diversa índole. Por unha banda, en Galicia o arabismo non gozou de tradición académica, o que pode contribuír a que non se impulsase nin fomentase este tipo de estudos. Por outra banda, os arabistas españois prestaron máis atención á historia andalusí que ás zonas periféricas do ámbito cristián por tratarse este dun territorio que permaneceu fóra da órbita islámica. Desde este punto de vista, faise necesario reunir os resultados obtidos nas escasas investigacións emprendidas para o respecto e abordar os aspectos que aínda non foron obxecto dun tratamento previo. Este traballo proporcionará informacións complementarias ás achegas efectuadas sobre A Coruña medieval e a súa contorna a partir das fontes cristiás.

Cómpre subliñar a falta sistemática de interese cara ao elemento árabo-islámico no extremo noroeste peninsular. As razóns poden ser de diversa índole. Por unha banda, en Galicia o arabismo non gozou de tradición académica, o que pode contribuír a que non se impulsase nin fomentase este tipo de estudos.

 

As referencias consignadas polos autores musulmáns sobre a área coruñesa áchanse fragmentadas e dispersas nun corpus textual conformado por unha vintena de obras clásicas árabes de tipo narrativo, concretamente textos xeográficos e históricos compostos entre os séculos X e XV. Porén, só son cinco as fontes que fan mención expresa á cidade da Coruña, aínda que ás veces estes textos non conteñen referencias polo simple feito de non conservarse a parte correspondente da obra. En xeral, os datos adoitan ser lacónicos e imprecisos. Esta falta de concreción pode deberse á distancia xeográfica e cronolóxica desde a que escriben algúns autores. Así mesmo, quizais a brevidade da dominación islámica no noroeste peninsular pode ser causa de inexactitudes. Ao non posuír un coñecemento preciso do extremo noroeste peninsular, non é de estrañar que os autores incorran nunha serie de erros.

A meirande parte da información relativa á Coruña extraída das fontes árabes medievais abarca noticias de carácter xeográfico e mitolóxico. Desde o punto de vista xeográfico, pódese obter información sobre a localización da Coruña na morfoloxía da Península Ibérica, algunhas características do seu territorio, así como o papel que esta urbe desempeñou nas rutas xacobeas. No que se refire ao aspecto mitolóxico, este debe poñerse en relación coa concepción mítica do espazo, incluíndo os monumentos que marcan o emprazamento dos Finis Terrae na xeografía peninsular. O resultado é un conglomerado de noticias que foron ordenadas tematicamente e situadas no seu contexto con obxecto de lograr un esbozo histórico-xeográfico desta zona segundo os xeógrafos e historiadores árabo-islámicos. Esta análise permitiranos ter unha certa visión de conxunto, por máis que esta sexa forzosamente esquemática, e formarnos unha idea do concepto que os autores árabes do Medievo tiñan da Coruña e a súa contorna xeográfica. Para iso, é preciso abordar a información respectando o punto de vista subxectivo dos seus autores coa finalidade de coñecer a visión, terxiversada ou non, que estes tiñan sobre o territorio obxecto de estudo.

A meirande parte da información relativa á Coruña extraída das fontes árabes medievais abarca noticias de carácter xeográfico e mitolóxico. Desde o punto de vista xeográfico, pódese obter información sobre a localización da Coruña na morfoloxía da Península Ibérica, algunhas características do seu territorio, así como o papel que esta urbe desempeñou nas rutas xacobeas.

A Coruña no triángulo peninsular

Os xeógrafos árabes medievais que describen al-Andalus adoitan trazar a morfoloxía da Península Ibérica no seu conxunto. Seguindo os cálculos do sabio grego Ptolomeo no século II, a maioría destes autores coinciden en indicar a súa forma triangular. Efectivamente, Ptolomeo, por un cálculo erróneo, prolongara de forma desmesurada o eixe Leste-Oeste do Mediterraneo, dando lugar á distorsión cartográfica dos territorios contiguos. Segundo esta deformación, a costa levantina da Península Ibérica presentaba unha inclinación Leste-Oeste moi superior á real. Desta descrición fíxose eco no século V o autor latino Orosio na súa obra Historiarum libri VII adversus pagans, na que trazou unha esquematización triangular da forma ptolemaica. Esta obra de Orosio foi traducida ao árabe e esta tradución foi manexada directa ou indirectamente por xeógrafos árabes posteriores, sendo o autor andalusí do século X al-Razi o primeiro dos que rexistraron esta forma sumaria da Península.

Practicamente a totalidade dos autores árabes que describen a forma triangular da Península Ibérica toman como referencia os ídolos ou columnas conmemorativas atribuídos a Hércules en cada un dos seus extremos, cos cales este quixo deixar constancia da súa presenza antes de abandonar a Península. A transmisión que os autores árabes fan das noticias sobre as Columnas de Hércules é confusa debido á propia ambigüidade dos autores greco-latinos respecto da localización destes monumentos. A tradición clásica sitúa un destes ídolos no vértice sur, na zona de Cádiz. A localización do vértice oriental flutúa e de aí que tamén oscile o emprazamento da columna alí existente: inicialmente, entre Narbona e Bordeus; máis tardiamente, entre Barcelona e Tarragona. Por último, o outro ídolo localízase no lugar no que os autores árabes sitúan o vértice occidental do triángulo (…).

 

Texto completo en Murguía, Revista Galega de Historia nº51-52

 

 

Comments are closed.

Web xerada a partir de WordPress | Deadline Theme : inspirada en Awesem e deseño de Orman