Artigo de Aurora Marco, catedrática xubilada da USC e investigadora permanente da Cátedra de Memoria Histórica da UDC.
Nós acordaremos sempre,
aínda dende a fosa,
no caveiro,
en Santa Compaña polos camiños
despois de moitas vegadas mortos.
Señor Presidente do Parlamento/ Señor Conselleiro de Cultura / Integrantes da Mesa do Parlamento/ Portavoces dos Grupos Parlamentarios/ Deputados e Deputadas / Autoridades / Membros das fundacións e asociacións de Memoria Histórica, da Cátedra de Memoria Histórica da Universidade da Coruña/ Señoras e Señores.
Con estes versos do libro As cicatrices (1959) cos que iniciei esta intervención, o escritor e pintor exiliado Luís Seoane poetizou a necesidade de lembrar porque o esquecemento afoga os recordos, esvaece o berro común do pasado e produce unha segunda morte. Mais as lembranzas traen un novo amor á liberdade. Lembranzas que levan implícita unha homenaxe, como a que hoxe nos reúne neste salón do Parlamento, o máximo órgano representativo do pobo galego, coa unanimidade dos grupos da cámara; feito, a meu ver, que cómpre salientar. Non esqueceremos este día. Esta Homenaxe a Alexandre Bóveda e ás vítimas galegas do franquismo ten moita significación porque enxalzamos homes e mulleres de diferentes tendencias políticas, ou sen adscrición partidaria, que defenderon o réxime republicano legalmente constituído e violentado pola forza das armas; homes e mulleres de diferentes orixes e condicións, con historias moi duras que nos chegaron, moitas delas, a través de voces femininas, sempre gardadoras de palabras. Son historias coas que tecermos o tapiz da dignidade, da solidariedade, o tapiz da xustiza e da liberdade.
Se vivisen, poño por caso, Consuelo Rodríguez López, Teresa Alvajar López, Camilo de Dios, Juan Vázquez Loureda, Joaquina Dorado Pita, Guillermo Gallego Abeledo, Ludivina Valle Fernández, e outras moitas persoas –cadaquén poderá facer a súa enumeración–, a quen tiven o privilexio de coñecer, de recoller as súas historias e de anoar, con algunhas, lazos de amizade indestrutíbeis, terían unha grande satisfacción por esta homenaxe tan xusta, tan necesaria. Igual que a terán as súas e os seus descendentes. Sen esquecer o exilio.
Esta Homenaxe a Alexandre Bóveda e ás vítimas galegas do franquismo ten moita significación porque enxalzamos homes e mulleres de diferentes tendencias políticas, ou sen adscrición partidaria, que defenderon o réxime republicano legalmente constituído e violentado pola forza das armas
Moitas das persoas que estamos aquí temos moi presente aquela homenaxe do ano 2008 na Illa de San Simón a quen tivo que partir, organizada pola Consellaría de Cultura. Neste tema tamén fica traballo por facer: centos de galegos e galegas co corazón magoado, ateigado de tristura, e coas raíces no ar tiveron que afastarse da terra e para sobrevivir teceron unha rede cos fíos da ausencia e das lembranzas nos diferentes países de acollida. Algunha filla ou fillo que aínda vive e, sobre todo, as netas do exilio, agradecerán este acto, agradéceno de feito. Como as netas da que foi a primeira socia do Seminario de Estudos Galegos, cuxo centenario celebramos este ano: Carmiña Sierra Domínguez, unha descoñecida que, pouco despois de saír do cárcere, marchou a Venezuela e nunca regresou, mais, no seu fardel de saudades, Galiza ocupou sempre un lugar preferente. Sobre todo Pontecesures, o lugar de nacenza onde se espallaron as súas cinzas, porque así o pedira ela, no río dos seus amores, o Ulla.
Houbo quen xa non o puido contar porque a súa vida foi segada pola barbarie: Alexandre Bóveda, María Vázquez Suárez, Manuel Calvelo López, Amada García, Ánxel Casal, Amalia López Ojea e un longo etcétera. Ao falarmos de Alexandre Bóveda, das vítimas do franquismo, demandamos desde o movemento memorialista políticas públicas de memoria, que se fundamentan no respecto aos dereitos humanos, cuxos principios básicos son: dereito á Verdade, á Xustiza e á Reparación, tres palabras que teñen a vontade de incluír, non o poder de excluír, e que son garantes da Non Repetición. Porque as vítimas foron durante demasiados anos hóspedes do silencio, e non só na longa ditadura franquista.
As asociacións, grupos de investigación, persoas a titulo individual que traballamos sobre Memoria Histórica fomos entregando á sociedade o produto do noso traballo en formato libro, documentario, exposición, roteiro, congreso ou simposio, ou de calquera outra forma… Para saber das vítimas houbo que levantar un groso manto de silencio que ocultou moitas historias de vida porque, ao non seren nomeadas, non existían. Outras estaban cubertas polo manto da terxiversación, por exemplo as afoutas guerrilleiras antifranquistas, presentadas como bandoleiras ou como “as amantes de”, “as queridas de”, como ficaron nos rexistros, nos arquivos, en informes oficiais, nos xornais.
As asociacións, grupos de investigación, persoas a titulo individual que traballamos sobre Memoria Histórica fomos entregando á sociedade o produto do noso traballo en formato libro, documentario, exposición, roteiro, congreso ou simposio, ou de calquera outra forma… Para saber das vítimas houbo que levantar un groso manto de silencio que ocultou moitas historias de vida
Así imos continuar, desde o traballo asociativo, desde a investigación, porque hai moito camiño por percorrer, porque queremos seguir deitando luz sobre o noso pasado, o que nos permitirá afondar e ampliar os horizontes da nosa historia colectiva. Mais para iso precisamos apoio por parte do goberno galego ao labor das asociacións; que se facilite o acceso aos arquivos así como a dotación de medios para a clasificación e divulgación dos fondos na rede. Demandamos a creación dunha rede de Lugares da Memoria, sinalizados e mediante simboloxía común. E no que di respecto á Illa de San Simón, que volva ser Illa da Memoria e acolla prioritariamente actividades relacionadas coa Memoria Histórica.
Hai un desexo longamente acariñado por quen levamos anos traballando no tema: non se pode furtar a historia de noso ás novas xeracións porque a desmemoria nunca foi boa compañeira de viaxe. Neste sentido hai que prestar atención aos centros escolares e incluír na programación dos diferentes niveis educativos, materiais pedagóxicos sobre a historia recente.
Este acto simbólico que estamos a celebrar, alén da súa importancia, penso que ten unhas pingas de emoción. E ao me referir ás emocións quero lembrar, de maneira especial, ás familias das vítimas. Quedoume gravada a lume a dor profunda que deixou feridas nos corazóns de moitas galegas e galegos durante anos e que non puideron ocultar ao transmitirme historias de vida; o horror do que foron testemuñas, porque non tiveron un momento para o desafogo, todo era desacougo; porque non albiscaban a luz da esperanza e tiveron que sobrevivir a menceres interminábeis cheos de temor (…).
Texto completo en Murguía, Revista Galega de Historia nº51-52






