Resumo
Entre a documentación consultada, recompilada ou referida por Manuel Murguía no marco dos seus traballos de investigación sobre a historia de Galiza, cómpre destacar un conxunto de pergamiños medievais procedente de diferentes institucións monásticas galegas. Unha destas foi o mosteiro cisterciense masculino de Santa María de Sobrado, algúns de cuxos pergamiños acabaron na Real Academia Galega tras pertencer a Murguía e cuxa edición –ou reedición nalgúns casos– presentamos aquí en homenaxe ao insigne historiador.
Abstract
Among the documentation consulted, compiled or referred to by Manuel Murguía as part of his research into the history of Galiza, it is necessary to highlight a set of medieval parchments from different Galician monastic institutions. One of these was the male Cistercian monastery of Santa María de Sobrado, some of whose parchments were deposited in the Real Academia Galega after belonging to Murguía and whose edition –or reprint in some cases– we present here in homage to the distinguished historian.
Artigo de Miguel García-Fernández, Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (CSIC-Xunta de Galicia) | Universidade de Santiago de Compostela
e Ricardo Pichel, Universidad Nacional de Educación a Distancia (UNED) | Universidade de Santiago de Compostela, Instituto da Lingua Galega.
As investigacións de Manuel Antonio Martínez Murguía sobre a historia de Galiza convertérono nun dos pais da nosa historiografía. Neste sentido, e máis alá dalgunhas das súas interpretacións ou das particularidades da súa obra acorde ás diferentes influencias historiográficas e ideolóxicas do seu tempo, o certo é que unha lectura pausada dos seus traballos pon de manifesto o contacto directo e o gran coñecemento que Manuel Murguía tivo respecto de moita da nosa documentación histórica, entre a que cómpre destacar un numeroso conxunto de pergamiños medievais. De moitos deles refire fragmentos, termos ou mesmo sinala a súa procedencia, ademais de extractar o seu contido. Ao mesmo tempo, a súa correspondencia tamén permite ir descubrindo o seu interese por recompilar datos e documentos a través de diversos intermediarios. Finalmente, e como sucede con boa parte dos eruditos do século XIX e das primeiras décadas do século XX, o propio Murguía acabaría reunindo nas súas mans un número considerable non só de copias de documentos históricos, senón tamén de orixinais. E, entre eles, cómpre destacar un conxunto de pergamiños medievais procedentes de diversas institucións monásticas galegas.
As investigacións de Manuel Antonio Martínez Murguía sobre a historia de Galiza convertérono nun dos pais da nosa historiografía. Neste sentido, e máis alá dalgunhas das súas interpretacións ou das particularidades da súa obra acorde ás diferentes influencias historiográficas e ideolóxicas do seu tempo, o certo é que unha lectura pausada dos seus traballos pon de manifesto o contacto directo e o gran coñecemento que Manuel Murguía tivo respecto de moita da nosa documentación histórica, entre a que cómpre destacar un numeroso conxunto de pergamiños medievais.
Á espera de realizarmos un traballo detido sobre a documentación medieval compilada por Manuel Murguía, tanto orixinal como en formato copia, o obxectivo deste traballo é homenaxear o insigne historiador mediante a recuperación e a multiedición de parte do seu fondo documental, custodiado na Real Academia Galega. Nesta primeira achega centrarémonos nun pequeno conxunto de pergamiños pertencentes ao arquivo medieval do mosteiro cisterciense masculino de Santa María de Sobrado dos Monxes. A escolla deste feixe de documentos non só deriva –aínda que tamén– da vontade de reivindicar a necesidade de emprender no marco historiográfico galego a edición de coleccións documentais de tanta relevancia como a deste mosteiro, senón tamén de homenaxear, xunto ao historiador decimonónico, o traballo de renovación historiográfica que protagonizaron investigadoras como María del Carmen Pallares Méndez na década dos 70 do século XX. Neste sentido, a mencionada autora realizou, baixo dirección de José Ángel García de Cortázar e coa influencia da historiografía francesa ligada á École des Annales, a súa tese de doutoramento sobre o mosteiro de Santa María de Sobrado. Á par que actualizaba a investigación da historia de Galiza desde novos presupostos historiográficos, este traballo puxo de manifesto a relevancia que tivo na historia de Galiza, mais tamén do conxunto ibérico, o labor dos monxes de Sobrado. A pesar do merecido éxito inmediato desta obra (Pallares Méndez 1979), cómpre subliñar tamén que, en ocasións, este gran referente ten ocultado ou eclipsado a diversidade do panorama monástico galego, onde non só se documentan grandes institucións como Santa María de Sobrado ou San Salvador de Celanova, nin sequera só mosteiros masculinos, coma estes. Neste sentido, o conxunto monástico galego durante a Idade Media preséntasenos como un mundo diverso, cambiante, tanto masculino como feminino e cheo de contrastes (Freire Camaniel 1998; Pérez Rodríguez 2019; Rodríguez Muñiz 2024).
O obxectivo deste traballo é homenaxear o insigne historiador mediante a recuperación e a multiedición de parte do seu fondo documental, custodiado na Real Academia Galega. Nesta primeira achega centrarémonos nun pequeno conxunto de pergamiños pertencentes ao arquivo medieval do mosteiro cisterciense masculino de Santa María de Sobrado dos Monxes.
En todo caso, no seo da renovación historiográfica galega do século XX, a documentación de Santa María de Sobrado, incluíndo o fondo que pertencera a Murguía e que pasara á Real Academia Galega, constituíu unha das bases máis sólidas para este proceso. Consecuentemente, nunha chamada actual a revisar o fondo de pergamiños de Manuel Murguía e, ao mesmo tempo, a colección documental de Santa María de Sobrado –unha das principais eivas editoriais existentes no panorama galego, limitándose en boa medida o estudo das súas fontes medievais aos tombos do mosteiro (Pardo Ferrín 1959, Loscertales de G. de Valdeavellano 1976)–, queremos ofrecer, no marco dos traballos desenvolvidos dentro da plataforma dixital do Escritorio Galego-Portugués Antigo (EGPA), a edición ou, segundo os casos, a reedición dalgúns dos pergamiños que usou María del Carmen Pallares Méndez na súa tese de doutoramento procedentes do que a docente da Universidade de Santiago de Compostela sempre lembraba nas súas aulas de Historia medieval de Galiza como a “maleta de Murguía”, un conxunto de pergamiños sen colocar e inventariar. Actualmente, ese fondo está catalogado e mesmo dixitalizado.
En todo caso, á hora de referir os documentos inéditos empregados na súa investigación, M.ª Carmen Pallares (1979: XXX) indicaba: “Biblioteca de la Real Academia Gallega: 90 pergaminos del fondo documental de D. Manuel Murguía donados por don Juan Naya”. Esta anotación non só relaciona os pergamiños de Santa María de Sobrado con Murguía, senón tamén con Juan Naya, quen foi arquiveiro-bibliotecario da Real Academia Galega e tamén Cronista Oficial da Coruña. Autor de diversos traballos de investigación e artigos xornalísticos, cómpre destacar que Naya recibiu o primeiro premio do concurso do milenio do mosteiro de Santa María a Real de Sobrado dos Monxes, celebrado en 1953, polo traballo: “El monasterio de Sobrado”.
Ao mesmo tempo, tamén dedicou diversos estudos á figura do propio Manuel Murguía e a Rosalía de Castro, sendo unha persoa moi próxima á familia. Sobre todos estes aspectos resulta especialmente ilustrativo un traballo de Manuel Casás Fernández (1946-1950: 89) no que sinala como a filla de Rosalía e Murguía, Gala, “autorízale para exhumar olvidados documentos y aun le entrega autógrafos, de notario valor, que Naya no vacila en convertir en espléndido depósito que algún día será donativo para nuestra Real Academia Gallega, en recuerdo del que fue su fundador y primer presidente”. De feito, como indica Xosé Ramón Barreiro, “no testamento que fixo Dona Gala Martínez de Castro (…) protocolizado a 4-X-1950 na cidade da Coruña, facíase constar na cláusula sétima o seguinte: «Deja los papeles, libros y demás que fueren propiedad de su finado padre y que pertenecen a la otorgante y están en su casa en que habita, a la Real Academia Gallega, pero reservándose D. Juan Naya Pérez, de esta vecindad, aquellos libros, papeles, pergaminos, etc., que le interesen» (Barreiro Fernández e Axeitos 2003-2005: I, 10). Velaquí, pois, o itinerario contemporáneo dos pergamiños medievais recompilados por Murguía (…).
Texto completo en Murguía, Revista Galega de Historia nº51-52.
Nas mellores librarías do país!






