Fundación e Museo Ortegalia

Desta volta, a través de Murguía, Revista Galega de Historia situámonos no marco dunha das bisbarras máis espectaculares do noso país: Ortegal. Seica das rexións de chan máis antigo do continente europeo, preséntase cunha beleza que abraia ao visitante e enorgullece aos seus fillos.

Para alén da súa rica realidade xeolóxica e medio-ambiental, chama a atención desta rexión galega a súa relevante prehistoria e historia que a tornan ben vizosa. O destacado arqueólogo Federico Maciñeira, nacido no último terzo do século XIX en Mañón, deu conta dos centos de soterramentos e xacementos megalíticos daquela área, afondando no necesario coñecemento e posta en valor da zona.

Recuperando o espírito de Maciñeira, e andando o tempo, nacería no ano 2000 unha entidade continuadora destes traballos: a Fundación Ortegalia, e que nos seus inicios levaría o nome do propio investigador. Con sede en Ortigueira, a devandita entidade é un referente no que atinxe ao bo facer á hora de valorizar o patrimonio histórico e natural.

Trala restauración de dous edificios no marco do casco vello de Ortigueira, vén funcionando cunhas dependencias administrativas propias que ocupan un destes emprazamentos. No outro edificio érguese o que na práctica é a cara máis visíbel do proxecto que encarna: o Museo Ortegalia. Un encadramento este entendido como “espazo vivo que supera a dimensión tradicional da sala de exposición de coleccións para actuar como motor científico e recurso educativo”, tal e como sinalan desde a propio museo. Cunha equipa humana nova en idade, mais altamente formada e experimentada nestas lides, baixo a dirección de Enma Sandá e a coordinación de Ana Trasancos, desenvólvense e impúlsanse diversas actividades, para alén do labor museístico: intervencións arqueolóxicas, rehabilitación e catalogación de bens de interese etnográfico, seminarios de formación, congresos, edición de publicacións…

O Museo Ortegalia foi concibido como un centro multifuncional. O seu espazo organízase en diferentes seccións: exposición permanente sobre o patrimonio arqueolóxico, medioambiental e etnográfico do Ortegal, unha aula-obradoiro, unha sala de exposicións temporais e un amplo e confortábel salón de actos.

Ás estancias indicadas hai que lle engadir o obradoiro de tratamento de materiais arqueolóxicos, así como o completo centro de documentación co que contan, e centrado fundamentalmente na cuestión arqueolóxica e etnográfica, con preto de dous mil volumes, froito dun sistema de intercambio bibliográfico con diferentes entidades.

Por último, destacarmos o labor que desde a Fundación Ortegalia se leva realizado en favor da recuperación de festas populares tradicionais, caso dos Calabazotes, os Maios e o Folión de San Xoán. Cun éxito elevado, e para alén do devandito rescate, é de salientar o esforzo que se practicou diante desta recuperación para atinxir unha efectiva transmisión oral de saberes entre vellos e mozos do concello.

Sen dúbida, non nos equivocamos ao afirmarmos que paga a pena percorrer o Museo Ortegalia, convidando ao visitante a unha máis ampla viaxe pola zona que deixará grata pegada en quen a realizar.

Fundación Ortegalia

Rúa Francisco Santiago nº6

Teléfono 981.402.413

Fax 981.402.434

Entrada: Libre

Horario: Mañá 10.30 a 14 horas / Serán 16.30 a 20 horas

Comments are closed.

Web xerada a partir de WordPress | Deadline Theme : inspirada en Awesem e deseño de Orman