“… todos cantos galegos estiman a sua propia lingua, teño comprobado n-eles que, tamén debecen a libertade da sua Terra”, Ricardo Flores.

Ricardo Flores Peres naceu en Sada no 1903. Activo de ben mozo na Irmandade da Fala de Ferrol marcharía á Arxentina con vinte e seis anos. De carpinteiro na Terra pasará a exercer de traballador metalúrxico en América. Comprometido coa lingua e cultura galegas, intégrase na Sociedade Nazonalista Pondal, declarándose arredista desde un inicio. Columnista incansábel d’A Fouce, deitará numerosos textos nesta publicación sobre o país. Aliás, será integrante da Irmandade Galega e da Comisión Societaria; presidindo a Sociedade Coral Os Rumorosos mentres ocupa a secretaría do Consello de Galiza. Autor de varias pezas teatrais, sería defensor dunha ortografía histórica para o galego, integrándose no 1981 na recén nada Associaçom Galega da Língua, na que será activo até a súa morte en Bos Aires no 2002. Apresentamos, desta volta, dous textos da autoría do pondalián que publicamos noutrora no número 15/16 de Murguía, Revista Galega de Historia.

Que a nosa Terra sexa nosa!

Desque Galiza se acha xunguida baixo a canga eisecrabele da inxusta dominazón de Castela, a sua vitalidade económica vén sofrindo un supricio estarrecente. A rafa chegou a atinguir n-ela atán outa graduazon, qu’a moranza no sen chan presentouse en estremo imposíbele. E os seus fillos perante atán sinistra situazón, en vez d’acordarmos a aititude xusticieira e varoil, de nos erguer en xigante rebelía en contra do culpábele da xerminazón d’atal praga; dispoñémol-a aititude soturna e pútrica d’abandoal-os nosos lares; cós nosos curazóns demerxidos n-unha lagoa de congoxas, espallando a fatos nosos corpos por todol-os ámbitos do globo terreal, en procura d’unha vida menos afogante, a quén Galiza podíamos tamén disfroitar, se ela fora a dona soberán da sua nao e manexara o seu leme; pois mananciaes onde poder estraer bens feros, posue d’abondo; mais qu’algúns dos países onde moitos dos seus fillos se refúxian, e pode vivir de xeito levadeiro calquer obreiro que sexa. Mais intrín sexa rexida pol-o voraxen do goberno da Hespaña, terá d’aturar unha situazón rafada, porque todo lle solve a ela.
Si desexamos que Galiza non siga sendo o branco das esprotazóns e das inxurias do estado hespanol, se nos nosos curazóns rebule amore verdadeiro por ela, e aniñamos ademais anceios de qu’os seus fillos poidamos vivir no paradiso do seu chan, eisentos de termos qu’andar erráneos pol-o deserto d’este mundo, do xeito qu’aitualmente socede, é mester birtar con fogaxe as nosas aitividades polítecas, pol-o vieiro sagro da sua Independenza ausoluta. A emigrazón debe sere renegada por todol-os galegos, convén pórlle couto a ésta tráxica tendenza que atán maños perxuizos granxeou á nosa fidalga raza, e ao noso privilexiado chan, ainda qu’hai moitos realexeiros que pensan ao envez; hai que decraral-o seu estreminio. “¡Ai qu’en Galiza non é posíbele vivir por mor da indixencia qu’ameaza os lares!” Ergámonos todos coma fundidos n-un só exemprar, en monstra rebelía, e safémola da ferropea en qu’a Hespaña a está marteirando; pro non fuxirmos pra todol-os ventos, apachocados coma fracallóns, deixándoa pra que fagan d’ela todo canto lles praz; eso non e lóxico nin honroso facelo. Primeiro se debe preferir perescer na loita, pol-a sua sagra libertade, que incorrer en semellante aititude. “¡Que a nosa terra sexa nosa!” Eis cál debe sel-a nosa consinia, e ninguén debe recuar deica abranguelo.

(A Fouce, Sociedade Nazonalista Pondal, Bos Aires, 15 outono do 1932. Nº 55 p. 2)

Infruenza da Lingua

Dende fai aproisimadamente unha dúcia d’anos, o emprego da nosa lingua, tanto na conversa coma na escritura, vén adequirindo un abalo moi resoante. E asegún soe vir socedendo tal, asin tamén simultáneamente se dexerga virse producindo no pobo galego un apaixoado rexurdimento d’alentos alumiñados na recostruzón da nosa Nazonalidade. Elo sinifica unha proba testemuñante que, a fala (o vincello mais espiritoal dos faitores que entran na careiterizazón d’unha Nazón) é o máis xurdio, o mais eficente pra converter aos nosos irmáns que, por unha artigoada inconscencia, e encostados en aparvados pontos de vista, viven prenamente satisfeitos baixo a éxida aldraxante de Castela.
Pois o linguaxe vernáculo é o que lles oferece máis sinxélamente a sensazón e mail-o apercebimento de sel-o seu chan un pobo semellante aos demais que teñen asento na Hespaña.
E d’ai resulta que xurden n-eles as inquedanzas por coñecel-a sua historia, a coal iñora en ausoluto a meirande parte da poboazón galega, por non praiticarse a sua ilustrazón nas escolas.
Logo o individuo, despois de ser dono da ilustrazón de canto ten sido a sua Terra, ben sexa unha Nazón soberán, de vivir desafogado e c’unha historia inzada d’esceas groriosas, detense a botar unha ollada ao que se acha reducida; rexistra a ucha dos seus recordos e atopa as numerosas caloñas de que sempre foi ouxeto, e asimesmo ouserva de xeito que nos están tratando (que é tal como se fóramos marroquís). E sempre que se non trate d’un exemprar valeiro de sensibilidade coleitiva e carecente de filaucia, non é posíbele que poida remanar alleo a converterse n-un leial e acendido loitador pol-a causa sagra do resgate da sua Patria, apremiada e tratada con fero deosto pol-a imperialista Castela que nol-a arroubou, britando a vontade soberán dos nosos sentimentos e tinxindo o seu chan con sangue dos nosos irmáns varois que trataban de defendela de tan inxusto e crudel atropelo.
Canto mais infruxo vaia adequirindo o emprego da nosa lingua, canto mais se vaia aproisimando ao seu auxe, podemos aniñal-o convencimento que, tamén mais pretos nos imos achar da realidade de trunfo das nosas arelas. Pois todos cantos galegos estiman a sua propia lingua, teño comprobado n-eles que, tamén debecen a libertade da sua Terra. Entroques cando entropezo c’un paisán e este me non fala en galego, axiña me forxo a crenza de que se sinte avese a taes fins. Encomenzo d’esproralo e, efeitivamente, o meu presaxio non resulta trabucado.
Debemos, pois, empregar o mais posíbele o noso linguaxe autóctono, tanto coa aición dos beizos coma coa aición da pruma; xa que ele é o faitor que posue meirande infruenza pra espertar na intelixenza do pobo galego o amore a causa sagra da sua redenzón. Os sacodimentos que en tal senso se abesullan aitualmente n-ele, débense sen dúbida a esto que espoño. Pois se a fala se sentise morta, ben mortos tamén se habían de se sentil-os alentos, no que tanxi ao mesmo.

(A Fouce, Sociedade Nazonalista Pondal, Bos Aires, 15 de decembro do 1932. Nº 57 p. 3)

Comments are closed.

Web xerada a partir de WordPress | Deadline Theme : inspirada en Awesem e deseño de Orman