A Asociación Lefre de Caldereta, con sede en Ferrol, organiza un acto de recoñecemento aos cregos da bisbarra ferrolterá. Estes ‘….durante o franquismo loitaron firmemente ao lado de persoas e organizacións clandestinas contra a ditadura en prol da mellora social e cultural de Ferrol e a súa comarca’, así como do resto do país, sinalan desde a devandita entidade.
Estes cregos de elevada consciencia social terían unha importancia pouco coñecido na loita antifascista na Galiza, máxime dada a penetración da Igrexa católica na Galiza, e boa parte deles se significarían na loita pola normalización nacional do noso país, facendo militancia da lingua propia até os nosos días. Indicaba a este respecto hai un par de anos nunha entrevista o crego obreiro Benito Santos o que segue en relación ás liñas de loita das que participaban:
“Unha (…) foi o galego, que tivera un precedente no Padre Seixas, que xa facía misas en galego e incluso a retransmitían pola radio en Radio Popular. Nós empezamos en Vigo nos anos 70. E agora, que dou misa en San Francisco Xabier de Teis e na Igrexa dos Apóstolos do centro de Vigo, dounas en galego o sábado pola tarde e o domigo pola mañá. Pero a xente non é moi entusiasta nisto e os curas idem e fomos para atrás”.
Cregos que mantiñan un compromiso social que pasaba pola integración no movemento obreiro a distintos niveis, afirmando o tamén crego Xaquín Campo Freire, que exerce aínda na prroquia de Santa Uxía de Mandiá, nunha outra entrevista na que lembraba as mobilizacións obreiras de Ferrol no 1972, que deran como resultado ducias de multados, inhabilitados, así como múltiples feridos e dous mortos da mao da policía, nomeadamente os obreiros Amador Rei e Daniel Niebla:
“Nós eramos curas do mundo obreiro. Tiñamos unha visión evanxélica e estabamos ao carón da xente. Sufriamos, viámolos morrer”.
No devandito acto de lembranza e homenaxe falarán o propio Xaquín Campo Freire, Vicente Couce Ferreira, Anxo Ferreiro Currás, Bernardo García Cendán e Antón Martínez Aneiros; correndo a cargo de María Elisa Montañés Fojo a presentación dun encontro que terá lugar na sede da Fundación Caixa Galicia de Ferrol, no Cantón de Molíns o vindeiro 19 de Maio ás 20.00hrs.