É común achar imprecións históricas en libros de divulgación, así como en publicacións non especializadas á hora de tratar o pretérito. Realidade que por regra xeral pásase por alto. Ora, non é mester que institucións adicadas a pór en valor a historia, formadas por investigadores, historiadores, hoxe en día cometan imprecisións de relevo; cando menos non é desexábel e de acontecer hai que se perguntar de onde deriva a orixe, e posíbel intencionalidade, destas cando se daren.
Vén a colación este comentario da presentación en España hai uns días dos primeiros 25 tomos do intitulado Diccionario Biográfico Español, unha obra con máis de 40.000 biografías de persoeiros clasificados como relevantes ao longo da ‘historia española’, promovido e editado pola Real Academia de la Historia. Nesta compilación é chamativo que do dictador Francisco Franco se indique que artellou “un régimen autoritario, pero no totalitario“, disquisición que contribúe á confusión de quen era e que perseguía (e executou) o máximo responsábel do golpe militar reaccionario españolista de xullo do 1936, pedra angular da dictadura que se desenvolveu oficialmente entre o 1939 (mais operativo desde o 1 de outubro do 1936) e novembro do 1975.
De tendenciosa pode ser cualificada a obra en cuestión ao vermos que non é cousa dunha entrada senón de varias a presenza da devandita liña discursiva, habendo unha clara reiteración a este respecto en diversas entradas biográficas. Óllese a lindeza adicada, por exemplo, na biografía de Azaña ao Goberno do socialista Negrín, calificándose a este a nivel gobernamental de “…prácticamente dictatorial”.
Tiren vostedes as súas conclusións…