O Proxecto Interuniversitario ‘Nomes e Voces’ publica, tal e como nos indican, desde hoxe no seu sitio-e, un especial adicado á Xeografía da Represión na Galiza, acoutado entre os tres primeiros anos de represión franquista após o golpe militar reaccionario españolista de hai setenta e cinco anos atrás (1936 e 1939).
Tal e como afirman, “…os lugares de morte e de enterramento ‐fosas en campo aberto, enterramentos de persoas represaliadas en recintos funerarios e fosas comúns‐, poderán ser localizados e ilustrados acompañados dunha ficha completa de información individual de acordo coa Base de Datos de Vítimas da Represión en Galicia do Proxecto e outras fontes diversas, sen esquecer a representación gráfica“.
Un extraordinario traballo que foi elaborado polo Investigador e Coordinador do Proxecto ‘Nomes e Voces’, o prolífico historiador Dionisio Pereira, e que se desenvolve a partir do Convenio de Colaboración asinado da man do devandito proxecto e o Ministerio de Xustiza do Goberno español, polo que ‘Nomes e Voces’ se comprometeu a entregar ao devandito Ministerio toda a información relativa á xeografía da represión no noso país delimitada no devandito período.