“As aspiracións do primeiro Partido Galeguista eran superiores ás do Estatuto de hoxe”, Rufo Pérez González.

Vén de morrer Rufo Pérez. Home extraordinario, comprometido firmemente co desenvolvimento da Galiza. Lembramos diante de tan triste acontecimento a conversa que mantivemos con el, a través da entrevista que lle realizou Montse Dopico en Vigo, hai xa cinco anos atrás:

Rufo Pérez naceu no 1915. Foi un dos primeiros membros da organización xuvenil Ultreya (1932). Ao pouco ingresa nas Mocedades Galeguistas e na Federación de Mocedades Galeguistas. Ao estalar a guerra do 36 será reprimido pola súa ideoloxía de esquerdas e galeguista. No franquismo participará da creación da editorial Galaxia; militando nos seus inicios na Unión do Povo Galego. Catedrático e docente de Matemáticas impartirá aulas no Instituto Santa Irene na actualidade [primavera do 2006] está xubilido, porén mantén aos seus 91 anos unha lucidez desde a que analisa atentamente a actualidade.

“As aspiracións do primeiro Partido Galeguista eran superiores ás do Estatuto de hoxe”

Rufo Pérez é unha desas persoas que, tras décadas de loita por unha ideoloxía, non se renden ao desencanto aínda que a realidade lle dea as costas ás súas crenzas, ilusións e inquedanzas. Con 90 anos segue a definirse coma republicano, marxista e, ante todo, galeguista. E así é. Pero dos verdadeiros. Dos que sufriron por selo. E contribuíron cos seus esforzos a que os galegos espertaran a súa conciencia de país e a súa identidade como pobo.

-RM. Sabemos pouco da súa biografía.

Cóntenos.

-RP. Nacín en Vigo en 1915. Exercín como profesor de matemáticas no Instituto Santa Irene de Vigo durante máis de 40 anos, despois de estar seis anos en Ponferrada. Durante un tempo compatibilicei a docencia en tres centros: o Santa Irene, a Escola de Peritos Industriais e a Escola Profesional de Comercio. Comecei os meus estudos en Santiago, pero para rematar a carreira tiven que marchar a Madrid.

-RM. Formou parte da primeira xeira da organización xuvenil galeguista Ultreia de moi noviño. ¿Cre que aquela asociación logrou cumprir os seus obxectivos?

-RP- Participei en Ultreia no 1932, con 14 anos. Levoume con el Xaime Illa Couto, pois eu antes non tivera contacto co galeguismo. A esa idade Xaime xa tiña lido e asimilado moito. Logo foi compañeiro meu na Escola de Economía. Ultreia tivo unha expansión moi forte, un auxe repentino. Pola mañá faciamos ximnasia, logo visitas á cidade de Pontevedra, e pola tarde celebrabamos encontros con persoeiros da literatura, a arte, a pintura e a música. Ás veces éramos convidados á casa de alguén.

Nunha ocasión estivemos na casa de Filgueira Valverde. Hoxe penso que aqueles mozos que eramos asimilamos a nosa identidade como galegos e iso non se perde. Outro dos promotores de Ultreia foi Paco del Riego.

-RM. No 1934 trasladouse a Madrid. Alí coñeceu a importantes figuras do galeguismo…

-RP. En Madrid había un café, o Lucky’s Club, no que se reunían dúas peñas, unha era de artistas de teatro e outra de galegos. Na segunda estaban Castelao, Suárez Picallo, Ánxel Casal, Manuel Martínez Risco… O último ía dirixirme a tese, pero rematei a carreira no 36 e non puido ser. Lembro a graza que tiña Castelao para contar as cousas. Era unha persoa de moi bo corazón. Debuxaba mentres falaba, e logo repartiámonos os debuxos. En Madrid tamén coñecín a Blanco Amor, un gran periodista e escritor, e a Bóveda, a quen lle teño emprestado apuntamentos. Un multimillonario galego, Virginio

F. Grego, patrocinou un ciclo de conferencias no que estiveron Salvador de Madariaga, Miguel de Unamuno, Ortega y Gasset, Gregorio Marañón e Manuel Azaña. Facíanse as charlas dende unha radio española. Lembro como entrabamos no estudio polas 5 ou 6 da tarde.

En Madrid pertencín tamén á Federación Universitaria Escolar. Un día deixáronnos marchar nun control ao confundir o carné co de estudante.

-RM. ¿Notábanse nesas tertulias as diferenzas entre a liña máis tradicionalista do galeguismo e a máis liberal?

-RP. Realmente non, pois á tertulia acudían só galeguistas de esquerdas. As controversias viñeron despois, coa creación da ORGA.

Ademais, estas diferenzas téñense esaxerado. Filgueira Valverde e Illa Couto, por exemplo, eran católicos, pero absolutamente demócratas. Tamén se di que Vicente Risco foi transixente co  ovemento, pero hai que ter en conta que cando a vida está en perigo hai que ser un suicida para seguir defendendo coma antes as túas crenzas.

-RM. Tamén apoiou a organización do plebiscito do primeiro Estatuto. Se repasamos aquel primeiro Estatuto, e as reivindicacións do Partido Galeguista daquela época, ¿en que medida cre que seguen vixentes?

-RP. No 1936 uns rapaces e máis eu fixemos propaganda do Estatuto, que repartiamos onde había traballadores galegos. Lembro un acto no Teatro Alcázar no que Francisco del Riego enardeceu as masas coa súa oratoria.

Tamén falou naquel acto Emilio González López. O Partido Galeguista aliaríase con Izquierda Republicana. Suárez Picallo conseguiume unha invitación para asistir á sesión de Cortes na que se destituíu ao presidente da República e se nomeou a Azaña. Todos os oradores eran mestres na materia, e iso é algo que non se ve agora. As aspiracións daquel Partido Galeguista eran superiores ás do Estatuto actual. O desprezo, o abandono de España a Galicia era vergoñento. A carencia de escolas, por exemplo, era incrible. Os pobres paisanos ían ás oficinas con medo porque se rían deles por non saber falar castelán. Moitas boas escolas de Vigo foron creadas grazas ós cartos aportados polos emigrantes.

-RM. ¿Que opina da lei da memoria do PSOE?. ¿Coñecemos realmente a aportación galeguista á loita antifranquista?

-RP. As medidas propostas nesta lei non son suficientes. Hai un esquecemento da inmensidade do que pasou, das atrocidades que se cometeron. Non se coñece o noso pasado, sobre todo a xente nova. Como profesor podo dicir que hai nos novos pouco interese por aprender. É difícil hoxe provocalos.

-RM. Existen críticos da distinción politolóxica entre réximes autoritarios e totalitarios que afirman que o franquismo non foi máis benévolo que os fascismos europeos. ¿Que cre vostede?

-RP. Coñecín xente que viviu a represión do fascismo italiano. E as matanzas que houbo aquí, aínda despois da guerra, non as houbo nin en Italia. De Alemaña non sei nada.

-RM. Foi un dos fundadores da editorial Galaxia, un dos alicerces da estratexia culturalista de Piñeiro, que incluía a formación dun partido socialdemócrata e federalista. Pero logo militou na primeira UPG, co seu ideario de inspiración marxistaleninista, e non no PSG. ¿Houbo unha evolución no seu pensamento?

-RP. Realmente non. Nunca me interesou cambiar. Loitei toda a vida. No Instituto de Vigo xa proclamamos a República antes de que o fixera o Concello. Son galeguista e marxista de toda a vida, un revolucionario. Bautista Álvarez era o xefe do meu grupo, na UPG. Tamén colaborei co Partido Comunista, aínda que nunca pertencín a este partido. Os compañeiros chamábanme carrillista –cousa que non era certa- e tiñamos por iso fortes discusións. Logo xa non volvín militar en ningunha organización, porque me decepcionou moito o modo en que se fixo a “transición”. Téñolle auténtica xenreira a Fraga, coa súa matonería e os seus malos modos. Xa era fascista cando tentaba acudir ás reunións dos seus compañeiros, cando estaba estudando.

-RM. ¿Considera aínda hoxe adecuada a análise que a UPG facía nos 60 dos problemas de Galiza?

-RP. Gustaríame que se tivera mantido a liña orixinal. Hoxe a palabra marxista r e p é l e l l e incluso a moita xente de esquerdas.

-RM. Por primeira vez o nacional i s m o forma parte do goberno. ¿Como cre que o está a facer e que é o que falta por conseguir en Galiza?

– As cousas non son perfectas e están lonxe do que un desexaría. Pero están mellor ca antes. Faltan inversións en infraestruturas, facer algo pola xente do campo… O caciquismo é un tema que sempre me preocupou.

-RM.Xusto Beramendi e Xosé Manuel Núñez Seixas sitúan na súa obra sobre o nacionalismo galego a Ultreia nunha tendencia segundo eles naquel momento minoritaria, o independentismo. Logo falouse de autodeterminación, autogoberno, e ao final impúxose a autonomía. Hoxe incluso se discute o termo nación. ¿Que lle parece todo isto?

-RP. A autonomía é unha cousa raquítica que non ven ao caso. Estou moito máis queimado da Facenda galega que da do Estado. Precisamos máis autogoberno. Non teño interese ningún en que se rompa España nin vexo probable que iso suceda, pero se rompe non perderiamos nada. España non deixa de ser unha entelequia que antes non existía. E o termo nación non é nin motivo de debate. Non hai unha continuidade do ideario de Ultreia en parte debido á prensa é á mentira da dereita de que se rompe España. Só algúns defenden esta opción.

-RM.- ¿Que é o que si conseguiu o galeguismo?

-RP. Polo menos que se fale galego, que se manteña a cultura e que non se perda.

Murguia, Revista Galega de Historia nº10 [maio-agosto 2006]

Comments are closed.

Web xerada a partir de WordPress | Deadline Theme : inspirada en Awesem e deseño de Orman