Os días 1, 2 e 3 de decembro celebrouse en Santa Coloma de Gramanet o III Festival Internacional de Dereitos Humanos. Durante tres días e coa reprodución de perto de 20 filmes de produción independente, abriuse unha porta ao debate e reflexión arredor dos Dereitos Humanos.
Este festival, “…adicado á política, promoción dos dereitos individualis e ás liberdades democráticas”, segundo indica a propia organización do evento, persegue a construción dunha “…sociedade multicultural baseada na igualdade, a solidariedade e a plena vixencia dos dereitos humanos, onde os filmes arredor da infancia, mulleres e pobos indíxenas, colectivos máis desfavorecidos, cobran especial interés”, apuntan.
As Silenciadas
Nesta liña e parello ás proxeccións, celebráronse mesas redondas e debates, nos que o público puido compartir a experiencia das e dos autores das fitas seleccionadas. Entre estas estaba As Silenciadas , filme dirixido por Pablo Ces sob guión do propio director e da investigadora e docente Aurora Marco.
Trás colleitar entre o público un enorme éxito unha vez proxectada, a fita As Silenciadas foi galardoada co “Premi Memòria i Justícia Universal”.
Parabéns ao proxecto galego por este ben merecido recoñecimento internacional!
Mulleres na guerrilla
A investigadora e catedrática da Universidade de Santiago de Compostela Aurora Marco, aliás , vén de rematar hai meses a obra que baixo o título Mulleres na guerrilla antifranquista galega iniciou hai anos. A devandita investigación acaba de sair do prelo na editora Laiovento, sendo nas vindeiras semanas apresentada en varias localidades. Entre estas xa está axendada a que se desenvolverá na capital galega na vindeira cuarta/mércores, 14 de decembro. Para daquela estará a autora a partir das 20 horas na libraría Couceiro (Praza do Pan/Praza de Cervantes), acompañada de Francisco Pillado, director da editora, así como Pablo Ces e Pilo Sierra, quen desenvolverá unha actuación musical que dará entrada a un capítulo da fita As Silenciadas.