“Emigración e Educación (1900-1936). I Centenario das Escolas da Unión Hispano- Americana Valle Miñor (1909-2009)”

Xosé M. Malheiro Gutiérrez (coord.)
516 pp. Instituto de Estudos Miñoranos | Gondomar, 2011

A fundación, a comezos do século XX, da Escola Americana do Val Miñor, grazas ao interese dun grupo de veciños emigrados a América e asociados na Unión Hispano-Americana Valle Miñor, foi unha das moitas que se fixeron en Galicia baixo o impulso dos emigrantes, que consideraban a educación e a cultura como pilares craves na formación dos individuos. Con motivo do primeiro centenario desta escola, celebrouse un congreso en Nigrán, entre o 29 de xuño e o 3 de xullo de 2009, coordinado por Xosé Manuel Malheiro, centrado nestes dous temas tan estreitamente vinculadas na historia de Galicia: “Emigración e Educación (1900-1936). I Centenario das Escolas dá Unión Hispano- Americana Valle Miñor (1909-2009)”. Dous anos despois, saen á luz as actas deste encontro que reuniu os especialistas máis relevantes que traballan actualmente sobre estas materias, tanto no noso país como alén do mar.

A emigración foi un fenómeno social que condicionou a evolución da Galicia moderna e contemporánea, sendo o ámbito educativo un dos que recibiu as consecuencias máis positivas, como testemuñan os numerosos centros de ensino creados en todo o país.

A obra que aquí nos ocupa ofrece unha nova e interesante achega ao estudo da relación que existiu entre estas dúas cuestións. Comeza cun limiar de C. Méixome, seguido dun adro de R.Villares no que realiza unha revisión da consideración tradicional da emigración galega, presentando as liñas interpretativas predominantes na actualidade.

O groso dos traballos recóllese en dous grandes bloques. O primeiro deles achéganos, grazas ás investigacións de L. Fernández Prieto, D. Pereira, M. Cabo Villaverde, P. Cagiao Vila, U-B. Diéguez Cequiel, R. Soutelo Vázquez e X. Carmona Badía, á situación económica, ideolóxica, social, política e cultural de Galicia no primeiro terzo do século XX, presentándonos as condicións e os factores que explican as fortes ondas migratorias. O segundo apartado, onde se recollen os traballos de N. De Gabriel, X. M. Cid Fernández, A. Costa Rico, X. M., Malheiro Gutiérrez, R. Pascual Abal, A. Peralta Techera, C. Méixome, Mª X. González Chamorro, J. R. Iglesias Veiga, M. A. Santos Rego e Mª do M. Lorenzo Moledo, céntrase no labor educativo da emigración galega, prestando especial atención ao caso do Val Miñor e reservando un espazo privilexiado a algúns dos protagonistas que traballaron nestes centros. O libro péchase cunha coda de X. M. Beiras que reflexiona sobre a súa visión persoal da problemática e como esta foi evolucionando desde finais dos anos cincuenta.

Atopámonos, pois, ante as actas dun congreso que, centrado na emigración e a educación en Galicia no primeiro terzo do século XX, arroxa novas luces sobre dúas cuestións que continúan sendo problemas de enorme transcendencia na sociedade actual e sobre as cales o estudo do pasado pode ofrecer interesantes e enriquecedoras perspectivas.

BEATRIZ CASTRO DÍAZ

Comments are closed.

Web xerada a partir de WordPress | Deadline Theme : inspirada en Awesem e deseño de Orman