No ano 1990 creábase a Asociación Galega de Historiadores (AGH) na Faculdade de Xeografía, Historia e Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela. Desde 1992 comezou a desenvolver a AGH as Semanas Galegas de Historia (SGH) e os Congresos de Novos/as Historiadores/as (CNH). Durante quince edicións e dúas décadas e media de vida teñen sumado estes encontros científicos a máis de cento cincuenta investigadoras e investigadores, nos que a AGH tivo varias directivas, encabezadas por Antonio Balboa Salgado (1991-1993), María Seijas Montero (1996-1999), Javier Rodríguez (1999-2001).
A partir do ano 2001 a AGH comezou unha nova etapa, impulsándose unha nova directiva, presidida por Uxío-Breogán Diéguez Cequiel e composta polo grupo fundacional de Murguía, Revista Galega de Historia, que conformaban o ‘Colectivo Murguía’.
Alexandra Cabana Outeiro e Uxío-Breogán Diéguez Cequiel cofundarían e serían quen encabezarían o devandito colectivo, así como quen asumirían a vice-presidencia e presidencia, respectivamente, da nova directiva da AGH naquela altura. Impulsando no 2003 a edición de Murguía, Revista Galega de Historia entre o devandito colectivo e a AGH. Daquela anovada directiva da AGH tamén farían parte, como vogais e en distintos momentos, Marío Cotelo Felípez, Alberte Lago Villaverde, Xohán Xosé Fernández Callón, Carlos Velasco Souto, Beatriz Castro Díaz e Prudencio Viveiro Mogo.
No ano 2011 foi elexido novo presidente da AGH, a proposta da directiva saínte, Carlos Velasco Souto, profesor da Universidade da Coruña, xunto a Beatriz Castro Díaz, historiadora e profesora de historia no ensino secundario, que asumiría a secretaría da entidade. En paralelo impulsouse desde Murguía, Revista Galega de Historia o Instituto Galego de Historia (IGALHIS).
No 2012 a AGH solicitaría a súa integración no IGALHIS, sumando entre as súas actividades (investigación, conferencias, seminarios, cursos de verán…) aqueles encontros que con anterioridade organizaba a propia AGH. É o caso das SGH, que con distinta periodicidade se organizan desde o IGALHIS, caso da XIV Semana Galega de Historia, organizada na Universidade da Coruña no ano 2012, baixo o título “Franquismo, Investigación Historiográfica e Memoria Histórica”.
XXX
Roteiro pola cidade da Coruña, celebrado o 28 de xuño de 2017,
co-organizada polo Instituto Galego de Historia xunto á Comisión pola
Recuperación da Memoria Histórica da Coruña.
Preside o IGALHIS Uxío-Breogán Diéguez, profesor da Universidade da Coruña e doutor en historia contemporánea pola Universitat de Barcelona; participando da directiva o historiador Prudencio Viveiro Mogo, especialista na Galiza do século XIX; a profesora da Universidade da Coruña Sara Carou García, especialista en historia do Dereito Penal e a prisión; o historiador Xosé Estévez, da Universidade de Deusto, expecialista na Historia do ‘Galeuzca’ e o historiador e profesor de historia no ensino secundario Alberte Lago Villaverde, especialista en historia medieval de Galiza.
O IGALHIS é desde o ano 2011 a entidade editora de Murguía, Revista Galega de Historia, dando lugar a unha dupla colección editorial: “Monografías” e “Colectiva”, a partir das cales se promove a investigación e divulgación da Historia de Galiza, obxectivos centrais da devandita institución.
Dúas coleccións que reforzan a edición e labor de Murguía, Revista Galega de Historia , da que saíron do prelo até o momento trinta e tres volumes, publicación ininterrompida desde o ano 2003.