As Irmandades da Fala e a Galiza do seu tempo. Vol.32

No mes de maio do presente ano a Xunta de Galiza publicaba o Decreto 73/2015, polo que se regula a profesión de guía de turismo no noso país. A partir da socialización deste decreto entre os profesionais afectados directamente polo mesmo comezou a darse un grande malestar. Antes de máis por non ter sido consultados monograficamente como colectivo; aliás por contemplar aspectos de difícil xustificación desde distintos flancos.

Segundo o decreto só lle é permitido ás persoas tituladas como guías turísticas amosar o patrimonio galego catalogado como Ben de Interese Cultural, excluíndo, entre outros, a arqueólogos e arqueólogas, así como a historiadores e historiadoras. Un absurdo, obviamente.Por fortuna, vén de se impulsar unha plataforma encamiñada a profesionalizar o sector do patrimonio cultural e contestar colectivamente este decreto a favor dunha nova Lei de Patrimonio. As e os profesionais que impulsan a iniciativa son do ͞ “…convencemento do potencial do patrimonio cultural e natural como ben social capaz de xerar cultura, cidadanía e futuro”.

O sector profesional vinculado ao patrimonio cultural galego amosa deste xeito o seu vizoso existir. Ao igual que o colectivo internacional Galeusca Historia, impulsado a partir do manifesto que lanzara Murguía, Revista Galega de Historia no 2008 diante do 75 aniversario do pacto tripartito ‘Galeuzca’. Na Coruña tivo lugar no mes de setembro a terceira edición deste encontro de historiadores e historiadoras da Galiza, Euskadi e Catalunya, con numerosa concorrencia; pechando así o seu primeiro ciclo de vida.

 

*****

O presente volume de Murguía, Revista Galega de Historia é unha lembranza ás Irmandades da Fala (IF) e a Galiza do seu tempo, diante do cen aniversario da creación destas no 1916. Unha iniciativa que alumeou a galegas e galegos non só do primeiro terzo do pasado século. Un destes galegos impregnados do espírito das Irmandades foi o historiador Francisco Carballo (1925-2014), que lembramos na sección Fontes a partir dunha conferencia que dera no seo do Instituto de Estudos Miñoranos (IEM), a quen galardonamos a título póstumo co ‘II Premio Manuel Murguía ao labor e mérito historiográfico’ no mes de setembro.

Murguia Revista Galega de Historia_vol32_Capa

Abrimos as páxinas de Investigación con dúas achegas que nos recrean a realidade agraria e obreira da Galiza de finais do s. XIX e do primeiro terzo do século XX, da man de Carlos Velasco Souto, profesor da Universidade da Coruña (UDC), e do investigador Dionísio Pereira. A seguir a profesora da UDC Pilar García Negro trata arredor da obra O feito lingüístico galego de Ramón Vilar Ponte; abordando Justo Beramendi, catedrático emérito da Universidade de Santiago de Compostela (USC), o proceso de creación e primeiro axir das Irmandades da Fala. Aliás, o profesor Xesús Torres Regueiro mergúllanos nas singularidades da IF de Betanzos. Por último, Miguel Cabo Villaverde, profesor da USC, afonda na atracción do galeguismo do primeiro terzo do s. XX polos Países Baixos; para José Enrique Portela dar conta do significado popular e nacional da obra pictórica de Daniel Rodríguez Castelao e o prolífico investigador e músico Ramón Rodríguez Palleiro, Moncho do Orzán, apresenta un traballo arredor dos coros galegos e, nomeadamente, sobre as dúas primeiras décadas da formación Cántigas da Terra.

Na sección A Entrevista a investigadora e escritora Marga do Val conversa con tres das bisnetas de Cándida Rodríguez González, labrega asasinada en Sobredo no 1922 no marco dunhas mobilizacións populares. As páxinas de Lembranzas fican ocupadas, da man do historiador Prudencio Viveiro Mogo, polo recordo a un dos fundadores das Irmandades da Fala, Lois Porteiro Garea. En Museos e Arquivos Pedro Incio Piñeiro, xefe da sección de información e referencia da UDC, percorre a Biblioteca da Real Academia Galega. Gustavo Hervella García, Prudencio Viveiro Mogo e Miguel Anxo Santos Rego encárganse das páxinas de Lecturas, comentando A Revolución escrita. A prensa obreira galega (1866-1936), Nacionalismo Galego aquén e alén mar. Desarticulación, resistencia e rearticulación (1936-1975) e Emigración, negocios e política na Galicia rural: Coles (1887-1940), autoría dos historiadores Óscar Freán, Uxío-Breogán Diéguez e Raúl Soutelo, respectivamente. Para finalizar, na sección A Rede visitamos o sitio web do Arquivo do Nacionalismo Galego e do Nationalism Studies Program.

*****

O noso máis sentido pesar polo pasamento de Xosé Neira Vilas e Ramón Chao Rego, grandes da nosa cultura e lectores de Murguía, Revista Galega de Historia.

[embeddoc url=”http://www.revistamurguia.com/wp-content/uploads/2016/01/Murguía_Revista_Galega_de_Historia_volume_32_Sumario_e_Editorial_xullo_decembro_2015.pdf” viewer=”google”]

Comments are closed.

Web xerada a partir de WordPress | Deadline Theme : inspirada en Awesem e deseño de Orman