Síntese: Malia ás circunstancias extraordinarias, e ben coñecidas, en que transcorre a súa fundación, o de Santa María de Conxo pasaba por ser un dos menos documentados de entre os mosteiros femininos da Galiza da Idade Media. Neste artigo preséntanse unha serie de doce diplomas baixomedievais inéditos que permiten afondar no coñecemento desta casa no que respecta á comunidade de relixiosas, á xestión dos seus bens e dominios, e ao tránsito do mosteiro bieito feminino cara a unha comunidade
masculina da Mercé ao final da Idade Media.
Palabras chave: Mosteiro, mercedarios, historia das mulleres, documentación, Baixa Idade Media.
Abstract: Despite the extraordinary, and well-known, circumstances in which its foundation took place, Santa María de Conxo appeared to be one of the least documented among the nunneries of medieval Galicia. The aim of this paper is to present twelve unpublished documents from the Late Middle Ages which allow a deeper knowledge of this house referring the community of nuns, the management of its assets and domains, and the transition from the benedictine nunnery to the Mercedarian community.
Keywords: Nunnery, Mercedarian, Women’s History, Documents, Late Middle Ages.
Autor: Víctor Rodríguez Muñiz
Santa María de Conxo foi un mosteiro marcado por unha serie de singularidades que o individualizaron dentro do panorama do monacato feminino medieval da Galiza.
A diferenza do que acontece cunha parte moi significativa das súas casas homólogas, as orixes desta comunidade monástica son perfectamente coñecidas no que atinxe ao seu promotor e motivación, á data e ao porqué da escolla do lugar. Foi así un mosteiro establecido na contorna compostelá (nun ámbito periurbano que non encontrará equivalente noutras casas femininas) da man de Diego Xelmírez, quen xa era arcebispo de Compostela en setembro de 1129, data da instauración do mosteiro. Xustificábase a súa creación pola necesidade que este expresaba de establecer unha comunidade de moniales, por non haber ningunha –enténdase reformada e disposta conforme a norma bieita ou eventualmente agostiña– en todo o reino da Galiza. Son circunstancias todas elas descritas pola prolixa narración que da fundación de Conxo refire a Historia Compostelá.
Santa María de Conxo foi un mosteiro marcado por unha serie de singularidades que o individualizaron dentro do panorama do monacato feminino medieval da Galiza. Foi así un mosteiro establecido na contorna compostelá (nun ámbito periurbano que non encontrará equivalente noutras casas femininas) da man de Diego Xelmírez, quen xa era arcebispo de Compostela en setembro de 1129, data da instauración do mosteiro.
Porén, após este momento inicial, o coñecemento do percorrido histórico do cenobio resultaba, cando menos, limitado. A pouquidade dos documentos emanados do mosteiro –pois eran unicamente catro os diplomas propios coñecidos, que non superan cronoloxicamente o século XIII e cuxa transcrición se recolle no Tombo C da catedral compostelá– non se vía compensada máis que de xeito feble por outras referencias: mandas testamentarias das que Conxo resulta beneficiario e subscricións dalgunhas das profesas, que permitían unicamente testemuñar, mal que ben, a súa continuidade ata o século XV1, centuria a cuxa década última non chegará como casa de touquinegras –e, en consecuencia, non ha de sufrir a reforma observante– toda vez que alberga nese intre unha comunidade masculina da Mercé que nas vetustas dependencias se asentara desde 1482.
Estes dous sinxelos parágrafos supoñen, de feito, a síntese de toda a información da que se dispuña ata hai pouco sobre o mosteiro en tanto que comunidade feminina medieval (Pérez Rodríguez 2008: 141). Con estes antecedentes, marcados por unha considerable penuria documental, a localización de novas fontes diplomáticas resulta indubidablemente valiosa e relevante pola información que nas súas liñas poden conter e transmitir.
A serie de doce documentos ata ao momento inéditos cuxa transcrición se ofrece no presente artigo, datados entre 1333 e 1498 e procedentes de diversos arquivos2, permitiu incrementar de xeito notorio o coñecemento sobre as diferentes facetas e realidades do mosteiro: a estrutura interna, a xestión do seu patrimonio e o dominio que sobre el exerce, así como as relacións –non sempre fluídas– coa súa contorna son aspectos sobre os que achegan luz. Non é menos relevante a forma en que se refire a fin da comunidade monástica feminina e se explica o momento e circunstancias en que se converte en casa mercedaria, así como as dificultades encontradas no proceso de asentamento desta. O percorrido pola historia medieval de Santa María de Conxo, conciliando aqueles datos xa coñecidos cos derivados das fontes inéditas, derivou na publicación do correspondente texto por parte do autor destas liñas (Rodríguez Muñiz 2020).
A serie de doce documentos ata ao momento inéditos cuxa transcrición se ofrece no presente artigo, datados entre 1333 e 1498 e procedentes de diversos arquivos, permitiu incrementar de xeito notorio o coñecemento sobre as diferentes facetas e realidades do mosteiro
Ofrécese nas seguintes páxinas a transcrición íntegra dos referidos diplomas inéditos, realizada tomando como referencia os criterios e normas establecidos a tal efecto no proxecto Gallaeciae Monumenta Historica3 do Consello da Cultura Galega.
(…)
Texto completo en Murguía, Revista Galega de Historia vol. 47!
1 Pode facerse un recorrido por estas referencias documentais en Pérez Rodríguez 2019: II, p. 1091 e nota 1873.
2 Nomeadamente, seis dos diplomas permanecen custodiados no Arquivo do Reino de Galicia; o Arquivo
da Real Academia Galega e máis a Real Audiencia y Chancillería de Valladolid albergan cadanseu e, por
último, no mosteiro da Mercé de Poio consérvanse tres documentos adicionais.
3 <http://gmh.consellodacultura.org/proxecto/normas/>