Asentamento e desenvolvemento da Orde do Hospital en Beade (Ourense)

Síntese

Non podemos entender Beade (comarca do Ribeiro) sen a ligazón coa Orde Militar de San Xoán de Xerusalén/Malta. A Orde de San Xoán interesouse por esta zona debido á fama dos seus viñedos, os cales lle proporcionaron á comarca e á orde unha gran fortaleza económica, sobre todo ao longo da Idade Media e Idade Moderna. Só tendo en conta esta realidade histórica é cando podemos ponderar convenientemente o patrimonio artístico que se presenta ante nós.

Abstract

We can not understand Beade (Ribeiro region) in connection with the Military Order of Saint John of Jerusalem/ Malta. The order of San John was interested in this area due to the fame of their vineyards, that provided the region and the order whith great economic strength, especially during the Middle and Modern Age. Only taking into account this historical reality we can conveniently weigh the historical reality presented to us.

Palabras Clave

Beade, Orde Militar de San Xoán de Xerusalén, encomenda, Ribeiro.

Keywords

Beade, Saint John of Jerusalem, commend, Ribeiro.

Autor: Lucas Sánchez Taboada.

 

A Orde Militar de San Xoán de Xerusalén en Galiza

Polo que respecta ao asentamento e vinculación das ordes militares en Galiza, seis serán as que cheguen a establecerse en dito territorio durante a Idade Media. Por unha banda temos a do Santo Sepulcro de Xerusalén e a do Temple, cuxas noticias transmitidas son moi escasas, pero que ineludiblemente mostran a posesión de propiedades e encomendas, rasando os seus bens maioritariamente a outras institucións -a da Orde do Hospital- trala súa disolución. Pola outra banda atopámonos coa de San Xoán de Xerusalén con presencia significativa ao longo do Camiño Francés e outros máis secundarios que se dirixían a Compostela. E por último, as de Calatrava e Alcántara con posesións menos relevantes; e a de Santiago, que tivo unha importante implantación no territorio e chegou a contar coa Casa Maior.

As ordes máis salientables e con maior presenza continuada no territorio galego serán a Orde Militar de San Xoán de Xerusalén[1] (OMSXX) e a de Santiago, que son ademais das que maior documentación se conserva (Arcaz Pozo, 1994: 180-181), baseándose o estudo deste artigo en concreto no caso da OMSXX en Beade.

A Orde do Hospital naceu en Xerusalén a fins do século XI e comezos do século XII, durante a época das cruzadas. Nun principio non era unha orde militar, senón que se dedicaba ao coidado de peregrinos que visitaban Terra Santa. Tan só co tempo, ao longo do século XII, foise transformando nunha orde militar debido ás necesidades defensivas do Oriente Latino. Converteuse, entón, nunha das institucións máis poderosas do reino cruzado de Xerusalén. No 1187, tras a batalla de Hattin, Xerusalén caeu en mans dos musulmáns, provocando que a sede da Orde pasase nese intre a Acre. Os hospitalarios loitaron para defender os últimos restos do reino de Xerusalén até que no 1291 os musulmáns tomaron tamén Acre e remataron así coa presenza latina en Siria e Palestina. A OMSXX trasladou entón o seu convento central a Chipre (Barquero Goñi, 2003: 11).

As ordes máis salientables e con maior presenza continuada no territorio galego serán a Orde Militar de San Xoán de Xerusalén (OMSXX) e a de Santiago

A OMSXX, con presenza na Península Ibérica dende os primeiros anos do século XII, -sendo coñecida dende moi pronto como a Orde do Hospital-, tivo unha notable implantación en Galiza, con especial relevancia no Camiño de Santiago, principal ruta de peregrinos na Europa occidental, xunto a outros máis secundarios que se dirixían tamén ao sepulcro do Apóstolo, tendo en conta que os camiños de Santiago non eran só de ida, senón tamén de volta. Os primeiros asentamentos dos sanxoanistas en Galiza débense, en gran medida, ao apoio prestado polos monarcas castelán-leoneses, os cales mediante doazóns rexias favoreceron o establecemento da orde nos camiños que ían a Santiago, con preferencia polo «camiño francés», para que proporcionasen aos peregrinos que transitaban por eles a asistencia necesaria, protección e acollida, labor para o que se encontraban especialmente preparados os hospitalarios. Con todo isto, á temperá data de 1142, Alfonso II, na compañía da súa muller Berenguela, facía doazón aos hospitalarios de Mirallos -feito que, por outra banda, denota a súa presenza con anterioridade a esta data en Galiza- os dereitos da casería de Froila, en territorio de Sarria, e a igrexa de Ferreiros, ao sureste do monte Páramo, ambos situados no camiño ao seu paso pola provincia de Lugo. O mesmo interese pareceu demostrar o monarca anos despois coa doazón á orde en zonas de retagarda e afastadas do fronte fronteirizo da cesión da metade do reguengo de Santa Mariña, anexo ao mosteiro de Portomarín.

Á marxe da principal arteria viaria que se dirixía a Compostela, nun camiño importante que comunicaba as terras do Ribeiro polo mosteiro de Melón co Baixo Miño na súa ruta por Franqueira, Alfonso VII e a súa muller doaron de novo á orde, no 1143, no monte denominado Padrón, cos seus termos de Acebedo, situado entre Melón e Oroso, no actual límite das provincias de Ourense e Pontevedra, coa condición de fundar un hospital para a atención dos peregrinos que por alí pasaban procedentes dunha ruta secundaria en dirección a Compostela. Na dita doazón pro anima, realizada polos monarcas, descoñecemos se Juan Germúndez estaba vinculado dalgunha forma á OMSXX, aínda que é probable que tanto el ou os seus inmediatos sucesores non tardaran en facelo, posto que o partido de Oroso chegou a formar parte da encomenda de Beade. Polo demais, no documento, algúns historiadores sinalaron determinadas alusións claramente a repoboar por iniciativa alfonsí (Arcaz Pozo, 1995: 257-258).

Do primeiro desenvolvemento da OMSXX en Galiza durante os séculos XII e XIII, podemos extraer unha serie de conclusións xerais. Por un lado, a presenza dos cabaleiros hospitalarios na rexión veu determinada, desde os seus inicios, pola capacidade operativa de servizo e asistencia aos peregrinos que se dirixían a Compostela. Por outro lado, o groso do patrimonio territorial  da orde foise configurando nestes primeiros séculos mediante frecuentes doazóns de bens, tanto pola xenerosidade rexia -interesada en potenciar e favorecer a peregrinación ao sepulcro de Santiago-, como de particulares que trataban de asegurar o futuro espiritual dos seus benfeitores, facendo que o seu corpo fose enterrado nos cemiterios das súas igrexas.

Vista aérea

Outra fórmulas que contribuíron igualmente ao aumento dos seus dominios, aínda que en menos medida, foron as adquisicións por compras e permutas. Os seus bens presentan nestes primeiros séculos un patrimonio territorial disperso, sen ningún tipo de unidade estrutural, cun maior predominio ao longo das rutas de peregrinación en zonas de interior.

Por último, hai que destacar que a OMSXX foi recompensada en Galiza, nun primeiro momento, coa maior parte dos bens da Orde do Temple na rexión tras a súa disolución definitiva no primeiro cuarto do século XIV, o que contribuíu a aumentar a súa presenza (Ibid.: 264).

Hai que destacar que a OMSXX foi recompensada en Galiza, nun primeiro momento, coa maior parte dos bens da Orde do Temple 

A comezos do século XIV todo parece indicar que a Orde Hospitalaria tiña plenamente fixados os seus límites territoriais en Galiza. Unha vez adquirido o patrimonio per se, o cal se concibe nas últimas décadas do século XIII, cunha curta prolongación até as dúas primeiras décadas do século XIV, debido aos bens da extinta Orde do Temple -como xa avanzamos en liñas anteriores- e dos que só temos referencias indirectas, todas elas inseridas en preitos ou executorias dos séculos XVII e XVIII (García Tato, 2004: 57-60). Polo tanto, a Orde Hospitalaria en Galiza limitouse a sacarlle a maior rendibilidade posible a estes bens.  Un exemplo de doazón de posibles bens templarios á Encomenda de Beade (fig. 1)  foi o coto de Santiago de Canda -actual municipio de Covelo- no ano 1319, doazón confirmada posteriormente en 1397 por Enrique III e a finais do século XV polos Reis Católicos, cuxa posesión daría lugar no ano 1512 a un preito cos señores da fortaleza de Salvaterra de Miño, García Sarmiento e Diego Sarmiento, por cobrar dos caseiros e vasalos deste coto de Prado de Canda certos maravedís, e por obrigarlles a servir nas fortalezas de Sobroso e Salvaterra. A xustiza deulle a razón aos hospitalarios, condenando aos Sarmiento a 4.663 maravedís (Ibid.: 61) .

A comezos do século XIV todo parece indicar que a Orde Hospitalaria tiña plenamente fixados os seus límites territoriais en Galiza. 

Consolidado o patrimonio nos séculos XIV e XV, a OMSXX, dende o século XVI até o XIX, centrouse no mantemento das propiedades descritas, utilizando para iso os mecanismos beneficiosos ao uso, como eran os apeos, melloramentos, visitas, concesión de hábitos a persoas influentes etc. Os efectos da Revolución Francesa deixáronse sentir non só en Malta, onde en 1798, tras confiscar e vender os seus bens, Napoleón expúlsaos desta illa o 10 de xuño de 1798. Seguindo o seu exemplo, en España, o seu irmán Xosé decreta en 1809 a supresión de todas as ordes militares, entre elas a de San Xoán. De novo rehabilitadas en 1814, sufriron o golpe de graza nas medidas desamortizadoras iniciadas por R. D. o 8 de marzo de 1836,  motivo polo que os seus bens foron declarados en venta. Porén, un ano despois ordenouse a supresión dos trámites de poxa dos bens mencionados, porque o Banco Español de San Fernando anticipara en 1824 unha cantidade á Caixa de Amortización, a cuxo reembolso quedaron afectos ós bens das encomendas da OMSXX. Pero mentres non se decretaba o alleamento, os froitos dos forais dos bens hospitalarios eran arrendados anualmente. Así, na testemuña xeral aos remates das rendas forais correspondentes aos froitos do ano 1845 nas seis encomendas galegas -seis, porque nesta época xa se segregaran a de Quiroga e as encomendas de O Incio e Osoño- arroxaron un total de 141.573,30 reais. Na desagregación, á Encomenda de Beade corresponderíanlle 9.983,00 reais (Ibid.: 62-68).

O viño do Ribeiro como motor económico a partir da rede monacal

O viño do Ribeiro foi dunha enorme importancia para o desenvolvemento económico da comarca do Ribeiro e de Galiza, iniciándose na Alta Idade Media e chegando a súa produción até os nosos días. Para a súa comercialización, o viño levábase a cabalo en odres polos arrieiros até Ourense, Santiago, Tui ou Pontevedra, centros de consumo pero tamén de redistribución, sendo o de Pontevedra o principal porto para o seu transporte marítimo, seguido dos de Vigo, Baiona e A Coruña (Armas Castro, 1992). Dende estes portos, ía en dirección ao golfo de Biscaia, chegando a Bretaña, Flandres e, principalmente, Inglaterra (Huetz de Lemps, 1967: 216). Os viños da comarca tamén navegaron e acompañaron aos barcos que levaron aos primeiros colonos a América (Orriols, 2014).

A partir de mediados do século XII os cistercienses dan un impulso definitivo á produción vinícola do Ribeiro, ao renunciar á gandería e dedicar as súas terras case en exclusiva ao cultivo da vide (…).

Texto completo en Murguía, Revista Galega de Historia vol. 43-44!

[1] OMSXX a partir de agora.

Comments are closed.

Web xerada a partir de WordPress | Deadline Theme : inspirada en Awesem e deseño de Orman