Algunhas propostas para unha mellora do sector arqueolóxico galego hoxe (eII)

Algunhas propostas para unha mellora do sector arqueolóxico galego hoxe (eII)

Some proposals for an improvent of the current Galician archaeological sector (eII)

////////

Resumo: A Arqueoloxía galega precisa unha transformación profunda que dea resposta a múltiples situacións como son a representación do sector, a necesidade dunha axenda investigadora propia, temas laborais e a posta en marcha dun plan de ordenación de recursos arqueolóxicos.

Abstract: Galician Archeology needs a deep transformation that responds to multiple situations such as the representation of the sector, the need for its own research agenda, work topics and the execution of a plan for the organization and management of archaeological resources.

Palabras chave: execución subsidiaria, sostenibilidade, representación, axenda investigadora, plan de xestións e ordenación.

Keywords: subsidiary execution, sustainability, representation, research agenda, management plan and management.

Autores: Víctor José Barbeito Pose, arqueólogo & Julián Bustelo Abuín, arqueólogo.

////////////

Presentamos un conxunto de propostas que se complementan a outras xa publicadas no número anterior de Murguía, Revista Galega de Historia, completando o panorama sobre o sector arqueolóxico galego, especialmente vinculado á arqueoloxía preventiva.

Nesta segunda parte presentase propostas para superar a calamitosa situación do patrimonio arqueolóxico que algunha vez foi activado no marco de proxectos de revalorización social, definindo a necesidade dun Plan de Xestión e Ordenación de Recursos Arqueolóxicos con instrumentos como un programa de seguimento das actuacións ou proxectos de re-equilibrio, e se fixan garantías de cumprimento como o informe de sostibilidade e se fan aflorar mecanismos xa existentes na lexislación, pero non aplicados no ámbito arqueolóxico, como son as medidas cautelares para o cumprimento de compromisos ou a dotación a través do Fondo de Cooperación Local. Á par, faise unha proposta que complementa ao Plan de Ordenación, como é o réxime de execución substitutoria para aplicar a aqueles bens arqueolóxicos máis singulares e que precisen de medidas de conservación e mantemento.

 

Xacemento medieval da Misarela (Pobra do Caramiñal, 2016)

 

Tamén se analiza a necesidade dun órgano de representación do sector que planifique, analice e faga un seguimento e análise da arqueoloxía galega, directamente relacionado coa necesidade imperiosa de pór en marcha unha axenda galega de investigación arqueolóxica cunhas liñas estratéxicas consensuadas e que lle dean un impulso ao coñecemento arqueolóxico galego.

 

Propostas    

Órgano de representación equilibrado do sector arqueolóxico

O sector arqueolóxico galego carece de representación oficial, é certo que teñen xurdido iniciativas como a Asociación Profesional de Arqueólogos de Galicia (APAG) fundada en 1986[1] e cunha presenza destacada na década seguinte, ou máis recentemente a Asociación Empresarial Galega de Arqueoloxía (AEGA) máis a Asemblea de Traballadores da Arqueoloxía de Galicia (ATAG) xurdidas como ferramentas para asinar os convenios colectivos asinados en 2009 e 2016 respectivamente.

O sector arqueolóxico galego carece de representación oficial, é certo que teñen xurdido iniciativas como a APAG fundada en 1986 e cunha presenza destacada na década seguinte, ou máis recentemente a AEGA máis a ATAG.

Doutra banda, creouse a Comisión Técnica de Arqueoloxía en 1983, modificada sucesivamente, sendo a última en 2017. Algúns autores (ARIAS; FARIÑA, 1996) a mediados da década dos noventa consideraban que tras a modificación de 1988 convertérase nun <<órgano nominal, conoceder a posteriori (y sólo a veces, cuando es convocada…) de actuaciones arqueológicas de todo tipo>>. Co paso do tempo, a cousa non mellorou, senón que nada máis lonxe da realidade; así, por exemplo a nivel anecdótico, deixou de estar presidida pola persoa que ostenta a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural a estar presidida pola persoa titular do servizo de arqueoloxía; ou, que o nomeamento dos membros debería ser por resolución e actualmente é por acordo da directora xeral do Patrimonio Cultural[2]. Mesmo, tampouco se cumpre cunha presenza equilibrada por razón de xénero na composición total do órgano, xa que actualmente os membros titulares están en relación 7 a 2, a pesar de que nas Normas comúns de funcionamento establécese que a designación farase procurando unha presenza equilibrada entre sexos.

En definitiva, pódese seguir mantendo a afirmación formulada en 1996, e considerar á Comisión como un órgano honorífico e pasivo, e tampouco é representativo do sector ao faltar algúns piares fundamentais da arqueoloxía como poden ser o ámbito dos museos, da arqueoloxía municipal ou do sector empresarial.

Existen outros entes ou organismos nos que está presente o sector da arqueoloxía, máis non se poden considerar como representación do sector arqueolóxico, senón que teñen o rango de institucións académicas e funcionan como órganos consultivos e/ou asesores, como por exemplo o Consello da Cultura Galega (Sección de Patrimonio e Bens Culturais) ou a Real Academia Galega de Belas Artes “Nosa Señora do Rosario” (Sección de Arqueoloxía e Museoloxía).

Outra institución creada foi a Sección de Arqueoloxía do Ilustre Colexio de Doutores e Licenciados en Filosofía e Letras de Galicia que naceu en 2017 co obxectivo de defender ao sector profesional, e que mantén certa presenza nalgunha rede social pero que non dá collido impulso.

Amén do sinalado, a arqueoloxía tampouco goza de boa saúde na representación de órganos administrativos autonómicos. Deixando á marxe a Comisión Técnica de Arqueoloxía, a presenza de arqueólogo/as deixou de ser preceptiva nos catro Consellos Territoriais de Patrimonio Cultural de Galicia a partir de 2017, cando si era preceptiva con anterioridade. Tampouco ten representación directa no Consello Asesor dos Camiños de Santiago ou nas subcomisións para o Rexistro do Patrimonio Cultural e de Conservación do Patrimonio Cultural da Igrexa en Galicia dependentes da Comisión Mixta Xunta de Galicia-Igrexa Católica, ou mesmo na Comisión Técnica de Etnografía creada en 2008, a pesar de que naquel momento estaba en vigor a Lei 8/1995, de 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, que recollía que os bens de carácter etnográfico que fosen susceptibles de seren estudados con metodoloxía arqueolóxica seríalle de aplicación o disposto para o patrimonio arqueolóxico; pero nin aínda así con esta reserva de lei se conseguiu a presenza de arqueólogos/as na citada comisión.

Nos 21 órganos colexiados e consellos de participación social dependentes da consellería competente en materia de patrimonio cultural, coa excepción da Comisión Técnica de Arqueoloxía, só hai un arqueólogo no Consello Superior de Valoración de Bens Culturais para Galicia[3],

É máis, dos 178 órganos colexiados e de participación social dependentes da Xunta de Galicia[4], véxase: comisións, subcomisións, comités, observatorios, mesas, xuntas superiores ou consultivas e padroados; algúns deles tan directamente relacionados co sector arqueolóxico, como por exemplo o Consello Forestal de Galicia[5] composto por 40 vogais, entre os cales non hai ningún arqueólogo ou arqueóloga, nin tan sequera hai representante algún do departamento responsable de patrimonio cultural, cando segundo o Instituto Galego de Estatística no ano 2018, máis do 65 % do territorio galego era forestal, e, posiblemente, máis de 11.500 xacementos arqueolóxicos se atopen es espazos forestais.

Situación semellante se dá na Comisión Galega de Mergullo Profesional[6] na que está representados ademais da Consellería do Mar, as asociacións profesionais máis representativas do mergullo profesional, recolledores e sindicatos con maior representación na CCAA, mentres non está presente o sector arqueolóxico cando Galicia conta cun excepcional patrimonio arqueolóxico subacuático distribuído ao longo dos máis de 1.600 quilómetros de costa cos que conta.

Podemos seguir a estela da ausencia do sector arqueolóxico na Comisión de Seguimento das Directrices de Ordenación do Territorio de Galicia, a Comisión Superior de Urbanismo de Galicia, o Comité Asesor de Habitabilidade, ou no Consello Asesor da Paisaxe de Galicia, a pesar de que neste último, entre os 38 membros, está en calidade de vogal unha persoa representante do órgano con competencia en materia de patrimonio cultural, con rango de director/a xeral ou equivalente, pero obviamente non se trata do sector arqueolóxico. En definitiva, o sector arqueolóxico está fóra dos órganos colexiados e de participación, tanto propios da consellería en materia de patrimonio cultural, como nos de carácter transversal ou sectorial.

Centrando o tema, non existe actualmente ningún instrumento de coordinación, colaboración e cooperación e entre os distintos sectores implicados do ámbito arqueolóxico (administración local e autonómica, organismos públicos de investigación, museos, empresas e traballadores do sector privado). É preciso artellar un modelo de gobernanza na que estean presentes todos os sectores estratéxicos con intereses na arqueoloxía galega; un órgano de planificación, seguimento e análise que contribúa a xerar novas oportunidades e a solucionar problemas.

É preciso artellar un modelo de gobernanza na que estean presentes todos os sectores estratéxicos con intereses na arqueoloxía galega; un órgano de planificación, seguimento e análise que contribúa a xerar novas oportunidades e a solucionar problemas.

É preciso crear un órgano ou ente, ben sexa o Observatorio Galego do Patrimonio Arqueolóxico ou Consello da Arqueoloxía Galega ou outro ente baixo unha forma xurídica axustada ás necesidades do sector, no que se forxen alianzas e se establezan acordos de colaboración para facilitar determinados tipos de intervencións e coordinación entre os distintos operadores e centros de investigación. A ninguén se lle escapa que algúns estudos e analíticas especializadas (análises carpolóxicos, análises paleopatolóxicos, etc.) non están dispoñibles no mercado para determinados operadores arqueolóxicos (empresas de arqueoloxía ou mesmo a Administración), polo que é preciso recorrer aos organismos que contan con eles. O futuro da arqueoloxía e da sostibilidade da mesma pasa por aspectos como a investigación e a aplicación das novas tecnoloxías que permitan xerar novas alternativas laborables.

Precisase unha coalición entre operadores (administración pública, centros de investigación, museos, empresas de arqueoloxía, traballadores, …) para a procura de solucións; así como, consensuar modificacións lexislativas e a normalización de aspectos tan básicos como a implantación de modelos de datos normalizados, criterios, guías operacionais, metodoloxías e protocolos de intervención, prezos de referencia, exixencias mínimas do rexistro arqueolóxico que contribúan a elevar el nivel científico de las intervencións.

Petróglifos de Monte Pelotiño (Rianxo). Obsérvase a falta de mantemento de soportes informativos e conservación da contorna

Axenda galega de investigación arqueolóxica 

A Administración autonómica galega, sempre escasa de medios e persoal, centrou nos últimos tempos as súas funcións no réxime autorizatorio, deixando descoidadas outras funcións que tamén son competencia pública e propia, e que algunhas administracións autonómicas proxectan, como é o caso de Andalucía, que contempla a fórmula dos Proxectos Xerais de Investigación que poderá promover de oficio directamente a Consejería de Cultura que entenda preferentes tanto para unha mellor cohesión científica das actividades arqueolóxicas preventivas como para o coñecemento xeral no seu pasado ou a valorización do mesmo. Igualmente, a Comunitat Valenciana faculta á consejería competente en materia de cultura para determinar os ámbitos onde se estime necesaria a elaboración de plans xerais de investigación que contribúan a lograr unha mellor cohesión científica nas actuacións arqueolóxicas.

 

Precísase unha axenda de investigación en clave galega exclusivamente arqueolóxica propia da administración competente en materia de patrimonio cultural, soa ou en colaboración con outras entidades, pero centrada no ámbito arqueolóxico que coordine e planifique a investigación arqueolóxica en determinados ámbitos de interese para a Administración autonómica, que non ten por que coincidir cos intereses dos organismos públicos de investigación. Existen unha serie de problemáticas históricas concretas que precisan abordarse a través de liñas estratéxicas de investigación que fixen áreas ou obxectos preferentes de estudo; sirva de exemplo, un dos temas de actualidade como é o cambio climático, e dentro do mesmo e dada a natureza costeira de Galicia, un dos ámbitos onde debería centrarse a investigación é naquelas áreas que quedarán asolagadas e que conteñen restos arqueolóxicos significativos para recuperar a maior cantidade de información previo a súa desaparición.

Precísase unha axenda de investigación en clave galega exclusivamente arqueolóxica propia da administración competente en materia de patrimonio cultural, soa ou en colaboración con outras entidades, pero centrada no ámbito arqueolóxico que coordine e planifique a investigación arqueolóxica en determinados ámbitos de interese para a Administración autonómica, que non ten por que coincidir cos intereses dos organismos públicos de investigación

Outro dos temas que precisa dun tratamento especial é a arqueoloxía preventiva, fundamentalmente aquela de ámbito urbano para que transcenda a información xerada nestes traballos máis alá da preceptiva e sucinta documentación administrativa. É preciso sinalar que, a pesar de ser obrigatoria a entrega de sínteses cos resultados das actuacións arqueolóxicas, as últimas publicadas correspóndesen coas do ano 2009, fai máis dunha década¡.

 

Si as tornas non cambian, cabe o risco de baleirar de interese social a actividade arqueolóxica, límite que quizais se teña xa sobrepasado a teor da perda de peso da arqueoloxía que se traduce na perda de competencias, freo da implantación de arqueólogos/as na Administración local e provincial, falta de axudas directas ao sector laminado pola crise económica pasada e o actual pandemia, a nula presenza da arqueoloxía en órganos colexiados e de participación social dependente da Administración autonómica, etc.

 

Plan de xestión e ordenación de recursos arqueolóxicos

Si fixeramos un estado da cuestión sobre os proxectos de valorización dos xacementos executados durante a última década, a nota predominante sería o abandono dos proxectos, o deterioro do patrimonio e dos elementos sinalizadores e do mobiliario instalado, ou a colonización de vexetación.

Este panorama é a consecuencia da ausencia dunha estratexia galega de valorización do patrimonio arqueolóxico[7] que se suple con iniciativas locais, nas que xeralmente a administración municipal colle a iniciativa de proxectos de valorización do patrimonio arqueolóxico, ás veces por iniciativa propia e outras por presións de determinados colectivos, pero sen coordinación interadministrativa e fóra do marco dunha planificación global e, na inmensa maioría, con cargo a fondos públicos. Os resultados son proxectos moi localistas, fragmentados, desequilibrados e con focos de atención análogos (castros, mámoas e petróglifos como bens de atención preferente). Os resultados son evidentes e non animan a seguir nesta liña. Débese admitir a ineficacia deste modelo localista, de feito comezan a incrementarse as voces que apuntan a un malgasto de recursos públicos destinados ao patrimonio arqueolóxico.

Si fixeramos un estado da cuestión sobre os proxectos de valorización dos xacementos executados durante a última década, a nota predominante sería o abandono dos proxectos, o deterioro do patrimonio e dos elementos sinalizadores e do mobiliario instalado, ou a colonización de vexetación.

Este escenario xustifica a necesidade dun Plan de xestión e ordenación de recursos arqueolóxicos, entendido como un conxunto de accións orientadas a manter, mellorar, restaurar ou rexenerar o patrimonio arqueolóxico, que debe pivotar sobre dous obxectivos básicos: o re-equilibrio e o mantemento.

O re-equilibrio entendido como unha política arqueolóxica en clave territorial na que exista un equilibrio entre as distintas tipoloxías de xacementos e adscricións culturais; é dicir, que non exista unha desproporción nos recursos arqueolóxicos exhibidos ou activados nunha determinada área, senón que se precisa unha equidade entre os distintos tipos de xacementos de tal forma que se vertebren aqueles recursos dispoñibles nunha área a modo de rede, e que teñan carácter complementario e que garanta unha diversidade e atractivo suficiente para completar unha panorámica o máis completa posible dos distintos tipos de patrimonio arqueolóxico galego tendo en conta as particularidades rexionais e locais.

Este Plan debe abarcar un ámbito territorial de carácter autonómico, do cal deberan descolgarse programas cuxo marco territorial fose supralocal ou comarcal na procura de modelos territoriais – patrimoniais equilibrados. De selo caso, estes programas puideran ir acompañados de proxectos para a xeración de novos espazos para xerar unha oferta equilibrada de recursos arqueolóxicos. O obxectivo é a integración dos recursos nunha rede baseada na cooperación interinstitucional, intersectorial e con coordinación autonómica e na que se incorporen determinados actores privados.

O mantemento (e conservación) é outras das cuestións fundamentais que se deben abordar neste Plan, visto que na maioría dos casos, tralo ímpeto inicial dos traballos de valorización os bens quedan desatendidos, volvéndose colonizar pola vexetación, o mobiliario e equipamentos informativos acaban deteriorados polo paso do tempo ou actos vandálicos e non se repoñen, transmitindo unha imaxe de abandono e desleixo, antagónica á imaxe pública que a sociedade debe ter sobre o patrimonio arqueolóxico e a función social que no marco (constitucional) xurídico ten asignada.

Os traballos de mantemento e conservación sobre os recursos arqueolóxicos que previamente foron activados deben articularse a través de proxecto coordinados coa Administración competente en materia de patrimonio arqueolóxico; ben sexa directamente, de maneira que se proceda á licitación dos traballos de mantemento[8]; ou indirectamente, a través dunha liña de axudas ou subvencións ás Administracións locais ou a entidades privadas sen ánimo de lucro promotoras dalgunha das accións de revalorización do patrimonio, que agora necesita reactivarse para sacalos do abandono e esquecemento.

Respecto dos dous polos sobre os que pivota o Plan de ordenación e xestión de recursos arqueolóxicos: re-equilibrio e mantemento, deben ir acompañados, ademais de programas e proxectos, por outros mecanismos que eviten que a situación se repita nun futuro inmediato; de modo que, se avoga pola posta en marcha dun Programa de seguimento das actuacións de revalorización centrado nos bens arqueolóxicos sometidos nalgún momento a actuacións de conservación e revalorización do patrimonio cuxo obxectivo principal fose promovelo rendemento socio-cultural, a difusión e o seu coñecemento público, de xeito que contribúa á conservación do patrimonio previamente activado.

Os traballos de mantemento e conservación sobre os recursos arqueolóxicos que previamente foron activados deben articularse a través de proxecto coordinados coa Administración competente en materia de patrimonio arqueolóxico

Ora ben, esta medida debe ir acompasada con outros mecanismos que eviten que novas actuacións sobre bens arqueolóxicos que se pretendan activar no futuro non acaben sendo un déjà vu do que está a suceder. Para previr un consumo voraz e desordenado e apostar por un uso racional dos recursos, corrixir as desigualdades e establecer mecanismos chamados a compensar desequilibrios precisaríase pór en marcha garantías de cumprimento. Estas garantías de cumprimento están fixadas en distintos instrumentos xurídicos pero precisan nalgún caso da súa posta en marcha, e noutros, de adaptacións a realidade do patrimonio arqueolóxico.

Unha primeira garantía de cumprimento está recollida no Decreto 199/1997[9], no que se sinala que a presentación de solicitudes para autorización de actividades arqueolóxicas debe ir acompañada, entre outros, dun Plan de protección ou conservación que inclúa, se procede, a sinalización axeitada, do patrimonio arqueolóxico obxecto do proxecto; agora ben, remitíndonos á realidade xa retratada, esta garantía de cumprimento non funciona, quizais polo seu grao de inconcreción e abstracción do que se considera como Plan de protección ou conservación.

Como xa sinalamos, unha gran parte das actuacións de conservación e revalorización sobre o patrimonio arqueolóxico fináncianse con fondos públicos a través de axudas e subvencións, polo que existen ferramentas xurídicas como son as garantías e outras medidas cautelares para o cumprimento dos compromisos asumidos polos beneficiarios de fondos públicos definidos na normativa reguladora[10] de subvencións, que permite establecer compromisos que se estendan máis alá do prazo de xustificación da subvención, e se establecen mecanismos de reintegro por incumprimento das obrigas (…).

 

Texto completo en Murguía, Revista Galega de Historia vol. 43-44!

 

[1] http://www.oocities.org/rainforest/1185/ (consulta 19.09.2020)

[2] Segundo se extrae do art. 18.1 do Decreto 93/2017, de 14 de setembro, polo que se regula a composición e funcionamento dos consellos territoriais de Patrimonio Cultural de Galicia, do Consello Asesor dos Camiños de Santiago e da Comisión Técnica de Arqueoloxía.

[3] https://transparencia.xunta.gal/tema/transparencia-institucional/estrutura-organica-e-funcional/organos-colexiados-adscritos?content=/Portal-Transparencia/Unidades_informacion_transparencia/interiores/Tema_2/organos-colexiados/transparencia_0068.html [consulta 20.09.2020]

[4] https://transparencia.xunta.gal/tema/transparencia-institucional/estrutura-organica-e-funcional/organos-colexiados-adscritos [consulta 20.09.2020]

[5] Composición do Consello Forestal de Galicia: https://transparencia.xunta.gal/tema/transparencia-institucional/estrutura-organica-e-funcional/organos-colexiados-adscritos?content=/Portal-Transparencia/Unidades_informacion_transparencia/interiores/Tema_2/organos-colexiados/transparencia_0028.html [consulta, 25.04.2020]

[6] Regulada mediante Orde do 20 de xullo de 2003, pola que se regula a Comisión Galega de Mergullo Profesional

[7]  Resulta inquietante que no borrador da Estratexia da Cultura Galega 21 promovido pola Xunta de Galicia, documento que fixa obxectivos e recolle compromisos necesarios para acadalos cun horizonte posto na terceira década do século XXI, na liña estratéxica 5. Valoración do patrimonio cultural de Galicia como recurso vivo e accesible, da cal se descolgan os obxectivos estratéxicos, coincidan con obxectivos que se buscaban na primeira metade da década de 1990 (inventario e catalogación). Obviamente trátase dunha mera formalidade que non servirá de moito.  https://www.cultura.gal/sites/default/files/documents/basico/ecg21_documento_para_valoracion_publica_2019_0.pdf [consulta 22.09.2020]

[8] Sirva de exemplo o Convenio de colaboración en materia de prevención e defensa contra incendios forestais para o establecemento dun sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias, publicado no DOG núm. 156, do 17 de agosto de 2018 entre a Xunta de Galicia, a Fegamp e Seaga, e as sucesivas addendas de 2019 e 2020.

[9] Decreto 199/1977, do 10 de xullo, polo que se regula a actividade arqueolóxica na CCAA de Galicia.

[10] Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia

Comments are closed.

Web xerada a partir de WordPress | Deadline Theme : inspirada en Awesem e deseño de Orman