Desde a Cátedra de Memoria Histórica da Universidade da Coruña desenvolverase, entre o venres 30 de setembro e o sábado 1 de outubro, o III Congreso “As outras protagonistas da Transición”. Un encontro centrado no proceso da Transición na Galiza. Un encontro no que colabora Murguía, Revista Galega de Historia e o Instituto Galego de Historia, xunto a Fundación Salvador Seguí.
Desde a Cátedra de Memoria Histórica da UDC manifestan que con este congreso “procúrase pór en valor aqueles movementos e proxectos colectivos que encararon a ditadura franquista desde Galiza en favor da democracia, realidade sen a que o proceso de transición do franquismo cara á democracia non tería sido posíbel (cando menos tal e como foi, malia as continuidades que seguíu proxectando a realidade ditatorial após 1975…)”.
Acrecentando desde a organización que neste encontro científico “reflectirase sobre os sectores que loitaron pola democracia e as diferentes alternativas que se teorizaron fronte á ditadura, desde finais da década dos 60, e sobre todo na década dos 70, desde os partidos políticos e os movementos sociais de diversa natureza (desde a loita obreira, ao feminismo, pasando polo ecoloxismo ou a loita cultural); desde as posicións favorábeis a unha transición tranquila entre a ditadura e a democracia, até aquelas propostas e posicións que apostaron por unha ‘ruptura democrática’ entendendo que non era posíbel esa transición tranquila entre unha e outra realidade”.
Pódese consultar o programa ao completo no espazo que lle dedica a Cátedra de Memoria Histórica ao este evento: www.catedramemoriahistorica-udc.gal/congreso-transicion/