Resumo: Este traballo dá noticia dunha peza documental de extraordinario valor para a historia lingüística, científico-literaria e cultural da Galiza medieval. Trátase da primeira mostra coñecida até o momento no espazo cultural galego de literatura técnica de natureza médica non asociada ao mundo animal. O texto en cuestión, unha receita con prescrición médica datábel na segunda metade do século XV, conservouse copiado no volto dun documento orixinal outorgado polo notario muradán Pedro de Antelo, formando parte dun dos atados probatorios do preito que os Mariño de Lobeira mantiveron cos arcebispos composteláns (1470-1524) por mor da xurisdición de varias freguesías do alfoz de Muros. Nesta primeira aproximación ao texto, faise unha moi breve contextualización histórico-literaria e ofrécese a transcrición e edición do texto da receita e do documento notarial asociado a ela.
Palabras chave: patrimonio textual galego, literatura científica, medicina medieval, farmacopea, receita.
Abstract: This paper reports on a text of extraordinary value for medieval Galicia’s linguistic, scientific-literary and cultural history. This is the first known production in the Galician cultural space of medical literature not associated with the animal field. The recovered text, a medical prescription dating from the second half of the 15th century, was copied on the dorse of an original notarial document given by Pedro de Antelo, forming part of one of the evidence files of the judicial process that the Mariños de Lobeira house held with the Archbishops of Compostela (1470-1524) because of the jurisdiction of several parishes of Muros. This first approach to the text presents a very brief historical-literary contextualization, and the edition of the prescription’s text as well as the notarial document associated with it.
Keywords: Galician textual heritage, scientific literature, medieval medicine, pharmacopoeia, medical prescription.
Autores: Ricardo Pichel, Universidad de Alcalá e Instituto da Lingua Galega (USC) e Rodrigo Pousa Diéguez, Universidade de Vigo
O contexto material. Pedro de Antelo e o acordo de 1477
Os documentos que aquí presentamos forman parte dun dos atados probatorios do preito que mantiveron os Mariño de Lobeira –en concreto don Cristovo Mariño e a muller e prima dona Teresa Montenegro– con sucesivos arcebispos de Santiago, desde Afonso de Fonseca III, en relación coa xurisdición de varias freguesías do alfoz de Muros (1470-1524). O grupo documental en cuestión, presentado en Valladolid o 29 de xuño de 1567 e hoxe conservado no Archivo de la Real Chancillería desa cidade (Civiles, Pérez Alonso, c. 916-1), non constitúe un conxunto de traslados, senón un atado de documentos orixinais cosido –precedido por unha relación ou inventario das escrituras presentadas polos Mariño de Lobeira–, polo que probabelmente procedan do seu arquivo familiar ou dos seus partidarios no proceso xudicial, entre eles, ao parecer, a familia dos Antelo –de onde provén, como veremos, un dos escribáns outorgantes– ou os meiriños de Outes.
Un dos documentos orixinais integrados neste atado, escrito en galego e datado o 2 de abril de 1477, representa un concerto entre Xoán de Vioxo e Fernán Couceiro polo lugar de Vioxo (Chacín, Mazaricos), outorgado ante Pedro de Antelo, notario público xurado do alfoz de Muros, que en 1482 residía na aldea de Leboreiro (Santo Ourente de Entíns, Outes). Este último, cuxo período de actuación parece circunscribirse á segunda metade do século XV (ca. 1451-1483), recibira o seu nomeamento polo arcebispo de Santiago e talvez constitúa o único exemplo coñecido de escribán de número no período medieval cunha circunscrición notarial privativa nas freguesías rurais dunha xurisdición con capital urbana. A súa vinculación aos Mariño de Lobeira parece segura dado que recorren a el en varias ocasións: para alén da escritura outorgada en 1477 que aquí se edita (Apéndice), en 1481 Pedro de Antelo intervén como testemuña en favor de dona Sancha de Lobeira na súa causa contra o arcebispo compostelán; mesmo podería identificarse tamén como familiar dalgún dos catro integrantes con apelido Antelo que en 1463 defendían o castelo de Outes por dona Sancha e que foran perdoados polo arcebispo Alonso de Fonseca. Ademais, a proximidade cos Mariño de Lobeira verifícase coa súa representación na toma de posesión por dona Sancha en execución da sentenza do Xustiza Maior, confirmada polos Reis Católicos en 1483. En 1508 xa falecera e as súas escrituras encontrábanse en “fieldad” en poder do escudeiro Xoán García de Fornís (Santa María de Coiro, Mazaricos).
Unha “receuta da meliza” e a farmacopea na Galiza medieval
No mesmo documento outorgado en 1477, cunha letra moi similar e probabelmente da mesma época (ca. 1450-1477), alguén apuntou no seu dorso unha “receuta da meliza” na que se especifica a súa composición, o modo de preparación, a dosificación e a posoloxía, ademais doutras indicacións adicionais. Trátase, por tanto, dunha pequena mostra do que, no seu conxunto, constituiría un texto médico de natureza farmacéutica ou apotecaria, elaborado –ou simplemente extractado ou copiado dun texto máis amplo– talvez por un “físico” da zona, isto é, un boticario ou médico –con ou sen intermediación dun escribán ao seu cargo–, coa intención, neste caso, de prescribir unha menciña con efecto purgante a unha persoa que padecía algún tipo de doenza ou afección gastro-intestinal. Canto á materia médica que transmite o texto, non achamos de momento exemplos de herbarios ou receitarios similares na tradición castelá e portuguesa medieval coa mesma composición ou baseados nas propiedades da herba coa que se identifica esta receita.
A pesar da súa brevidade, o valor desta peza documental reside, por un lado, no feito de podermos corroborar unha vez máis a hexemonía do uso escrito do galego en todos os ámbitos funcionais e instrumentais do amplo espectro socio-profesional e cultural dos galegos e galegas da época –pensemos nos campos notarial, xurídico-normativo, literario, historiográfico, técnico-científico etc.–, e, ademais, nun período –finais do século XV– en que a interferencia do castelán comezaba a ser moi invasiva. Por outro lado, este pequeno texto, a pesar da súa natureza técnica, reflicte unha configuración discursiva pouco formal, unha vez que a súa redacción non está condicionada pola retórica da tradición literaria a que remonta, senón que reflicte un acto de escrita cotián, definido pola súa inmediatez e concibido en función das necesidades dun paciente en concreto, ao cal se lle receita un medicamento que debe administrarse dunha maneira e durante un tempo determinados conforme –presupomos– o seu historial médico e necesidades. Dito doutro modo, non é unha peza asimilábel aos textos médicos canónicos, como manuais ou tratados de carácter teórico ou descritivo, senón que responde máis ben a un exemplo do que se coñece como “medicina práctica”, baseada en gran medida en textos “extraacadémicos”, como compendios divulgativos ou cadernos de médicos de carácter persoal, para alén dos herbarios e receitarios –latinos ou xa en romance– que circulaban na época. Máis alá da valiosa información lingüística que podemos extraer do texto, o vocabulario técnico empregado nel contribúe tamén a documentar o coñecemento que temos do comercio marítimo baixomedieval e altomoderno galego, por canto son moi escasos os testemuños da presenza e utilización de certas especias foráneas, como no caso do sene de Alexandría ou da canafístula.
Con certeza, estamos perante dunha pequena xoia, a primeira mostra coñecida até o momento no espazo cultural galego e no período medieval –cando menos en romance– no que respecta á literatura técnica de natureza médica non asociada ao mundo animal. As poucas referencias a receitas das que temos constancia vincúlanse principalmente ao ámbito da veterinaria, en particular ao da hipiatría, a través do Tratado de alveitaría (BITAGAP texid 6106), tradución galega trescentista do manual latino De medicina equorum composto polo mariscal calabrés Giordano Ruffo a mediados do século XIII para Federico II Hohenstaufen. No segundo bloque de contidos transmitido por esta tradución, o principal da obra, ofrécesenos un catálogo das principais doenzas que acostumaban afectar as cabalgaduras así como dos remedios orientados á mellora e restitución da saúde do animal (Pérez Barcala 2013: 158-205). A estrutura das receitas incluídas nesta sección garda unha relación moi estreita coa conformación discursiva da nosa “receuta da meliza”, tanto no que respecta ao tecnicismo léxico e á expresión verbal como ás instrucións e demais directrices prescritas polo albéitar. É significativo reparar, ademais, nas similitudes en termos de transmisión textual entre os dous textos, pois, igual que no caso da “receuta”, a copia hoxe conservada do Tratado de alveitaría, de comezos do século XV (BITAGAP manid 1974), tamén está asociada do punto de vista material a un rexistro documental elaborado por un notario, neste caso, baionés, Álvaro Eanes da Seira, vinculado á influente liñaxe dos Soutomaior.
Con certeza, estamos perante dunha pequena xoia, a primeira mostra coñecida até o momento no espazo cultural galego e no período medieval –cando menos en romance– no que respecta á literatura técnica de natureza médica non asociada ao mundo animal.
En definitiva, descoñecemos cal foi o ámbito de produción concreto en que se puido elaborar esta receita, mais tendo en conta o contexto codicolóxico e diplomático no cal foi preservado, todo parece apuntar a que se podería tratar dun texto copiado por algún individuo próximo ao núcleo familiar ou profesional dos Antelo ou dos Mariño de Lobeira. Na receita alúdese á “casa de Gonçalvo do Ribeiro” (l. 11), en referencia, ao parecer, á procedencia dunha parte dos produtos ou ingredientes necesarios para a elaboración da receita (“O que vier de casa de Gonçalvo do Ribeiro pisarés todo en ũa cunca…”, ls. 11-12). Unha análise paleográfica e escripto-lingüística do texto, así como o estudo histórico dos grupos familiares e socio-profesionais da contorna, talvez poidan achegar máis datos que aseguren ou maticen a súa probábel adscrición á faixa noroccidental galega –en particular, ás áreas outense, noiesa ou muradá– e quizais avanzar hipóteses sobre a posíbel participación do notario Pedro de Antelo –de modo similar, como vimos, ao que acontece no Tratado de alveitaría– na copia desta ou doutras receitas que, con sorte, poidan ir aparecendo no futuro entre os papeis do dilatado preito dos Mariño de Lobeira (…).
Texto completo en Murguía, Revista Galega de Historia vol. 45-46!