Resumo: Os Boletíns Informativos elaborados pola Dirección Xeral de Seguridade en Madrid son unha fonte de investigación para o estudo da represión de persoas, colectivos e formacións contrarias á ditadura franquista. Presentamos e analizamos agora o referido ao nacionalismo galego de principios de 1968.
Palabras chave: Nacionalismo, franquismo, represión política, Brigada Político-Social.
Abstract: The Newsletters prepared by the General Directorate of Security in Madrid are a source of research for the study of the repression of people, groups and formations opposed to the Franco dictatorship. We now present and analyze what referred to Galician nationalism at the beginning of 1968.
Keywords: Nationalism, Francoism, political repression, Brigada Político-Social.
Autor: Francisco Xavier Redondo Abal, Director da Biblioteca de Física e Óptica da Universidade de Santiago de Compostela.
Unha das primeiras referencias sobre o galeguismo do exterior recollidas nun escrito policial franquista apareceu o 13 de maio de 1955. Naquel documento especial, redactado polos servizos secretos do réxime e presentado baixo o epígrafe Actividades comunistas. Argentina. La Federación de Sociedades Gallegas de Buenos Aires, o informante asegurou percibir “un aumento de influencia comunista en la FSG de Buenos Aires”. Unha boa proba daquela suposta influenza comunista dentro do galeguismo do exilio foi, segundo o texto, a celebración de diferentes xuntanzas onde os presentes propuxeron convocar “protestas públicas contra el imperialismo norteamericano, acordando protestar contra la cesión de bases a los Estados Unidos” en territorio peninsular. Os responsábeis da convocatoria e das posíbeis algaradas eran ben coñecidos polos servizos de información franquistas. O documento cita os seus nomes: Xerardo Díaz, secretario da FSG, Benito Domínguez (“redactor del que fue periódico comunista Pueblo español”) e Alfredo Baltar. Porén, haberá que agardar unha ducia de anos para que os integrantes das Seccións Locais da Brigada Político-Social (BP-S) comecen a elaborar informes sobre o galeguismo (agora xa do interior) e as súas ‘preocupantes’ actividades. Deste xeito, o ano 1967 foi prolífico na vixilancia, seguimentos e diversas actividades policiais contra o galeguismo e as súas diferentes manifestacións.
Así, a principios de 1968, a Comisaría Xeral de Investigación Social de Madrid –dependente da Dirección Xeral de Seguridade– redactou un segundo informe interno para, de seguido, ser enviado a todos os centros policiais do Estado español. Ese documento, anónimo e dun valor excepcional, ocupa a totalidade do Boletín Informativo número 2 da Brigada Político-Social e está datado o 17 de xaneiro daquel ano. Alí atopamos moitas claves que explican a vixilancia permanente e o control absoluto que as autoridades da ditadura mantiñan sobre unha parte da oposición antifranquista do noso país e naquela época: o movemento nacionalista galego. Ademais, o texto amosa a preocupación dos responsábeis da represión política na Galiza en relación ás actividades despregadas dende as órbitas galeguista e nacionalista de esquerda na súa loita contra o réxime franquista pois, tal e como recolle o relator,
“desde el año 1964 se observa un recrudecimiento para una auténtica ‘Apertura galleguista’, observándose entre universitarios, poetas, conferenciantes y artistas (…), un afán ilimitado por estos ideales (…)”.
O Boletín Informativo número 2 da Brigada Político-Social (1968) dá moitas claves que explican a vixilancia permanente e o control absoluto que as autoridades da ditadura mantiñan sobre unha parte da oposición antifranquista do noso país e naquela época: o movemento nacionalista galego.
Aquel texto, de dezaseis páxinas en total, leva por significativo encabezamento Separatismo gallego e, con toda probabilidade, foi nun principio elaborado na Xefatura Superior de Policía da Coruña grazas aos informes remitidos polas seccións locais da BP-S das catro capitais de provincia así como polas comisarías onde operaban funcionarios da policía política do réxime: Ferrol, Compostela, Vigo, Marín, Salvaterra de Miño, Verín, Monforte de Lemos e Tui. Non resulta impensábel que naquela redacción participaran os comisarios principais que exercían daquela na Galiza, entre outros, e por citar algúns, José Ramón Piñeiro, Frutos Juanes, Julián Castaño, José Aranda, Manuel Mariño, Armando Ferro… Tras chegar a Madrid, o documento partiu cara todas as comisarías do Estado en forma de Boletín co Rexistro de saída número 589, advertindo do carácter “secreto” do mesmo e subliñando o “conocimiento obligatorio para las Brigadas Regionales y Secciones Locales de Investigación Social”. Por outro lado, os organismos receptores quedaban obrigados a “conservar como documento propio este Boletín Informativo” para deste xeito poder levar a cabo “las gestiones que de su contenido tengan derivación en las comarcas respectivas”. Velaí o seu contido.
O documento partiu cara todas as comisarías do Estado en forma de Boletín co Rexistro de saída número 589, advertindo do carácter “secreto” do mesmo e subliñando o “conocimiento obligatorio para las Brigadas Regionales y Secciones Locales de Investigación Social”.
Separatismo gallego aparece estruturado en once epígrafes que abranguen desde un “Breve bosquejo histórico” do nacionalismo galego até unha análise detallada da Asociación Cultural de Vigo, pasando polo que os funcionarios denominaron “Misión impulsora de Luis Soto Fernández”. O documento estuda así mesmo o percorrido da Editorial Galaxia, as tentativas organizativas do grupo pontevedrés “Os Novos” e, por suposto, un minucioso estudo da Unión do Povo Galego (UPG): o seu nacemento, as súas liñas de actuación, os seus obxectivos, as estruturas da organización, os seus militantes… Por último, resulta asombroso descubrir o grao de infiltración existente na Asociación Cultural de Vigo e a profunda conciencia que os funcionarios policiais posuían daquela entidade, un coñecemento que describía a súa constitución, as actividades da asociación e, como remate, unha “Relación de socios considerados peligrosos”.
O relator (ou relatores) do texto sabía ben do que falaba. Así, no seu inicio incide en asuntos como a descrición do percorrido histórico do galeguismo e do nacionalismo galego, que non se entende sen o movemento literario da segunda metade do século XIX no que xurde o rexionalismo galego como doutrina. A continuación, o relato viaxa pola aparición das “Irmandades das falas” [sic] e o seu voceiro A Nosa Terra; describe as publicacións Estudios Gallegos e Nós; analiza a proclamación da República e o nacemento de ORGA; estuda o Partido Galeguista e o Estatuto de 1936, froito, segundo opina o documento, dun “plebiscito amañado”… Todo aquilo acontecía cando, segundo o relator, “el Glorioso Movimiento Nacional vino a cortar estas ilusiones separatistas y, desde entonces, la idea quedó en suspenso”. Porén, o nacionalismo na Galiza rexurdía contra 1968, era perigoso e existían responsábeis.
***
Un daqueles responsábeis foi, segundo declaran os funcionarios da BP-S, a revista Vieiros, “editada en México en lengua gallega (…), primer paso para la reactivación del galleguismo y de la idea separatista en Galicia”. En efecto, a publicación do Padroado da Cultura Galega en México fundada e dirixida por Luís Soto e Carlos Velo no verán de 1959 foi, segundo o primeiro deles, a manifestación periodística en lingua galega máis importantes de todos os tempos. Mais para os axentes da policía secreta franquista tampouco quedaron exonerados de responsabilidade no renacer nacionalista galego diversos acontecementos ou actividades como o Congreso da Emigración Galega celebrado en 1956 en Bos Aires, a campaña “Do peso”, os cursos de lingua e literatura galegas, os sucesos de Castrelo de Miño… Había inimigos por todos lados e por infinidade de lugares, como por exemplo
“la fiesta del Albariño, que se celebra en Cambados, la fiesta de la Lamprea, en Arbo, y alguna otra festividad por el estilo, que son en cierto modo un exponente de la exaltación gallega, observándose siempre la presencia de destacados intelectuales y escritores gallegos que reiteradamente se dedican a hacer su propaganda oral y escrita”.
Sobre a “misión impulsora” de Luís Soto, semella claro que desde a súa chegada a España en 1960 procedente do exilio mexicano, o d’A Bola foi obxecto dun seguimento exhaustivo. Para os funcionarios da BP-S, tanto as actividades despregadas por Soto en América, adonde chegou na compaña de Castelao en 1938, como os seus antecedentes políticos –ben coñecidos, da súa etapa republicana– indicaban que Soto tiña como “motivo principal de su viaje [a Galiza] el organizar e impulsar el movimiento separatista gallego” (…).