Algunhas propostas para unha mellora do sector arqueolóxico galego hoxe (I)

Algunhas propostas para unha mellora do sector arqueolóxico galego hoxe (I)

Some proposals for an improvent of the current Galician archaeological sector (I)

 

Resumo: O sector arqueolóxico galego carrexa unha serie de problemas estruturais aos que se lle engade agora unha nova realidade lexislativa e a nova disrupción tecnolóxica. Preséntanse unha serie de propostas que poderían paliar os problemas estruturais e pór a arqueoloxía galega na senda do século XXI.

Palabras chave: Arqueoloxía galega, problemas estruturais, debilidade, desgaste, esgotamento, decreto regulador.

Abstract: The Galician archaeological sector poses a series of structural problems to which are now added a new legislative reality and a new technological disruption. This work presents a series of proposals and measures that could alleviate the structural problems that Galician archaeology has been experiencing for decades and put Galician archaeology on the 21st-century path.

Keywords: Galician archaeology, structural problems, weakness, fatigue, exhaustion, regulating decree.

 

Autores: Víctor José Barbeito Pose, arqueólogo & Julián Bustelo Abuín, arqueólogo.
 

Nos últimos anos estanse sucedendo unha de cambios que carrexan unha depreciación da tutela efectiva sobre o noso patrimonio arqueolóxico e da desvalorización da profesión de arqueólogo/a. Existen indicadores de que o modelo da arqueoloxía preventiva e o propio sistema administrativo que o sostén amosa claras evidencias de debilidade, desgaste e esgotamento, algúns dos cales irán aparecendo ao longo deste traballo.

Dende a transferencia de competencias do patrimonio cultural á Galicia foron moitos os éxitos acadados, sendo a implantación da arqueoloxía preventiva un dos fitos máis significativos e que permitiu un desenvolvemento do sector moi importante; aínda así, trátase dun sector atomizado, formado por pequenas empresas e multitude de autónomos onde a precariedade laboral esta moi presente.

Neste marco fóronse integrando nos últimos tempos outras variables como a nova disrupción tecnolóxica, a administración electrónica, a transparencia ou un acelerado desenvolvemento lexislativo. Concretamente, esta última variable fai que actualmente a dispersión normativa é tal que fai necesario un compendio e actualización da mesma, non tanto no eido do patrimonio cultural senón na parte administrativa, máis concretamente na administración electrónica e a confluencia de determinados ámbitos que conflúen na presentación dun tipo e modelos de documentación que racha coa praxe mantida ata o presente. Tampouco a ninguén se lle escapa que é preciso innovar e adaptarse ás novas realidades sociais, económicas e administrativas.

A tramitación dunha nova lei de patrimonio cultural albergou certa esperanza de renovación no sector arqueolóxico galego, moi a pesar de que permaneceu alleo a súa elaboración ao non se establecer mecanismos de participación; só quedou a opción de acceder ao trámite de información pública cando a norma estaba elaborada e en exposición. Esta quizais sexa a explicación de porqué no ámbito arqueolóxico a actual lei do patrimonio cultural de Galicia é pouco innovadora, cando sería desexable unha adaptación progresiva a unha nova realidade e que aproveitase a experiencia da anterior para mudar e mellorar na xestión e sentase as bases dun novo modelo.

A tramitación dunha nova lei de patrimonio cultural albergou certa esperanza de renovación no sector arqueolóxico galego, moi a pesar de que permaneceu alleo a súa elaboración ao non se establecer mecanismos de participación; só quedou a opción de acceder ao trámite de información pública cando a norma estaba elaborada e en exposición.

Doutra banda, e como é obvio, o decreto regulador da actividade arqueolóxica de 1997 naceu para dar respostas a uns retos e conflitos que non son os actuais; hoxe, parcialmente derrogado, presenta insuficiencias e carencias que impiden avanzar.

Algunhas das propostas que trataremos teñen cabida nun novo decreto regulador da actividade arqueolóxica, noutras precisarían de cambios máis profundos, pero isto tampouco non é nada atípico si temos en conta que a nova lei foi afectada por varias modificacións, algunhas exiguas de contido pero extensas de calado.

Por cuestións de espazo e normas editoriais, este traballo compleméntase cunha segunda parte que agardamos poida ver a luz no seguinte volume desta revista. Nesta primeira parte vamos a incidir en aspectos prácticos do desenvolvemento da actividade afastándonos de cuestións teóricas co obxectivo de aportar propostas baseadas no que nos consideramos certos desequilibrios no desenvolvemento da actividade e corrixilos. Moitas das propostas están entrelazadas, como por exemplo, a aplicación da Directiva de Servizos precisaría da implantación do Rexistro de Persoal Habilitado. Algunhas das propostas poden parecer utópicas, unha mera declaración de intencións ou simplemente ocorrencias, polo que intentamos presentar exemplos similares noutras CCAA ou noutros ámbitos sectoriais (urbanismo, ambiental, forestal,…) para amosar a viabilidade ou posibilidade de desenvolvemento.

Algunhas das propostas que trataremos teñen cabida nun novo decreto regulador da actividade arqueolóxica, noutras precisarían de cambios máis profundos, pero isto tampouco non é nada atípico si temos en conta que a nova lei foi afectada por varias modificacións, algunhas exiguas de contido pero extensas de calado.

Propostas.

Analíticas

Tense dedicado pouca atención a este aspecto do rexistro, sobre todo para novos tipos de xacementos arqueolóxicos caracterizados por un rexistro pobre, como acontece con algúns xacementos da Prehistoria recente que sistematicamente se interveñen co desmontado mecánico dos niveis superficiais para acceder directamente ás evidencias das subestruturas, obviando a posibilidade de recuperar outros elementos susceptibles de aportar información relevante.
Neste intre estamos vivindo a terceira revolución da arqueoloxía; si a primeira veu dada polo seu recoñecemento da arqueoloxía como disciplina científica; a segunda, coa revolución do método do Carbono 14 e as súas implicacións; a terceira, ven determinada polas novas analíticas, como son os estudos xenéticos, isotópicos, etc.

Dende o punto de vista metodolóxico, xa dende os traballos experimentais realizados dende a década dos anos 70 do século XX, autores como Payne, Keely, Maedow, Rackman, Stahl ou James (MORENO-GARCÍA, 2013) demostraron como a falta de cribado fino dos sedimentos implicaba a perda de dentes e pequenos osos de mesomamíferos, restos de aves e a maioría dos micromamíferos, réptiles e peixes. A consecuencia diso, a información obtida resultaba parcial.

Dende o punto de vista gramatical (GARCÍA, 2016), o termo “xacemento” alude ao lugar onde se atopan naturalmente unha rocha, un mineral ou un fósil, ou o lugar onde se achen restos arqueolóxicos; de forma que, o xacemento pode considerarse como un recurso naturalizado que é susceptible de ser extraído.

Doutra banda, dende o punto de vista xurídico, a Lei 16/1985, do 25 de xuño, do Patrimonio Histórico Español indica que forman parte do patrimonio arqueolóxico os elementos xeolóxicos e paleontolóxicos relacionados coa historia do home e a súas orixes e antecedentes; e, define as escavacións arqueolóxicas como as remocións co fin de descubrir e investigar toda clase de restos históricos ou paleontolóxicos, así como os compoñentes xeolóxicos con eles relacionados. A Lei 5/2016, de 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (en adiante LPCG) sigue afondando nesta cuestión, pero sempre tendo presente que os elementos xeolóxicos, paleontolóxicos e ambientais relacionados coa historia humana forman parte do patrimonio arqueolóxico.

Como vemos, existen argumentos xurídicos e metodolóxicos para xustificar a necesidade de contemplar unha partida orzamentaria para analíticas destinadas aos estudos dos compoñentes ambientais, paleontolóxicos e xeolóxicos que forman parte do patrimonio arqueolóxico.

É indiscutible que existen numerosas actuacións arqueolóxicas nas que si están presentes as analíticas, pero debería fixarse regulamentariamente as magnitudes relativas a un porcentaxe mínimo que cada intervención debería destinar a analíticas como acontece en Andalucía[1], onde se destina unha porcentaxe de ata o 20 % do orzamento destinado a conservación, restauración e difusión nas escavacións.

1- Escavación arqueolóxica dos niveis medievais do xacemento de Río Barbanza (termo municipal de Boiro). Ano 2016

O rexistro arqueolóxico non é predicible, polo que nalgunhas intervencións non será preciso destinar fondos á analíticas, como por exemplo no caso de ausencia de elementos de interese ou de mostras susceptibles de análise; por isto, sería preciso articular instrumentos e procedementos nos que estes fondos inicialmente destinados a analíticas acabasen repercutindo noutras intervencións que precisasen dun suplemento para incrementar as analíticas inicialmente previstas tendo en conta o criterio dalgún órgano de planificación, seguimento e análise da arqueoloxía galega que decidise sobre isto.

O procedemento a seguir podería emular a Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda encargada da custodia, devolución ou execución de depósitos ou garantías, ou a través dunha taxa a ingresar directamente polo promotor/a destinada á investigación do patrimonio cultural de Galicia, algo similar ao que ocorre cos importes das sancións derivadas das infraccións sobre o patrimonio cultural que legalmente se destinarán á investigación, conservación, restauración e valorización dos bens da  Comunidade autónoma (art. 133.5 LPCG).

 

Acta de posición

Unha das características principais do patrimonio arqueolóxico é o seu carácter oculto do que se irradia unha marcada imprevisión dos aconteceres; outra circunstancia innata é a irreprodución dos feitos; é dicir, os restos arqueolóxicos que se atopan nun solar non teñen porque estenderse aos do lado, porque cada unidade espacial do xacemento é única e irrepetible; ergo, é probable que á hora de enfrontarnos a unha intervención aparentemente rutinaria os vaticinios poden non cumprirse, pero non só en relación directa co xacemento senón que poden ser as condicións da propia intervención (presenza de niveis de recheo sen interese) ou colaterais (asolagamento ou risco de derrube). Existen unha serie de imponderables difíciles ou imposibles de predicir obrigando e modificar os proxectos de intervención en “directo” e non sempre se pode obter a conformidade dos servizos técnicos da Administración competente por dispoñibilidade dos mesmos. Porén, o proxectado non sempre coincide co executado, e isto pode provocar enormes discrepancias entre os/as interesados (promotor/a, administracións, arqueólogos/as, …) de difícil resolución post-intervención (…).

[1] Artigo 85 da Lei 14/2007, de 26 de novembro, do Patrimonio Histórico de Andalucía.

Texto completo en Murguía, Revista Galega de Historia vol. 41-42!

Comments are closed.

Web xerada a partir de WordPress | Deadline Theme : inspirada en Awesem e deseño de Orman