Novas achegas documentais para o estudo da realidade monástica da Ribeira Sacra: tres pergamiños inéditos de Santa Cristina de Ribas de Sil (ss. XV-XVI)

Resumo:

Santa Cristina de Ribas de Sil foi un dos varios mosteiros asentados na hoxe chamada Ribeira Sacra. A súa documentación e traxectoria histórica durante a Idade Media foi recuperada por diferentes autores. Porén, a revisión de novos fondos arquivísticos permítenos ofrecer neste traballo a edición de tres documentos inéditos cos que profundar no coñecemento da relación entre os monxes e a liñaxe dos López de Lemos mediante o aforamento da granxa de Ousille e as últimas xestións patrimoniais da institución nas vésperas da súa anexión a Santo Estevo de Ribas de Sil.

Palabras chave: Santa Cristina de Ribas de Sil, monacato, nobreza, documentación, Idade Media

Abstract:

Santa Cristina de Ribas de Sil was one of the several monasteries settled in what is now called the Ribeira Sacra. Its documentation and historical trajectory during the Middle Ages has been recovered by different authors. However, the review of new archive funds allows us to offer in this work the publication of three unpublished documents with which to deepen the knowledge of the relationship between the monks and the López de Lemos lineage through the cession of the farm of Ousille and the last patrimonial managements of the monastery of Santa Cristina right before its annexation to Santo Estevo de Ribas de Sil.

Keywords: Santa Cristina de Ribas de Sil, monasticism, nobility, archival sources, Middle Ages

 

Autores: Miguel García-Fernández e Ricardo Pichel / Murguía, Revista Galega de Historia vol. 41-42

O mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil, cuxa pegada material forma parte do patrimonio histórico e paisaxístico do espazo que hoxe coñecemos como “Ribeira Sacra”[1] (Barriocanal López 2004), albergou durante a Idade Media unha comunidade de relixiosos que, cando menos desde o século XII, cabe identificar como monxes negros, é dicir, relixiosos da Orde de San Bieito (Rodríguez Muñiz 2010: 81). Con anterioridade, temos constancia da existencia dunha comunidade monástica que, pola escaseza documental e incluso polos problemas de datación que presentan os primeiros documentos da institución, resulta pouco coñecida (Freire Camaniel 1998: 871-872). Conforme avanzan os séculos medievais, a colección diplomática do mosteiro enriquécese tanto polo número crecente de instrumentos conservados como pola variedade de informacións que estes nos proporcionan, aínda que, como vén sendo habitual, predominan os documentos vinculados á adquisición e xestión dos bens que conforman o dominio monástico. Así o evidencian as achegas histórico-documentais máis amplas realizadas sobre Santa Cristina de Ribas de Sil, debidas nun primeiro momento a Elisa Fernández Suárez (1958, 1974) e máis recentemente a Víctor Rodríguez Muñiz (2010).

A monografía deste último autor, conformada por un completo estudo histórico do mosteiro (Idem: 13-96) e a colección documental sobre a que se sustenta a primeira parte (Idem: 97-300), constitúe, sen dúbida algunha, a obra de cabeceira para achegarse ao percorrido histórico de Santa Cristina e aos seus documentos medievais. Máis alá de poder seguir profundando no futuro nalgunhas temáticas concretas grazas á propia edición íntegra das fontes localizadas –caso, por exemplo, da presenza e participación das mulleres na documentación do mosteiro (García-Fernández 2020)–, actualmente xa pode darse por trazada a traxectoria histórica da institución e así integrala dentro do panorama xeral desa Galicia monástica pleno e baixomedieval que tanto interese ten espertado dentro da historiografía galega nas últimas décadas e que se ampliou afortunadamente en tempos máis recentes de cara a considerar tamén as institucións cenobíticas máis pequenas (e mesmamente esas comunidades femininas que durante moito tempo foron subestimadas dentro dos estudos históricos de Galicia) á marxe da alongada pegada historiográfica de grandes mosteiros como os de Celanova, Samos, Sobrado dos Monxes ou San Martiño Pinario de Santiago (Pérez Rodríguez 2019 e, especificamente sobre Santa Cristina, 727-729).

En todo caso, e no que aquí máis nos interesa, até o de agora podíase considerar como xa publicada a compilación e edición completa dos testemuños documentais dos que había noticia sobre o mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil grazas á obra de Rodríguez Muñiz. Incluso no que se refire ao ámbito máis amplo da cultura escrita, a isto habería que engadir o estudo dos testemuños epigráficos deste mosteiro realizado por Patricio Fernández García (2003). Porén, Eduardo Pardo de Guevara y Valdés (2011: 133 e 143) fixo referencia a outros testemuños documentais vinculados a Santa Cristina de Ribas de Sil ao estudar a liñaxe dos López de Lemos desde o século XIII até comezos do século XVI. Daquela, parecía pertinente relocalizar estes documentos –xa que se ofrecían cotas arquivísticas antigas á hora de citar os pergamiños dentro da colección na que se conservan– e editalos para completar, deste xeito, a colección documental do mosteiro. Este foi o obxectivo inicial do presente traballo e ambos documentos (docs. 1 e 2) son publicados agora a modo de complemento da monografía de Rodríguez Muñiz (2010). Posteriormente, quixemos comprobar se era posible localizar novos documentos até o momento non referidos nin editados. Desa pescuda xurdiu un terceiro documento que tamén ofrecemos neste traballo e que, sendo xa do século XVI, aínda forma parte do período anterior á anexión de Santa Cristina ao mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil coa conseguinte conversión do primeiro en priorado e, por tanto, sendo o punto e final da súa existencia medieval como mosteiro de seu (doc. 3). En todo caso, cómpre sinalar que este traballo non constitúe senón o primeiro dun pequeno conxunto de publicacións a través das cales procuraremos sacar á luz e editar novas descubertas e localizacións documentais –especialmente para completar coleccións diplomáticas xa publicadas–, nunha clara aposta por abordar a, para nós obrigada, revisión de novos fondos arquivísticos ou doutros non tan novos pero que non foron totalmente explorados no momento de publicar algunhas das principais coleccións documentais da Galicia medieval. A isto cómpre sumar o interese por reeditar algúns instrumentos que, polo seu interese histórico e filolóxico, pode resultar pertinente revisitar para ofrecer edicións revisadas e corrixidas, útiles en todo caso aos intereses interdisciplinares dos investigadores. Neste sentido, polo grande interese que ten para o estudo das propiedades referidas nos dous primeiros documentos aquí editados, máis tamén pola información que aporta sobre a cultura escrita producida e en circulación dentro do ámbito das cortes señoriais da Galicia medieval, optouse por incorporar a modo de anexo a edición dun documento xa publicado na colección documental de Santa Cristina de Ribas de Sil (Rodríguez Muñiz 2010: 182-183, doc. 88), pero que parecía oportuno reeditar para ofrecer o texto con algunhas correccións (Anexo). Finalmente, aínda que o esencial era presentar aos investigadores e público xeral a edición dos documentos sinalados, aproveitaremos a ocasión para facer unha primeira valoración histórica dos instrumentos inéditos, a pesar de que os tres forman parte das lóxicas e prácticas documentais habituais vinculadas á xestión económica dos patrimonios inmobiliarios señoriais –fundamentalmente da terra– no contexto da Galicia foral (…).

Texto ao completo disponíbel en Murguía, Revista Galega de Historia nº41-42

[1] Non imos entrar na polémica sobre esta denominación, derivada dunha mala lectura publicada a comezos do século XVII polo cronista e historiador bieito, Antonio de Yepes (Rivoira Sacrata). Aínda así, cómpre destacar que a lectura correcta dos pergamiños medievais do mosteiro cisterciense de Montederramo nos que se sitúa a orixe desta expresión evoca unha realidade diferente, a dunha “carballeira sagrada”: Revoyra Sacrata, Rovoyra Sacrata, Reuoeyra Sacrata ou Rouoeyra Sacrata (Lorenzo e Pérez 2019: docs. 3, 87, 133, 189 e 698).

 

*Este traballo enmárcase dentro dos proxectos de investigación “La casa señorial en Galicia (siglos XIII-XVI). Materiales para su estudio” (HAR2017-82480-P), dirixido polo Dr. Pablo S. Otero Piñeyro Maseda (Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento – Consejo Superior de Investigaciones Científicas); “Aproximación ao estudo do notariado e das características da súa produción documental nunha comarca da Galicia medieval. A Terra de Caldelas (Colección do Mosteiro de Montederramo)” (2019-CP040), dirixido polo Dr. Eduardo Moscoso Mato (Instituto da Lingua Galega – Universidade de Santiago de Compostela); “Corpus de documentos españoles anteriores a 1900 (CODEA+ 2020)” (MEC FFI2017-82770-P), dirixido polo Dr. Pedro Sánchez-Prieto Borja (Universidad de Alcalá), e “HERES. Patrimonio textual ibérico y novohispano. Recuperación y memoria” (CAM, 2018-T1/HUM-10230), dirixido polo Dr. Ricardo Pichel (Universidad de Alcalá). Agradecemos a Magdalena del Amo a autorización para ilustrar o traballo coas súas fotografías do mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil.

Comments are closed.

Web xerada a partir de WordPress | Deadline Theme : inspirada en Awesem e deseño de Orman