Arte e escritura na Galicia medieval. Séculos VI-X

Arte e escritura na Galicia medieval. Séculos VI-X

Anselmo López Carreira

Xerais| 2019, 176 pp.

 

A Idade Media foi interpretada a partir do século XIX non como un período escuro —como se fixo durante a Idade Moderna—, senón como o berce da nación. Na centuria do nacionalismo, a busca de antepasados e de acontecementos que corroboraran a impermeabilidade da nación converteuse nunha das principais funcións dos nacionalistas. Estes, emprenderon unha ardua tarefa de se mergullar no pasado para atopar a lenda, o resto arqueolóxico, o poema ou o folclore que, perdido no tempo, non era máis que o testemuño da nación. Nesta continua “invención da tradición” —en palabras de Eric Hobsbawm—, os intelectuais, desde literatos a artistas, pero fundamentalmente os historiadores, comezaron a buscar os antepasados, e cando máis lonxe no tempo, mellor. En España, xa desde a década de 1830-1840, o reino visigodo estableceuse como o berce da nación e do estado[1]. O mito da unificación territorial e relixiosa  levada a cabo polos monarcas xermanos serviu para ancorar unha idea e uns símbolos nacionais na conciencia do pobo que se manteñen até a actualidade, aínda que dun modo equívoco, como afirma Anselmo López Carreira neste traballo. Os alemáns tiñan na retórica de Winckelmann a defensa da tradición grega, os franceses aos merovinxios e, coetaneamente, Murguía botaba man dos celtas para unir Galicia coa Europa desenvolvida do norte[2]. En España, sobre todo despois da restauración dos Borbóns en 1875, comézase a tomar como acto fundacional da nación a monarquía visigoda xunto á Reconquista. Foi necesario “crear” restos arqueolóxicos que deran conta dese pasado, e aí naceu o mito da arte visigoda como exclusiva da península e que, sen ningún tipo de ruptura, trasládase, trala invasión árabe, a Asturias e de aquí cara ao sur. A demarcación política da Gallaecia, que era como os invasores e os invadidos recoñecían ao espazo cristián, queda relegada ante o éxito da lenda de Leovigildo, Recaredo ou Isidoro de Sevilla. Unha invención da tradición como no seu día expuxo Benedict Anderson e que tanto aquí como noutros estados europeos tivo enorme éxito.

A demarcación política da Gallaecia, que era como os invasores e os invadidos recoñecían ao espazo cristián, queda relegada ante o éxito da lenda de Leovigildo, Recaredo ou Isidoro de Sevilla.

Este é un libro de historia medieval, escrito por un especialista no tema, pero que nos descobre pautas políticas contemporáneas —toda a historia é historia contemporánea como afirmou Benedetto Croce—. Outra das claves do traballo está relacionada coa pregunta: como se fai a historia? É unha ciencia que estuda o pasado e interprétao, polo que, por moitas evidencias que existan, sempre cabe a posibilidade de expresar o relato como lle conveña a quen o escribe. A historia decimonónica á que se refire López Carreira, mediatizada polo poder que estaba a construír a nación española, é un exemplo disto. A academia, as universidades, os historiadores metidos a políticos como Cánovas, viron un desenvolvemento cultural da península en beneficio non só da súa ideoloxía, senón como razón de ser da monarquía encarnada primeiro en Sabela II e logo no seu fillo. Naquel intre, estas teses primordialistas no que se refire á nación, así como o historicismo do discurso, eran teorías totalmente aceptadas como científicas; e cando as novas achegas estaban facendo cambiar o paradigma, despois da II Guerra Mundial, en España a ditadura nacionalcatólica detivo e incluso atrasou o avance científico no seu proveito para así xustificar o imperio falanxista.

O traballo que nos presenta Anselmo López Carreira, insiste na anacronía e inexactitude —“deturpación terminolóxica” é a expresión que utiliza— científica de outorgar o protagonismo aos visigodos e ao reino de Asturias e relegar a Galicia/Gallaecia a mera comparsa na construción do estado[3]. O desenvolvemento do libro baséase en evidencias construtivas, artísticas e lingüísticas: os arcos de ferradura, as cruces medievais e a letra visigoda, nunha evidente instrumentalización do uso público da historia.

Os estudos sobre o pasado son utilizados para crear os cimentos da nación, neste caso a española, aínda que para chegar a tal fin, haxa que terxiversar os elementos arqueolóxicos que se dispoñen. Na exposición universal de 1929 en Barcelona o Palacio Nacional albergou 5.000 pezas que compuxeron a mostra El Arte en España, “reflejando todas las manifestaciones artísticas de nuestra raza, por ellas ennoblecida  y animada de un profundo sentido de espiritualidad en el transcurso del tiempo”. Realizáronse 15 dioramas dos feitos que, baixo o seu punto de vista, constituían a esencia do país e deles, 8 pertencían ao medievo: Recesvinto, Almanzor, o desterro do Cid, a pintura románica, Xaime I chora ante os cadáveres dos irmáns Montcada, Afonso X, Pedro I o Cruel e a entrada de Afonso V en Nápoles[4]. O historicismo nacionalista no político ía en contra da idea de progreso e modernidade. A disección que López Carreira fai da historiografía española de carácter conservador na que se baseaban acontecementos como o referido da capital catalá, deixa en evidencia as intencións político-ideolóxicas dos postulados nacionalistas españois.

Na introdución da obra atopamos o argumentario co que o autor constrúe a súa tese: a historiografía española decimonónica e do primeiro terzo do século XX inventou un pasado da nación que lle serviu para explicar o presente, pasando por alto as nacións culturais que na península ibérica existían e se desenvolveron ao longo do tempo[5]. Aplicando ao relato unha terminoloxía nacionalista, amosando ideas sen deterse a explicalas con claras connotacións identitarias, os diferentes autores aos que se refire Anselmo López practican un xeito de nacionalismo banal lingüístico que coa análise que realiza no texto queda en evidencia: expresións como “nuestro pasado” ou “nuestra historia” son utilizadas por autores como Gómez-Moreno ou Villaamil y Castro. O significado da arte ou da letra visigoda inflúen no xeito que a cidadanía mira para o pasado e interpreta o presente; o que está a acontecer coa crise territorial actual de España, onde os nacionalistas apelan ao medievo para xustificar as accións do presente non é máis que o reflexo da ensinanza que durante décadas se fixo da historia. O libro de Anselmo López pretende situar no tempo e no espazo os restos materiais que por razóns do nacionalismo foron utilizados para crear a identidade española.

Na introdución da obra atopamos o argumentario co que o autor constrúe a súa tese: a historiografía española decimonónica e do primeiro terzo do século XX inventou un pasado da nación que lle serviu para explicar o presente, pasando por alto as nacións culturais que na península ibérica existían e se desenvolveron ao longo do tempo

A ideoloxía nacionalista tenta trampear a historia no seu beneficio, como xa sinalou en varios traballos Anne-Marie Thiesee. O nacionalismo español, o galego ou o francés xa fosen de carácter progresista ou conservador, tamén acudiron ao pasado para lexitimarse. Disto é do que nos fala o libro, do uso da historia como lexitimidade da nación, neste caso, a española.

 

GUSTAVO HERVELLA GARCÍA

Grupo HISTAGRA (USC)

 

[1] Pro, J. (2019): La construcción del estado en España, Madrid, Alianza; Peiró Martín, I. (2017): En los altares de la patria. La construcción de la cultura nacional española, Madrid, Akal, p. 89 e ss. Núñez Seixas, X.M. (2019): Suspiros de España. El nacionalismo español 1808-2018, Barcelona, Crítica; Álvarez Junco, J. e Fuente Monge, G. de la (2017): El relato nacional. Historia de la historia de España, Barcelona, Taurus, p. 15-29; Álvarez Junco, J. (2001): Mater dolorosa. La idea de España en el siglo XIX, Barcelona, Taurus, p. 35-44 e 417-432.

[2] Sobre a invención do celtismo, Villares Paz, R. (2017): Identidades e afectos patrios, Vigo, Galaxia, p. 141-176, concretamente sobre Murguía, p. 156-172. Para o caso alemán, o xa clásico, Mosse, G.L. (2019): La nacionalización de las masas, Madrid, Marcial Pons.

[3] Esta tese xa foi exposta polo autor nun traballo recente, López Carreira, A. (2016): “Da creación histórica á eliminación historiográfica do reino medieval de Galicia”, en Dubert, I. (ed.), Historia das historias de Galicia, Vigo, Xerais, p. 95-117.

[4] “El Palacio Nacional, soberbia edificación que destaca entre las del certamen”. Número extraordinario ABC, 19-5-1929, p. 4.

[5] O termo de nación cultural, en Villares Paz, R. (2017): Identidade e afectos …., op. cit e (2019): Galicia. Una nación entre dos mundos, Barcelona, Pasado & Presente.

Comments are closed.

Web xerada a partir de WordPress | Deadline Theme : inspirada en Awesem e deseño de Orman