Murguía, Revista Galega de Historia. Vol. 31

No ambiente volve estar presente (cando deixou de estalo?) o debate arredor da presenza do rueiro franquista en tempo de democracia. Mesmo presente unha reflexión: hai democracia, realmente, se golpistas –militares e civís corruptos, sanguinarios…- seguen a nomear as nosas rúas? Nós cremos que non é posíbel unha democracia plena coa persistencia normalizada dun rueiro que tiña (ten?) como función aterrorizar a unha poboación subordinada, impedida da súa libre determinación, individual e colectiva.

Esta cuestión será a pedra de toque, no que a memoria histórica democrática se refire, das corporacións municipais que se veñen de constituír hai un mes. Sen dúbida. Desde Murguía, Revista Galega de Historia seguimos a pensar que é necesario coñecer e, sobre todo, socializar o que significou o golpe militar de xullo do 1936. Por riba do cuantitativo, sabendo dimensionar no cualitativo o que aquel golpe reaccionario levou por diante. Para o caso galego, por diante aquel golpe levou unha Galiza que viña sendo deseñada por homes e mulleres que deron o mellor de si a favor do seu progreso colectivo, caso daquelas e daquelas que fixeran parte das Irmandades da Fala até 1931 ou do Seminario de Estudos Galegos até o propio 1936. É por iso polo que este volume recolle boa parte das achegas que se presentaron na pasada ‘Semana Galega de Historia’, organizada desde o Instituto Galego de Historia coa colaboración de Murguía, RGH, arredor da represión franquista e a memoria histórica.

*****

No presente volume de Murguía, Revista Galega de Historia abrimos a sección Fontes cunha achega do investigador Prudencio Viveiro Mogo, arredor do proceso a favor do Estatuto de Autonomía galego. Viveiro Mogo presenta e transcribe o decreto do goberno español que tiña que ter dado lugar a que no 1933 se plebiscitara o texto articulado estatutario galego (que agardou a ser plebiscitado ao 1936).
A sección Investigación ábrese cun artigo da autoría dos investigadores Víctor Oia, Eliseo Fernández e Dionísio Pereira arredor dos ‘escenarios de loita de clases e represión franquista’ na Galiza urbana, tratando a seguir o tamén investigador Manuel Pazos Gómez o que foi a represión franquista na comarca galega de Ordes. O profesor da Universidade de Vigo Xulio Prada Rodríguez reflexiona nun seu artigo arredor de novas categorías para do estudo da represión franquista, nomeadamente arredor de ‘exterminio, holocausto e xenocidio’, para a continuación o pesquisador da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Alejandro Rodríguez Gutiérrez tratar a resistencia ao golpe militar e ao franquismo e a ‘orixe e formas de apoio á loita antifranquista’ por parte da sociedade galega, reflectindo sobre a ‘guerrilla de chao’. José Enrique Portela Pisos da USC, pola súa banda, aproxímanos á mobilización e propaganda nas orixes da ditadura franquista para, por último, mergullarnos o catedrático da USC José Luís Castro de Paz e os investigadores Héctor Paz Otero e Natalia Alonso Ramos nun novidoso artigo arredor do coñecido “NO-DO” franquista, reflexionando sobre comunicación, cultura e sociedade na España do 1942 ao 1981.

Na sección A Entrevista conversamos co profesor Xosé Álvarez Castro, profundo coñecedor do golpe militar e a represión franquista en Pontevedra, para en Lembranzas poñer en valor a figura e obra de Ramón de Valenzuela. En Museos e Arquivos rematamos a nosa visita ás instalacións de Warburg Library, da man do bibliotecario da Universidade da Coruña Pedro Inicio; achegándonos desta volta á súa sede de Londres. En Lecturas diversas obras son recensionadas por Gustavo Hervella, nomeadamente Teresa Alvajar López. Memorias dunha republicana, de Aurora Marco; Bibliotecarias e bibliotecarios “infames”, de Francisco Xavier Redondo Abal, e Marcelino Gómez Arias. Unha vida dedicada á loita pola República e o Agrarismo, de Perfecto Ramos Rodríguez.
Por último, na sección A Rede centrámonos nas saídas didácticas co alumnado, aptas para todos os públicos. Visitamos virtualmente, a tal efecto, a Fundación
Curros Enríquez e a empresa de Tesouros Novos e coñecemos as súas actividades nesta e outras materias.

[embeddoc url=”http://www.revistamurguia.com/wp-content/uploads/2015/07/Murguía-31_INDICE-E_EDITORIAL_pp_1-8.pdf” viewer=”google”]

Comments are closed.

Web xerada a partir de WordPress | Deadline Theme : inspirada en Awesem e deseño de Orman