Identidade ampelolóxica galega
É ben sabido que a vide non é un cultivo orixinario de Galicia, onde chegou antes o viño que o bacelo. Pero aínda que non é en puridade un producto autóctono non ten dúbida que a súa presenza se rexistra na antiguedade remota: a presenza do viñedo data da época na que as cohortes romanas ocupaban a Gallaecia. Deste xeito, resulta incuestionable que a vide é un producto que chegou a adquirir carta de natureza no país, polo que aparece inscrito no imaxinario colectivo como un feito galego de toda a vida.
As distintas variedades de cepas foron imprantándose en Galicia paseniñamente, nun proceso do que só temos un coñecemento parcial e impreciso. É no século XIX cando dispoñemos dunha información concreta das variedades de cepas que se tiñan por tradicionais e “autóctonas”. Agora ben, no período que parte da segunda metade da centuria decimonónica e se prolonga nas primeiras décadas do século vinte tivo lugar un proceso de substitución das vellas castes do país por outras que nunca antes foran cultivadas en Galicia.
Unha infausta xeira de andazos (oídio, mildeu e filoxera) que se foron abatendo sobre as videiras enxebres, dende o ecuador do século XIX, constituíu a causa primordial da perda devandita. Fíxose patente que moitas das cepas tradicionais resultaban moi vulnerables a tales agresións. En troques, algunhas das novas variedades americanas introducidas foron, non só máis resistentes ó mal que as autóctonas, senón tamén máis produtivas, polo que moitos colleiteiros recibíronas cos brazos abertos.
Este proceso moderouse logo, pero proseguiu nunha medida non desdeñable nos restantes lustros do século XX. Chegados a este punto convén referirse a un cambio de mentalidade que contribuiu a refrealo. Esta transformación parcial da conciencia social debeuse, en parte, á prédica dunha minoría de pioneiros esclarecidos, pero tamén foi o froito das orientacións da Unión Europea. Deste xeito, en particular no último tramo do século XX, foi medrando sensiblemente a convicción de que era mester conservar –ou mesmo recuperar- as vellas cepas. Ao cabo, a situación á que se chegou é preocupante, pero dista moito de ser desesperada: segundo José María Fonseca Moretón (propietario da adega Terras Gauda), en Galicia e no norte de Portugal encóntranse hoxendía entre o 80 e o 90 por cento das variedades de vitis autóctonas de España. Agora ben, non é posible negar que a ampla difusión que tivo a mentalidade produtivista tout court xerou a perda dun tempo precioso. Isto tivo como consecuencia a ralentización do pulo a prol do melloramento dos caldos galegos, e provocou ademais unha merma da riqueza varietal nalgunhas comarcas; unha reducción en toda regra da biodiversidade tradicional no eido ampelolóxico.
Como quedou apuntado, houbo un sector minoritario, no que se encadraban técnicos en viticultura pero tamén xentes apegadas ós valores, á cultura e os cultivos tradicionais do país, como os galeguistas, que reprobaron dita innovación foránea. Os primeiros estaban ante todos preocupados pola perda de calidade que para a elaboración dos viños galegos representaba o abandono das vellas videiras. Para os galeguistas, pode que tamén tivera importancia isto mesmo, pero preocupáballes sobre todo que a auténtica enxebreza das bisbarras vitícolas resultaba indefectiblemetne malparada. Segundo o seu punto de vista, as prantas vidas de alén aparecían ante todo como un elemento desvirtuador das viñas (e conseguintemente, dos viños) xenuinamente tradicionais.
Doenzas das vides
Convén facer un breve repaso dos feitos dun proceso que consituíu unha auténtica desfeita. As cepas tradicionais de Galicia víronse afectadas pola aparición de tres pragas particularmente graves que asolaron os viñedos na segunda metade do século XIX.
O oídio foi o primeiro que fixo a súa aparición. Trátase dun fungo (oidium) de pequeno tamaño que se desenvolve como parasito nas follas da vide ocasionándolle unha grave enfermidade. Dende a base de partida dos Estados Unidos chegou primeiro a Portugal, e dende alí penetrou a renglón seguido na provincia de Ourense, en 1850, alcanzando primeiro a zona de Trives. Nestes anos, constátase na comarca de Monterrei un retroceso dos bacelos por mor do oídio. Axiña se espallou pola provincia de Pontevedra, por volta do ano 1852, onde ao cabo de sete anos chegou a adquirir proporcións moi serias. O andazo do oídio durou apenas unha década, mercé a aplicación de tratamentos anticriptogámicos que deron comezo, con bos resultados, primeiramente en Trives, no ano 1861. A partir de 1870 tendeu a xeralizarse en toda Galicia o axofrado das vides. Pero a ameaza permaneceu latente e, dende entón, nada volveu a ser igual que antes.
O mildeu (do inglés mildew, balor) consiste nunha enfermidade da vide producida por un fungo microscópico que se desenvolve non só interior das follas, senón tamén nos talos e no froito. O mildeu debutou en Galicia por volta do ano 1885 (hai quen di que apareceu un ano antes), e foise extendendo paseniñamente. A peste presentouse con gran virulencia na provincia de Pontevedra en 1892, producindo estragos en varios distritos. Porén, as súas consecuencias non foron tan devastadoras como aconteceu co oídio: o tratamento xa era coñecido e non transcorreu moito tempo antes de que se comezara combater o andazo por medio do sulfatado: en 1886 aplicouse por primeira vez en Esposende (O Ribeiro) unha solución de sulfato de cobre e cal denominada “caldo bordelés”. A experiencia serviu logo para as restantes comarcas e así, en 1892, aplicouse o sulfato de cobre cun bo resultado en moitas fincas pontevedresas, empregado mediante pulverizadores de Vermorell, “sistema relámpago”, que facilitaban a Deputación provincial de Pontevedra e máis o servizo agronómico. Certamente, nos anos especialmente húmidos as colleitas foron menos abondosas pero non se produciu un retroceso significativo das vides. Porén, a aparición do mildeu supuxo un novo gasto derivado da necesidade indispensable de realizar sucesivos sulfatados, o que redundou nun incremento dos custes cifrado nun 10%, segundo as estimacións realizadas en 1887.
Por parte, todo semella indicar que a filoxera foi a máis grave de todas as doenzas que aflixiron os bacelos do país. A filoxera é un insecto hemíptero, diminuto, de cor amarelada, oriundo de América do Norte, que ataca primeiro as follas e deseguida as raíces das vides. Multiplícase con tal celeridade que en pouco tempo é quen de aniquilar os viñedos de toda unha comarca, como efectivamente aconteceu en Francia e noutros países europeos, entre 1860 e 1880. Esta enfermidade penetrou en Galicia, dende as terras lusas, no ano 1882, por Vilardevós e Verín, e progresivamente foi arrasando os viñedos de varias localidades, sen excluír as da comarca de Valdeorras. En 1887, a filoxera facía estragos nos arredores da cidade de Ourense, pero a Ribadavia aínda non chegara; non tardou moito, xa que hai constancia de que doce anos máis tarde afectaba ao 2% das súas videiras. Porén, semella que nos viñedos da que foi capital simbólica do Ribeiro –Ribadavia- a incidencia da filoxera nunca sobardou unha porcentaxe que fose alén do 30%. No que fai a provincia de Pontevedra, partindo de Portugal, comezou a propagarse a partir de 1899 pola veciña comarca de Salvaterra. A peste non tardou en alcanzar o val do Salnés, e no ano 1906 rexistrouse a súa fatídica presenza nos arredores da vila de Pontevedra. Porén, os danos nesta comarca, como en xeral no conxunto da provincia, non foron moi graves por mor da protección que representaron as uveiras (emparrados). Coadxuvaron, asemade, os grandes ventos do oeste que ralentizaron considerablemente a progresión do insecto (…).
Xavier Castro
Máis en Murguía, Revista Galega de Historia nº19/20.
Nas mellores librarías!