Murguía, Revista Galega de Historia. Vol.29/30.

Un tempo novo parece estar a se cimentar. Obviamente non sabemos se é aparencia interesada, que levará o vento e con el as ilusións xeradas, ou realidade que deixa a entrever que un novo ciclo histórico se estea a abrir; mais si é obvio que a maior parte dos debates xiran nestes meses arredor de futuríbeis neste senso e das bases da realidade que presidiu o noso día a día nas últimas catro décadas, que non é pouco, daquela transición que deu paso a un estadio asentado centralmente nun tempo que se quixo dar por pasado.
Bases que permitiron pervivencias da ditadura franquista, patente de xeito insultante para a democracia (para as e os demócratas) a partir dun rueiro que insiste en glorificar aos golpistas que atentaron contra o goberno da II República española e na que se soñou (e deseñou) unha República galega… Realidade fronte á que se obviou, por exemplo, toda a arquitectura que as e os exiliados crearon alén mar, contra todo pronóstico, caso no ámbito galego e galeguista do modélico Daniel Rodríguez Castelao. Este tivo que asumir unha referencialidade que o levou a sacrificar toda a súa (curta) vida ao servizo de manter viva a memoria da Terra roubada, da Terra ocupada. E así naceu o Consello de Galiza, que aquí queremos lembrar, cando se cumpre o setenta aniversario da súa creación a cabalo entre Bos Aires (Arxentina) e Montevideo (Uruguai). Un organismo que procurou, igualmente, un tempo novo no que Galiza retomara a rota da súa soberanía, en irmandade co resto de pobos ibéricos, transitada de xeito certo durante o tempo republicano, e non só. Un tempo novo, de se prezar como tal, terá que lembrar activamente a realidade a que pertenceu (e simbolizou en boa medida) o Consello de Galiza, arraigándose no mesmo na súa plenitude.

Xuntanza do Consello de Galiza

Daniel Rodríguez Castelao e Antón Alonso Ríos, á dereita da imaxe, nunha xuntanza do Consello de Galiza (1945)

*****

Abrimos as páxinas do presente volume, na liña indicada, cunha lembranza do propio Consello de Galiza na sección Fontes, a partir da acta fundacional do mesmo e un texto introdutorio do profesor da Universidade da Coruña e director da revista Murguía, Uxío-Breogán Diéguez.
A seguir, na sección A Investigación Margarita Barral Martínez, profesora da Universidade de Santiago de Compostela, desenvolve unha investigación referida á ‘Exposición Rexional’ de 1909 en canto medio de ‘educación social’, para de seguido a investigadora Rocío Botana Iglesias achegarnos ao movemento obreiro socialista en Lugo no primeiro terzo do século XX. A seguir John Thompsom, profesor da Montana State University-Bozeman, refire tres monumentos, realizados polo escultor Valdi, ligados á exaltación da memoria histórica democrática e á participación cidadá en chave memorialista, tratando o profesor da Universidade da Coruña Xosé Manuel Malheiro arredor das iniciativas educativas no tempo da II República e o seu desmantelamento a partir do golpe militar reaccionario españolista do 1936, tomando como referencia un estudo de caso. Por último, a investigadora da Universidade de Santiago de Compostela Silvia Cernadas Martínez introdúcenos na condición feminina na literatura médica dos séculos XIX e XX. Montse Dopico conversa n’A Entrevista con Emilio Grandío Seoane, profesor de historia contemporánea da USC, quen nos últimos anos traballa arreo arredor da represión e ditadura franquista, así como a II Guerra Mundial.
Na sección Lembranzas traemos a colación a figura de Plácido Ramón Castro del Río, persoeiro que levou exitosamente a candidatura galega ao IX Congreso de Nacionalidades Europeas no 1933. A continuación Pedro Incio, da Universidade da Coruña, guíanos nas páxinas de Museos e Arquivos pola Warburg Library, a partir dunha súa visita a esta prestixiosa biblioteca na súa sede de Hamburgo. Por último, Prudencio Viveiro Mogo, Gustavo Hervella e Antom Santos reseñan diversas obras na sección Lecturas que nos refrescan a memoria anarquista universal, a proletaria compostelá, así como do exilio e emigración portuguesa na Galiza, a través de obras e textos históricos de Federica Montseny, Juana Rouco, Antonio Loredo, así como do historiador Dionísio Pereira.

*****

Cando estas páxinas estaban para ser impresas, chegounos a nova da morte do historiador e sacerdote Francisco Carballo. Bon e xeneroso, amigo e alentador de Murguía, Revista Galega de Historia desde un inicio, acompañaranos no noso labor historiográfico coma se seguira presente fisicamente.

Comments are closed.

Web xerada a partir de WordPress | Deadline Theme : inspirada en Awesem e deseño de Orman