Memoria histórica e cidadanía democrática. Curso de Verán

Murguía, Revista Galega de Historia e o Instituto Galego de Historia colaboran co III Curso de Verán Ciencias Sociais, Educación e Sociedade, organizado pola Universidade da Coruña baixo a dirección do profesor Uxío-Breogán Diéguez e coordenado polos tamén docentes da UDC Sara Carou García e Roberto García Morís.

Nesta súa nova edición, o devandito curso centrarase na ‘Memoria histórica e cidadanía democrática’. Un encontro no que se afondará, entre o 28 e 29 de xuño, na vixencia da recuperación da memoria histórica e na relación deste movemento social á hora de construir e manter unha cultura e sociedade democrática. Valorizarase cal é o estado de saúde do movemento memorialístico na sociedade galega actual, analizándoo desde o ámbito educativo, legal, patrimonial e cívico.

Ponencias e colaboracións

Participarán no devandito encontro dez ponentes, de diversas universidades, así como de institucións adicadas á recuperación da memoria histórica. A conferencia inaugural do curso correrá a cargo de Joan Pagès Blanch, catedrático de Didáctica das Ciencias Sociais da Universitat Autònoma de Barcelona. Pagès Blanch conferenciará sobre “O ensino das Ciencias Sociais e a educación para a cidadanía democrática”.

Cómpre destacar que o III Curso de Verán Ciencias Sociais, Educación e Sociedade conta coa colaboración, para alén do Instituto Galego de Historia e da Murguía, Revista Galega de Historia,  da Iniciativa Galega pola Memoria, da Fundación Alexandre Bóveda, a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña e a Fundación Moncho Reboiras para o Estudo e Divulgación da Realidade Social e Sindical na Galiza.

Ao final da primeira xornada, realizarase un roteiro pola cidade da Coruña, reparando na (des)memoria de lugares, feitos e figuras que serán postas e postos en valor por Fernando Souto, presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, celebrándose ao final do roteiro unha homenaxe ás/os represalidos polo fascismo. Así mesmo, ao remate do curso desenvolverase un debate/posta en común arredor da saúde do movemento memorialístico galego, revisando logros e detectando retos que ten por diante a rede e movemento en favor da recuperación da memoria histórica.

Lugar de celebración e inscricións

O lugar escollido para a celebración deste Curso de Verán é a Aula Náutica da UDC, que conta cunha magnífica dotación e incomparábeis vistas ao pé do mar, no Dique Barrié de la Maza.

As prazas son limitadas. A inscrición será de 30€ para estudantes e membros de calquera das entidades colaboradoras, e de 50€ para o resto do público. O Curso de Verán será recoñecido como actividade de formación docente e  computará 1,5 créditos, segundo normativa da UDC, para o alumnado inscrito.

*Cada inscrita/inscrito recibirá, gratuitamente, un exemplar de Murguía, Revista Galega de Historia.

Máis información e matrícula: secretaria@revistamurguia.com ou

https://www.udc.es/occ/cursos_congresos_simposios/cursosveran/cursos2017/curso6.html.

 

Programa completo

View Fullscreen

Comments are closed.

Web xerada a partir de WordPress | Deadline Theme : inspirada en Awesem e deseño de Orman