Músicos do Eixo na Coruña durante a Segunda Guerra Mundial

As complexas e cambiantes relacións do Franquismo cos países do Eixo (Alemaña e Italia) no curso da Segunda Guerra Mundial tamén tiveron o seu reflexo nunha disciplina á que moitas veces, segundo explica a filósofa Lydia Goehr (1994), mesmo os seus propios creadores e transmisores non lle recoñecen o seu indubidable potencial político: a música. Os gobernos de Franco, Mussolini e Hitler, en cambio, demostraron recoñecer tal potencial sobradamente, pois puxeron en marcha un programa de intercambios musicais que non se limitaba ao puramente artístico, senón que estaba cargado de significados destinados a reforzar a unión simbólica entre as tres nacións, con mensaxes dirixidas a diversos tipos de público. Aínda que, en consonancia co centralismo do réxime, a maior parte deste programa de intercambios tivo lugar en Madrid, esta peculiar forma de propaganda musical chegou tamén a Galicia baixo a forma de catro concertos celebrados na Coruña entre 1941 e 1944. O presente artigo expoñerá, en primeiro lugar, un panorama xeral dos intercambios musicais entre España e o Eixo a modo de marco no que se intercalan os concertos celebrados na Coruña; despois, pasará a analizar por separado cada un destes catro concertos poñendo de manifesto aqueles valores e mensaxes que o Franquismo tiña interese en destacar neles para reforzar as relacións de amizade co Nazismo e o Fascismo.

Os intercambios musicais en contexto

Sen dúbida, os intercambios musicais da España franquista con Alemaña, Italia (e, en menor medida, Portugal) durante a Segunda Guerra Mundial ían máis aló da actividade cultural e presentábanse como inzados de valores políticos e simbólicos. Un rápido repaso ao número e natureza dos intercambios musicais entre 1939 e 1945 revela importantes paralelismos coa complexa evolución das relacións políticas de España co Eixo: a fase inicial (1940-1942) é de entusiasmo, coincidindo co mandato de Ramón Serrano Suñer, falanxista con destacables simpatías pro-Eixo, á fronte do Ministerio de Asuntos Exteriores e as relacións cordiais con Alemaña e Italia. Neste período tivo lugar o maior número de eventos e tamén aqueles de maior significación: os tres festivais musicais hispano-xermanos en Bad Elster (verán de 1941), Madrid e San Sebastián (xaneiro de 1942) e de novo Bad Elster (verán de 1942); a visita do compositor italiano Alfredo Casella a Madrid e outras cidades españolas na primavera de 1942, que será comentada no curso deste artigo; as primeiras visitas da Orquestra Filharmónica e a Orquestra de Cámara de Berlín, en 1941, visitas que se repetirían despois con frecuencia anual. Durante 1943 e os primeiros meses de 1944, ao tempo que o Eixo perde a súa posición vantaxosa e o entusiasmo do goberno franquista diminúe, os intercambios musicais entran nunha fase de estancamento, e despois disto vanse distanciando claramente ata desaparecer no outono de 1944.

Os gobernos español, alemán e italiano non xestionaban os intercambios musicais a través dunha única institución cun programa unificado e sistemático; polo contrario, a cantidade e diversidade de organismos que participaban nestes acontecementos apuntan a que o potencial da música como ferramenta diplomática e de propaganda era ben recoñecido en diversos niveis dos aparatos burocráticos dos tres réximes. Trala vitoria franquista, Italia e Alemaña aseguráronse focos de difusión das súas artes coa creación dos seus Institutos Culturais, abertos, respectivamente, en 1940 e en 1941 en Madrid. A Asociación Hispano-Germana, da que os principais valedores en España eran Salvador Merino e Pilar Primo de Rivera (Bowen, 2005), por outra parte, fomentou a colaboración musical entre ambos países mediante a presenza do compositor e musicólogo Richard Klatowsky en Madrid, onde seleccionaba a música española contemporánea que debía ser difundida despois a través da radio alemá. As embaixadas, a Deutsche Schule e o Liceo Italiano, a delegación da NSDAP (Partido Alemán Nacional-Socialista dos Traballadores) en España e a organización Kraft durch Freude (unha subsección da Deutsche Arbeitsfront a cargo das actividades culturais para as clases traballadoras) tamén colaboraron ou organizaron por conta propia diversos tipos de actividades musicais.

No lado español, as institucións máis dedicadas aos intercambios musicais co Eixo eran as que estaban en mans da Falanxe, tanto as integradas no aparato gobernamental (a Delegación de Propaganda, o Ministerio de Asuntos Exteriores) ou na estrutura sindical estatal (a Asociación de la Prensa, o Sindicato Español Universitario, a Unión Sindical Educación y Descanso) como as que formaban parte directamente da organización do partido, como a Vicesecretaría de Educación Popular. Xa fóra do control da Falange, a Comisaría de Música, en mans do compositor Joaquín Turina durante este período, tamén desempeñou un importante papel nos intercambios, especialmente a través dos dous conxuntos que dependían dela (a Orquesta Nacional de España e a Agrupación Nacional de Música de Cámara). O Real Conservatorio de Música de Madrid fixo algunhas contribucións ó programa e, secundariamente, as diversas asociacións de afeccionados (como é o caso da Sociedad Filarmónica na Coruña) eran moitas veces as encargadas de organizar ou acoller os concertos propiamente ditos.

A colaboración e interacción destas institucións posibilitaba que os músicos estranxeiros que visitaban España participasen en varios acontecementos complementarios de importancia política e diplomática explícita. Por exemplo, con ocasión do segundo festival de música hispano-xermano en xaneiro de 1942, a delegación alemá rendeu tributo a José Antonio Primo de Rivera na súa tumba de El Escorial, e os coros da Hitler Jugend, na súa visita a España en 1943, pasaron tamén polo Alcázar de Toledo. Moitos dos concertos de artistas alemáns e italianos contaban tamén coa presenza oficial de ministros, líderes da Falanxe e altos oficiais de exército, representantes da Comisaría de Música, representantes da Igrexa Católica e membros das embaixadas alemá ou italiana en España.

Os críticos musicais tampouco eran alleos ao importante papel diplomático e político que desempeñaban estes intercambios, e, de feito, co seu labor contribuíron a amplificalos e dotalos de significados que fosen máis aló do puramente musical. Unha pasaxe do influínte crítico Federico Sopeña, escrita con ocasión do primeiro festival musical hispano-xermano celebrado en Bad Elster no verán de 1941, encarna de forma ilustrativa esta confluencia de música e intereses políticos (Arriba, 3/8/41):

El hecho de que el país de la música, Alemania, organice en medio de la Guerra una serie de conciertos dedicados a la música española no es solamente una prueba de vitalidad sino que tiene también el símbolo de la especial unidad de las dos naciones cuyos hijos luchan nuevamente contra el enemigo universal: el Comunismo (…).

Las consecuencias de este festival han de ser rápidas y constantes. Los programas de conciertos, las emisoras de radio, las críticas de música son, según nos dicen, la desesperación de los impresores, tan llenas están de nombres españoles. Saben a gloria para nosotros. Mañana el triunfo común en las trincheras que defienden lo mejor de los dos pueblos será motivo de una nueva comunidad artística”(…).

Eva Moreda

Máis en Murguía, Revista Galega de Historia nº17-18

Comments are closed.

Web xerada a partir de WordPress | Deadline Theme : inspirada en Awesem e deseño de Orman