Centenario de Isaac Díaz Pardo (1920-2020)

Diante do centenario de Isaac Díaz Pardo lembrámolo desde Murguía, Revista Galega de Historia con enorme agarimo, pola súa enorme xenerosidade e integridade, así como por ter sido unha figura xenial, humana e profesionalmente, das máis destacadas da Galiza contemporánea. Reproducimos novamente a conversa que mantivera Uxío-Breogán Diéguez con el, no Instituto Galego de Información (IGI), na primavera de 2005 e que fora publicada no vol. 7-8 da revista Murguía.

Lembramos deste modo a Isaac Díaz Pardo no seu centenario, ao “conservador libertario” [como el dixera de si mesmo, con sorna], ao creador e militante galego, quen non dubidou en colaborar co monográfico intitulado A Galiza de Ánxel Casal que Murguía, Revista Galega de Historia estaba a preparar daquelas, diante do 110 aniversario de quen fora alcalde galeguista de Compostela, así como editor e impresor de referencia na Galiza desde 1924:

Isaac Díaz Pardo (Compostela, 1920), frecuentou desde moi neno o taller do seu pai, Camilo Díaz Baliño, escenógrafo, pintor, e cartelista, no marco do galeguismo. Sorpréndeo a sublevación militar no 1936 cursando os estudos de bacharelato e cando proxectaba acceder á Escola de Arquitectura. Terá que ficar agochado. No 1939 ingresa na Escola de Belas Artes de San Fernando; ligado ao deseño industrial destacará como creador. Fundador xunto a Luís Seoane do Laboratorio de Formas, apoiado pola comunidade exiliada. Aliás botaría a andar as Cerámicas Sargadelos, Edicións do Castro, o Instituto Galego de Información e outros proxectos de grande relevo. É autor de diversos ensaios e texto xornalísticos.

REVISTA MURGUÍA: Bon serán, Isaac.

ISAAC DÍAZ PARDO: Bon serán.

R.M.-Este ano 2005 é o “ano Ánxel Casal”, segundo iniciativa do Concello de Compostela. Que lle parece a iniciativa?
I.D.P.-Está ben. O que pasa é que tiña que ter máis movemento na prensa, prestarlle máis atención. E logo hai outras cuestións, como os letreiros que lle puxeron no que foi a súa imprenta que non hai quen os lea. Hai certo abandono…

R.M.- Un abandono que non fica acorde co relevo histórico de Casal, non si?
I.D.P.-Casal foi moi importante, importantísimo. Fixémonos, por exemplo, que Castelao tiña unha grande admiración por Casal o que demostra o tamaño del. Non é de recibo o silenzo no que fican as iniciativas relacionadas con Casal.

R.M.-Cal pode ser o motivo deste silenzo do que nos fala?
I.D.P.-A cuestión é que non morreu Franco aínda. Hai moitos restos… Hai quen entende que a Historia non se debe facer, que había que esquecer todo. Unha cousa é perdoar; mais esquecer, non! A Historia hai que facela!

R.M.-Claro. O silenzo do que nos fala envolveu e envolve outras figuras…

I.D.P.-Si. Por exemplo, cando vivía Lois Tobío -a persoa que máis entendía e sabía da Autonomía- (estando na redacción do proxecto do Seminario de Estudos Galegos no 1931), redactouse o ‘Estatuto dos dezaseis’. Tobío era home cunha formación excepcional. E aqueles ‘dezaseis’ non convocaron para nada a Tobío…

R.M.-Falando do Estatuto de Autonomía, que opinión lle merece a reforma do actual Estatuto de Galiza? E que opina das voltas que se lle dá ao conceito nación…

I.D.P.-Iso non hai que discutilo. Galiza é unha nación, pero unha nación escarallada. Despois de centos de anos a xente fala galego, aínda coa presión que tivemos!. Aínda temos forza. A reforma do Estatuto é necesaria.

R.M.-Entrando de cheo na figura de Casal, como lembra o primeiro encontro con el?

I.D.P.-Coido que desde que nacín tiven contacto con Casal. O meu pai era íntimo de Casal. O meu pai colaboraba con Casal desde os anos vinte. O meu pai facíalle as portadas dos libros. Había unha intimidade e compenetración grande entre os dous. Logo, cando meu pai no ano 1931 se vai co Coro de Ruada para América, e volve despois de abril, logo de se proclamar a  República, hai  declaracións del na prensa falando da República… Ben, nós daquela viviamos na rúa das Hortas número 20. E, logo meu pai alugou unha casa pequena na rúa de carretas e fúmonos vivir para alá e a nosa casa das Hortas deixoulla a Casal para montar a imprenta.

desde que nacín tiven contacto con Casal. O meu pai era íntimo de Casal. O meu pai colaboraba con Casal desde os anos vinte. O meu pai facíalle as portadas dos libros. Había unha intimidade e compenetración grande entre os dous. Logo, cando meu pai no ano 1931 se vai co Coro de Ruada para América, e volve despois de abril, logo de se proclamar a  República, hai  declaracións del na prensa falando da República…

R.M.-Desde logo había unha forte relación e cooperación…

I.D.P.-Si. O da casa foi ao pouco dun tropezo de Casal: metérase nun periódico El Momento -do que sairon arredor de catorce números- no que fixo unha grande inversión, mais non saira para adiante… Casal daquelas xa estaba encargado das publicación do Seminario de Estudos Galegos e veu desde A Coruña a Compostela, onde se concentraba o galeguismo, o Seminario, etcétera, e trasladou a imprenta Nós. Logo, pasados dous tres anos desde as Hortas trasládase á rúa do Vilar nº15.

R.M.-Está a falar do rueiro compostelán vinculado a Casal, ou o que é o mesmo, ao nacionalismo galego e a iniciativas de grande relevo. A maior parte dos viandantes pasan por estes lugares sen saber os proxectos que deron cabida.

I.D.P.-Si, claro. Era boa cousa que se sinalaran todos estes lugares.

R.M.-Que características definían a Casal?

I.D.P.-Era un home tremendamente cordial. Un nacionalista, fundador das Irmandades da Fala e logo do Partido Galeguista. Tiña un sentido político das cousas.

R.M.-Que relación tiña con outros nacionalistas?

I.D.P.-Moi boa. Con Castelao, por exemplo, mantén desde as Irmandades unha estreita relación. É Castelao quen lle fai os deseños (corporativos) para o selo editorial.

R.M.-E moi importante no marco da campaña a favor do Estatuto, non si?

I.D.P.-Certo. Lembro a campaña facendo cartaces. Traballando a fume de carozo. Seoane fixo o cartaz da Coruña. Zeus, un fillo de López Bouza, outro que asinara. No meu caso Castelao daba a idea e eu era quen confeccionaba os cartaces asinados por el.

R.M.-E chega o resultado da campaña no 28 de xuño do 1936. Hai quen apresenta a data desde certa controversia…

I.D.P.-Si, mais o certo é que na redacción do Estatuto colaborou o 90% dos concellos, na asemblea do 1932. Isto é certo que non foi un sufraxio directo pero si un sufraxio dos representantes do pobo… e logo refréndase no sufraxio do 36. Iso é todo.

R.M.-Había ou non unha politización importante na Galiza daquela altura?

I.D.P.-Había. O galeguismo, cando menos en ámbitos intelectuais, tiña forza e logo, moita, o anarquismo. Por exemplo na Coruña  tiña moita forza, co Centro de Estudos Germinal, cunha biblioteca de arredor de oito mil volumes que queimaron os militares no 36.

R.M.-E, ao pouco, a sublevación militar reaccionaria. Que lembranzas tes dos primeiros días de represión no ’36?

I.D.P.-Eu escondinme ao longo duns tres días. Neste días tivemos un asalto dos falanxistas á casa familiar; levaron pertenzas, debuxos, racharon outros, levaron libros…

R.M.-E Casal no inicio desde o Concello organizando a resistencia…

I.D.P.-Si. El viuse para Compostela desde Madrid -onde estivera pola cousa do Estatuto- no coche da Deputación coruñesa con López Bouza, o presidente da Deputación. Tamén viñeron os mineiros de Lousame a Compostela. Casal saíu ao balcón do Obradoiro comentando “…veño da Coruña onde os nosos irmáns están loitando contra a reacción…hai que ir axudalos…”.  Así organizamos grupos para ir para Coruña nos Castromil con voluntarios. Eu fun un dos voluntarios. Levábamos dinamita (…lembro como cheiraba a miña cazadora a dinamita!). Lembro que chegamos a Coruña e pasamos por Calzados Senra…

Casal saíu ao balcón do Obradoiro comentando “…veño da Coruña onde os nosos irmáns están loitando contra a reacción…hai que ir axudalos…”.  Así organizamos grupos para ir para Coruña nos Castromil con voluntarios. Eu fun un dos voluntarios. Levábamos dinamita (…lembro como cheiraba a miña cazadora a dinamita!). Lembro que chegamos a Coruña e pasamos por Calzados Senra…

R.M.-Deixando o groso da ‘longa noite de pedra’ para outra conversa, acheguémonos á recuperación de proxectos editoriais que lembran o espírito da imprenta editorial Nós. Como é ese reinicio da traballo editorial autocentrado en Galiza.

I.D.P.-Verdadeiramente a figura máis importante a este respeito é Luís Seoane. É o que ten a idea clara de fundar unha editorial en Galiza co espírito de Casal. El fundou no exilio diversas editorias. Máis de trescentos libros que editou en América. No 1963, cando estaba ben quente Franco, editou dous álbumes de gravados co seu significado político.

É Seoane quen leva para o exilio, podiamos dicir, o espírito de Casal e logo volve para Galiza outra vez ese espírito.

R.M.-E chega, neste sentido, Edicións do Castro. E a recuperación da memoria histórica. Porque

I.D.P.-Si. Unha árbore sen raíces vense abaixo. As cousas que non teñen tradición véñense abaixo. A tradición non é estar estancado é traspaso, transmisión. Sen tradición cómpre inventar. Non se trata de resentimento. A Historia hai que facela tal e como foi.

Unha árbore sen raíces vense abaixo. As cousas que non teñen tradición véñense abaixo. A tradición non é estar estancado é traspaso, transmisión. Sen tradición cómpre inventar. Non se trata de resentimento. A Historia hai que facela tal e como foi.

R.M.-Por último, cais son os próximos traballos que está a preparar Edicións do Castro?

I.D.P.-Moitas cousas. Por exemplo, temos unha muller que está investigando arredor dos arquitectos exiliados galegos e non galegos. Leva xa uns cincuenta dos que está recuperando a súa memoria. Mais isto é parte do traballo que estamos a desenvolver.

R.M.-Até sempre, Isaac. Saúde e Terra!

Comments are closed.

Web xerada a partir de WordPress | Deadline Theme : inspirada en Awesem e deseño de Orman