REFLEXIÓNS AO FÍO DO ATILA NO GROVE DE ANTÓN MASCATO

Resumo: A lectura de Atila no Grove (Positivas, 2019), o libro de Antón Mascato espertou en nós una manchea de reflexións arredor de memoria e historia así como sobre a serodia emerxencia das testemuñas da persecución franquista.
Palabras chave: O Grove, memoria, historia, testemuñas, Antón Mascato, franquismo, século XX.
Abstract: Reading Atila no Grove (Positivas, 2019), by Antón Mascato, awoke up in us a lot of reflections around memory and history as well as about the late surfacing of the witnesses during the Francoist persecution.
Key words: O Grove, memory, history, witnesses, Antón Mascato, Francoism,
20th century.

Autor: Carlos Méixome / Murguía, Revista Galega de Historia vol. 40

Cando coñecín o borrador do Atila no Grove, o libro de Antón Mascato sobre a persecución franquista na súa vila de nacenza, establecín de primeiras unha relación, coido que tampouco desencamiñada, co segundo dos tres álbums da guerra de Castelao, o Atila en Galicia, publicado, en 1937, en Valencia, polo comité nacional da CNT. Como saben, os outros tituláronse
Galicia mártir, editado no mesmo ano e cidade polo Ministerio de Prensa e Propaganda do goberno da República; o derradeiro da serie, Milicianos, veu a luz en 1938 en Nova York mercé á Fronte Popular Antifascista Galega.

establecín de primeiras unha relación, coido que tampouco desencamiñada, co segundo dos tres álbums da guerra de Castelao, o Atila en Galicia, publicado, en 1937, en Valencia, polo comité nacional da CNT.

Souben, ao lelo, que a referencia do Mascato nada tiña a ver con Castelao, senón cun artigo de prensa e un proxecto de libro. Escritos e imaxinados, ambos, por Manuel Lueiro Rey. O artigo publicouse en 1986 no semanario A Nosa Terra; un bosquexo da capa do libro “non nato” reprodúcese nas primeiras páxinas do homónimo actual. Ao fin aquel libro imaxinado, matinado, proxectado por Lueiro, converteuno en realidade, corenta anos despois, Antón Mascato. É evidente que o libro de hoxe é diferente ao que podería realizar Manuel Lueiro, máis escritor que investigador e, en especial, por ser dono dunha “experiencia vivida”, como diría W. Benjamin, que contrastaría co lento e esforzado traballo, de case tres décadas, de Antón Mascato, para
converter aquela “experiencia vivida”, a de Lueiro e de tantas persoas no Grove, en “experiencia transmitida”, aquela que, seguindo a Benjamin, pode rematar por converterse en Historia. O labor de Mascato, dando forma ás intuicións de Lueiro, serve para poñer pexas ás pretensións de elaborar unha “experiencia transmitida” homoxénea a partir do relato do “consenso”, case unánime, da denominada “transición”. O libro de Mascato está engarzado na tradición memorialista, e continúa o labor de luminaria do artigo e do esbozo de Lueiro5 que tan fonda impresión deixara no noso
autor cando mozo.

Como dixen, o título escollido non me remitiu a Lueiro, por descoñecemento, senón que o entendín como unha chiscadela ao álbum de Castelao. Mais, na miña memoria, abrollou outro Atila, neste caso dito Attila, un dos protagonistas do coñecido, e longo, filme de Bernardo Bertolucci, Novecento, síntese cinematográfica da historia europea da primeira metade do século XX ollada dende unha vila rural da Emilia centro-italiana. Descoñezo se Bertolucci se inspirou no Atila en Galicia de Castelao para bautizar como Atila a personificación do fascismo, da brutalidade, do servilismo ante o capital, da dexeneración moral… enfardado no seu flamante uniforme negro, ao que lle puxo rostro Donald Sutherland. Mais tamén lle poderían servir de modelo algúns dos Atilas que, con nomes e apelidos, o Mascato arrinca das “memorias vividas”.

o título escollido non me remitiu a Lueiro, por descoñecemento, senón que o entendín como unha chiscadela ao álbum de Castelao. Mais, na miña memoria, abrollou outro Atila, neste caso dito Attila, un dos protagonistas do coñecido, e longo, filme de Bernardo Bertolucci, Novecento, síntese cinematográfica da historia europea da primeira metade do século XX ollada dende unha vila rural da Emilia centro-italiana.

Non desmerecen en nada as brutalidades que desvela o noso amigo meco6 das recollidas por Bertolucci. O recurso a Atila, o huno que aterrorizou Roma, que alcumaron “azoute de deus” e lle atribuíron o dito de “onde pousa o meu cabalo non medra máis a herba”, como licenza anacrónica para representar a crueldade, empregouse con frecuencia, ademais de por Castelao, por Mascato,
Lueiro e Bertolucci. Antón Mascato teceu e desteceu durante décadas esas “memorias vividas”, deixounas repousar para trousalas con sosego e ofrecernos un episodio crucial da memoria meca, da traxedia meca, con feitío de relato histórico, dun bo relato histórico; útil non só para as persoas interesadas no que aconteceu nun anaco do noso territorio ou para as preocupadas polo detalle
deste período histórico, senón, tamén, para aqueloutras que gorentan relatos históricos elaborados que procuren evitar a confusión, sobre a que xa nos advertira Hobsbawm, entre historia e literatura. As obras literarias é mellor que broten do maxín espremido dos seus autores ou autoras e estes eviten a tentación de procurar na farturenta e excesiva imaxinación da Historia os
seus relatos; ao tempo que o relato histórico debe atender con oficio as moitas virtudes literarias (…).

Máis en Murguía, Revista Galega de Historia vol. 40. Nas mellores librarías do país!

Comments are closed.

Web xerada a partir de WordPress | Deadline Theme : inspirada en Awesem e deseño de Orman