Clase obreira e represión franquista. Novas lecturas

Afortunadamente, malia o tempo de crise que padecemos, seguen a se editar obras de grande relevo no ámbito historiográfico galego. Desta volta publicitamos a inminente apresentación de O movemento obreiro socialista na provincia de Lugo (1902-1936) Emigrantes, exilados e perseguidos. A comunidade portuguesa na Galiza (1890-1940) e Pontevedra nos anos do medo. Golpe militar e represión (1936-1939) , obras que chegaron recentemente á nosa redacción.

A primeira é da autoría da historiadora Rocío Botana Iglesias,  sendo unha achega no que se desenvolve un “…percorrido polo movemento obreiro na provincia de Lugo entre o ano 1902 e 1936, achegando numeroso material documental e unha infinidade de datos, biografías, nomes e sociedades obreiras que nunca antes se xuntaran nun só volume “. Desenvolverase o acto de apresentación da obra o vindeiro mércores, día 11 de decembro, ás 19:00 horas no Salón de Actos do Edificio Sindical de Lugo, sito na Ronda da Muralla, 58.

A segunda obra é da autoría do prolífico investigador Dionísio Pereira, quen xa participara na obra colectiva O Cambedo da Raia, 1946. Solidariedade galego-portuguesa silenciada ( Ourense: Asociación Amigos da República, 2004 ) , a partir de investigacións diversas que este historiador ten desenvolvido arredor da presenza portuguesa na Galiza diante do golpe militar reaccionario do 1936. Será o acto en Compostela o día 18, na Livraria Ciranda, Rúa Travesa nº7, ás 20h.

A terceira edítase coa autoría do profesor e investigador Xosé Álvarez, responsábel do blog “Pontevedra nos anos do medo”, activo da recuperación da memoria histórica (Cidadanía pola Verdade, Sempre con vós) e renovación pedagóxica (Nova Escola Galega). O acto desenvolverase o venres 13 de decembro, ás 20 horas, no salón de actos da Biblioteca Pública Municipal de Marín, Avenida de Ourense nº 6.

Comments are closed.

Web xerada a partir de WordPress | Deadline Theme : inspirada en Awesem e deseño de Orman