Proposta para lle adicar unha rúa a Lois Porteiro Garea na capital galega.

Na mañá de hoxe, 31 de maio, Murguía, Revista Galega de Historia e o Instituto Galego de Historia (IGALHIS) presentaron no Rexistro Xeral do Concello de Santiago de Compostela unha petición á corporación municipal para que se lle dea unha rúa a Lois Porteiro Garea na capital galega.

A iniciativa enmárcase dentro das actividades que estas dúas entidades están a desenvolver en favor da divulgación da historia das “Irmandades da Fala”, co gallo do primeiro centenario das mesmas.

 ANT 130-31 5-XI-1920

No documento presentado esta mañá no rexistro xeral do Concello de Santiago de Compostela polos historiadores Uxío-Breogán Diéguez e Prudencio Viveiro Mogo, en nome da revista Murguía e o IGALHIS do que os dous son directivos, reclámase unha rúa a Lois Porteiro Garea en canto que primeiro presidente da “Irmandade da Fala” de Santiago de Compostela e destacada figura das ‘Irmandades da Fala’ (no curto tempo de vida de Porteiro Garea, pois faleceu a finais do 1918); unha rúa que tamén serviría para lembrar ao longo dos tempos a creación da devandita “Irmandade da Fala” de Compostela, un 28 de maio daquel 1916. Como se sinala na proposta, Lois Porteiro Garea foi estudante e catedrático de Dereito na Universidade de Santiago de Compostela, así como membro da corporación municipal, entre outros méritos que o vencellan de xeito senlleiro coa cidade de Compostela. Anéxase a proposta ao presente correo-e.

Esta inicitiva súmase á edición dun volume monográfico de Murguía, Revista Galega de Historia (vol. 32) adicado ás ‘Irmandades da Fala’, primeira obra que saíu do prelo diante desta efeméride, nomeadamente no mes de decembro do 2015; volume que se verá ampliado, da man do selo editorial “Laiovento”, en formato libro nas próximas semanas, cun total de 10 investigacións sobre as ‘Irmandades da Fala’.

Murguía, Revista Galega de Historia e o Instituto Galego de Historia, con sede en Compostela desde a súa creación no ano 2003 da man da Asociación Galega de Historiadores, tamén están a colaborar no que será o Simposio “Repensando Galiza: as Irmandades da Fala (1916-1931)” a celebrar no Museo do Pobo Galego ( http://www.revistamurguia.com/?p=1694 ).

 

[embeddoc url=”http://www.revistamurguia.com/wp-content/uploads/2016/05/RUA-A-LOIS-PORTEIRO-GAREA_31_05_2016.pdf” viewer=”google”]

Comments are closed.

Web xerada a partir de WordPress | Deadline Theme : inspirada en Awesem e deseño de Orman