13 de Outubro. Lembranza fronte a barbarie.

Homenaxe nacional en Montecubeiro.
Nuns días desenvolverase unha homenaxe a todas aquelas persoas represaliadas polo Golpe militar reaccionario de xullo do 1936 e a ditadura franquista. Sob a organización da Iniciativa Galega pola Memoria (IGM), en Montecubeiro, Castroverde, ao pé do monolito que lembra o asasinato de 15 persoas nesa parroquia por parte dos franquistas, xuntaranse centos de persoas que lembrarán fronte a barbarie.
Aproveitarán desde a IGM para clarificar a realidade franquista na Galiza.

A dicer das e dos organizadores, o noso país, “…onde non houbo guerra regular e os asasinatos pola brava duplicaron ás execucións tras Consello de Guerra, tivo asemade unha máis esmagadora negación dos crimes que pola súa nocturnidade e informalidade reforzaban a idea da ausencia deste exterminio, e mesmo se proxectaba a imaxe da adhesión entusiasta do noso pobo á ditadura. De aí o sambenito ben estendido dunha Galiza afervoadamente franquista, que pretendeu e aínda pretende ocultar calquera resistencia ou represión existente que puidese abafar aquela estampa idílica.

Grazas ao esforzo heroico de asociacións e investigadores/as, hoxe logrouse avanzar en destapar a brutal represión que aquí aconteceu, responsable dun mínimo de 4.700 mortos/as e 12.000 represaliados/as de distintas maneiras no período 1936-39. Con todo, non se conseguiu o merecido respecto xeral á dignidade das vítimas, que non son recoñecidas como tais política e xuridicamente, ficando aínda repetidas actuacións insultantes que ao non ser reprobadas e sancionadas polas organizacións que as amparan, deixan de ser un caso illado para converterse no síntoma dun problema máis profundo, que pon en evidencia a persistencia do franquismo que pretende condicionar á sociedade e o moito que aínda queda por facer para socializar a débeda que o noso país ten coas persoas exemplares que loitaron pola liberdade. E que, efectivamente, algo fixeron para ser homenaxeadas”.

O acto contará con diversas intervencións, nomeadamente a do alcalde de Castroverde, Xosé María Arias; a de Mario Outeiro, en representación da área de Turismo e Cultura da Deputación de Lugo; José Ramón Gómez Besteiro, presidente da Deputación de Lugo; Claudio Rodríguez Fer, membro da Iniciativa Galega pola Memoria, profesor e poeta lucense; Federico Mayor Zaragoza, ex-director da UNESCO de 1987 a 1999 e presidente da Fundación Cultura de Paz. Pechará o acto a artista galega Mercedes Peón.
[
A volta dos 9.

Así mesmo, o Instituto de Estudos Miñoranos (IEM) organiza unha outra homenaxe. Desta volta é unha nova edición do encontro que se dá ao pé da que pasou a se denominar ‘A Volta dos 9’, en lembranza e homenaxe aos noves traballadores galegos que o 15 de outubro de 1936, á altura do quilómetro 58 da estrada Baiona – Camposancos, foron asasinados como represalia trás a morte do falanxista Luís Refojo, acontecida en Sabarís, tal e como recollemos en Murguía, Revista Galega de Historia nº7-8 (2005), nun artigo da autoría dos investigadores Carlos Méixome e Xosé Lois Vilar.

O acto desenvolverase, igualmente, o vindeiro domingo 13 de outubro, ás 13 horas. Será ao carón do monumento “Volta dos Nove”, sito na propria curva da Bombardeira (Baredo – Baiona) e diante do que familiares, viciñas e viciños lembrarán, marcan desde o IEM “…a memoria dos nove veciños miñoranos asasinados pola represión franquista” naquela fatal madrugada do ’36. Proseguen indicando que a “… sinxela homenaxe do domingo consistirá nun momento de recollemento fronte ao monumento, obra do escultor Fernando Casás, unhas breves palabras do historiador Carlos Méixome, director do IEM, e unha ofrenda floral”.

Murguía, Revista Galega de Historia adhírese a ambos actos.

Máis info:

Programa Iniciativa Galega pola Memoria

Programa Instituto Estudos Miñoranos

Comments are closed.

Web xerada a partir de WordPress | Deadline Theme : inspirada en Awesem e deseño de Orman