Centenario do pasamento de Manuel M. Murguía

O 2 de febreiro do presente 2023 cumprirase o centenario do pasamento de Manuel M. Murguía. Nacido en Arteixo no ano 1833, pasou a súa infancia en Compostela e logo residiu en varias cidades, destacando Madrid, Lugo e A Coruña. Cara ao ano 1845 Murguía principiaría os seus estudos de bacharel, na Universidade compostelá, estudos que concluiría especializándose en Filosofía no ano 1850. En Compostela sería testemuña dos sucesos de 1846 e frecuentaría o Liceo da Xuventude, impulsado no 1847 por Antonio Neira de Mosquera, Leopoldo López Padín e Alberto Camino (1), entre outros galeguistas chave do provincialismo, antesala do rexionalismo (ou protonacionalismo). No Liceo da Xuventude Murguía mantería estreita relación con outros mozos galeguistas como el, caso de Aurelio Aguirre, Eduardo Pondal, Luís Rodríguez Seoane e, semella, que probabelmente tamén con Rosalía de Castro, coa que tamén coincidiría ao pouco en Madrid, cidade na que Manuel M. Murguía completaría a súa formación académica, estando matriculado na Licenciatura de Farmacia por vontade do seu pai (de profesión farmacéutico).

En Compostela frecuentaría o Liceo da Xuventude, impulsado no 1847 por Antonio Neira de Mosquera, Leopoldo López Padín e Alberto Camino, entre outros galeguistas chave do provincialismo, antesala do rexionalismo (ou protonacionalismo).

Manuel M. Murguía e Rosalía de Castro casarían en Madrid o 10 de outubro de 1858, trasladándose a Santiago de Compostela ao ano seguinte. Murguía e Rosalía serían pais de Alejandra (1859), Aura (1868), Gala e Ovidio (1871), Amara (1873), Adriano Honorato (1875, que falecería ao ano seguinte de nacer) e Valentina (1877, nacida sen vida).

Murguía foi o historiador que teorizou Galiza como realidade nacional a partir das súas pesquisas históricas. Sería unha das figuras centrais do Rexurdimento, xunto a Rosalía de Castro, coa que a literatura galega abriría unha nova e moderna etapa. Como acontece con todo autor ou autora, cómpre contextualizar a produción de Manuel M. Murguía no seu marco histórico, tendo presente as tendencias propias do seu tempo. Para alén destas, na produción de Murguía fica patente a procura da rigorosidade metodolóxica e no que atinxe ás fontes documentais (afastando o ensaio histórico da creación literaria, que daquelas abundaba á hora de abordar os tempos pasados).

Capa do Tomo I da Historia de Galicia (1865)

Autor de numerosas obras, asinou senlleiros e notábeis volumes como o Diccionario de escritores gallegos (Juan Compañel, Vigo, 1862), Los Precursores (Latorre y Martínez Editores, Biblioteca Gallega, A Coruña, 1886), El regionalismo gallego (Imp. La Universal, La Habana, 1889), destacando a edición entre 1865 e 1911 da súa magna Historia de Galicia (Tomo I, Soto Freire, Lugo, 1865; Tomo II Soto Freire, Lugo, 1866; Tomo III, Libr. de A. Martínez Salazar, A Coruña, 1888; Tomo IV, Libr. de E. Carré Aldao, A Coruña, 1891; Tomo V, A Coruña, 1911).

 

 

Murguía foi o historiador que teorizou Galiza como realidade nacional a partir das súas pesquisas históricas, comprometéndose politicamente en favor da visibilización do país e contra a súa subordinación.

Prolífico autor en diversos medios de comunicación, destacou como ideólogo do galeguismo a través dos xornais La Oliva, El Miño e La Patria Gallega, xunto a Alfredo Brañas. Así mesmo, dirixiu publicacións como El Diario de La Coruña e La Ilustración Gallega y Asturiana. Profesionalmente destacou Manuel M. Murguía como arquiveiro, sendo nomeado Director do Archivo de Simancas no ano 1869, Arquiveiro-Xefe do Arquivo do Reino de Galiza no ano 1870, así como no ano 1885 Cronista Xeral do Reino. No ano 1892 foi destinado á Biblioteca da Universidade de Santiago de Compostela, na que estaría até a súa xubilación en 1905.

Profesionalmente destacou Murguía como arquiveiro, sendo nomeado Director do Archivo de Simancas no ano 1869, Arquiveiro-Xefe do Arquivo do Reino de Galiza no ano 1870, así como no ano 1885, Cronista Xeral do Reino. No ano 1892 foi destinado á Biblioteca da Universidade de Santiago de Compostela.

Politicamente Manuel M. Murguía alentaría a Asociación Rexionalista Galega, que se fundou no ano 1890 e que tivo vida até 1892, sendo durante ese tempo o seu presidente (2). A ARG alumearía outras organizacións e proxectos, dun ou doutro modo, alentando un vizoso movemento agrarista con epicentro na Coruña, sendo aquela a primeira organización política explicitamente galeguista. Naquela altura a devandita entidade organizaría por volta do ano 1891 os Xogos Florais de Tui, pronunciando Murguía un discurso inaugural en lingua galega e netamente en clave patriótica galega.

El Regionalismo gallego (1889)

A inicios do s. XX Manuel M. Murguía traballou arreo para crear a Academia da Lingua Galega, acompañado de Manuel Curros Enríquez e Xosé Fontenla Leal, e coa axuda e soporte do Centro Galego de La Habana. A institución nacería como Real Academia Galega en setembro de 1906, sendo Murguía o seu primeiro presidente.

A obra e activismo de Manuel M. Murguía inspirarían en grande medida a creación das Irmandades da Fala e os ecos dos seus discursos estarían presentes nas páxinas d’A Nosa Terra, voceiro das Irmandades. Murguía falecería o 2 de febreiro de 1923, causando o seu pasamento unha forte conmoción para todo o galeguismo e para boa parte de Galiza, na que era unha figura altamente recoñecida (as imaxes do seu multitudinario funeral dan proba do indicado).

A súa figura e obra estiveron presentes desde o seu pasamento en diante, chegando até os nosos días. No ano 2003, cando se celebraba o 80 aniversario do pasamento de Manuel M. Murguía, e o 170 aniversario do seu nacemento, vía a luz o primeiro número de Murguía, Revista Galega de Historia. Unha revista que naceu coa vocación de incentivar e divulgar investigacións sobre a historia de Galiza, mantendo viva a figura de Manuel M. Murguía entre a nosa sociedade. Vinte anos despois do nacemento de Murguía, Revista Galega de Historia seguimos a manter ese compromiso que nos levou a crear (entre 2001 e 2003) esta publicación, e a entidade editora da mesma, o Instituto Galego de Historia.

No ano 2003, cando se celebraba o 80 aniversario do pasamento de Manuel M. Murguía, e o 170 aniversario do seu nacemento, vía a luz o primeiro número de Murguía, Revista Galega de Historia. Unha revista que naceu coa vocación de incentivar e divulgar investigacións sobre a historia de Galiza, mantendo viva a figura de Manuel M. Murguía entre a nosa sociedade.

Desde Murguía, Revista Galega de Historia e o Instituto Galego de Historia sumámonos aos actos institucionais que promove a Real Academia Galega para homenaxear a figura e obra de Manuel M. Murguía, asistindo ao acto de descubrimento no cemiterio de San Amaro (A Coruña), este vindeiro 1 de febreiro, dunha placa en lembranza do historiador diante do centenario do seu pasamento.

Longa vida á memoria de Manuel M. Murguía.

Compostela, 31 de xaneiro de 2023

………..

1 Para o desenvolvemento vital e ideolóxico de Manuel M. Murguía, véxanse as seguintes obras (ordenadas cronoloxicamente):  Maiz, Ramón (1999), O pensamento político de Murguía, Vigo, Xerais;  Beramendi, Justo (2000), Manuel Murguía. Santiago de Compostela, Xunta de Galicia; Durán, José Antonio (2000), Murguía, 1833-1923, Madrid, Taller de Ediciones; Barreiro Fernández, Xosé Ramón (2012), Murguía, Vigo, Galaxia; Rabuñal, Henrique (2023), Manuel Murguía. Un século despois, Compostela, Laiovento.

2 Para toda a evolución do galeguismo político véxase Beramendi, Justo (2007), De provincia a nación. Historia do galeguismo político, Vigo, Xerais.

Comments are closed.

Web xerada a partir de WordPress | Deadline Theme : inspirada en Awesem e deseño de Orman