A catedrática Ofelia Rey galardoada co premio María Josefa Wonenburger 2011

A Unidade de Muller e Ciencia acordou, por unanimidade, concederlle á catedrática de Historia Moderna da Universidade de Santiago de Compostela (ASC) Ofelia Rey Castelao o premio María Josefa Wonenburger 2011. Os membros do pleno, presidido pola secretaria xeral da Igualdade, Marta González, tiveron en conta na designación a contribución da investigadora da USC ao coñecemento da historia das mulleres así como os méritos da diversidade e a evolución dos traballos de investigación da premiada.
O premio Wonenburger, tal e como recolle a web da USC,  recae por vez primeira nunha investigadora da área de  Humanidades, xa que nas anteriores edición o galardón concentrouse no ámbito das ciencias experimentais, coa distinción de Inmaculada Paz Andrade (Física), Teresa Miras Portugal (Farmacia), María Soledad Soengas (Bioloxía) e Carmen Navarro (Medicina). A entrega do galardón na convocatoria de 2011 a Ofelia Rey celebrarase a finais do vindeiro mes de setembro.
Neste senso, a profesora Rey manifestou a súa satisfacción de xeito individual, pero tamén no plano colectivo como representante das mulleres que realizan investigación no eido das Letras e, máis particularmente, no ámbito da Historia. As investigadoras de Humanidades, engadiu, “abriron o camiño” para as expertas doutras áreas que decidiron apostar polo ámbito da investigación como alternativa profesional. Como recoñecemento, Ofelia Rey asume o Premio Wonenburger como unha maneira necesaria de facer visible o traballo das mulleres, tanto no profesional como no entorno persoal e familiar.
Os progresos experimentados en materia de igualdade e o protagonismo da muller na actualidade en ámbitos diversos é, en opinión de Ofelia Rey,  o resultado dunha longa traxectoria que a día de hoxe “tratamos de seguir estimulando dende as aulas”. Neste senso a catedrática lembrou que preto do 70 por cento do estudantado da USC son mulleres, sen que esta proporción se reproduza nos cadros de persoal docente. De cara a un futuro inmediato, a profesora Rey cre que a situación manterase en porcentaxes similares.
A Unidade Muller e Ciencia creouse en 2007 coa finalidade de incrementar a presenza da muller nos ámbitos científico e tecnolóxico de Galicia, mediante actuacións encamiñadas a promover a eliminación dos desequilibrios que poidan existir no relativo á formación científica, nas áreas da investigación, da innovación e na xestión da I+D+i e a situar nun primeiro plano a perspectiva de xénero na actividade científica. Entre outras iniciativas, instaurou o premio María Josefa Wonenburger para resaltar as traxectorias relevantes de mulleres nos eidos das ciencias e a tecnoloxía, baixo un nome que pretende ser unha homenaxe á figura da matemática coruñesa.
Ofelia Rey
Ofelia Rey Castelao (Arnois, A Estrada) é catedrática de Historia Moderna na USC, na que exerce desde 1978. Licenciouse e realizou o doutoramento con premio extraordinario en ambos os dous casos. Ata agora dirixiu 17 proxectos de investigación como investigadora principal, sendo na actualidade a directora do Grupo ‘Historia Moderna’ da USC.
Ten publicados catorce libros de temática diversa, incluíndo Historia das mulleres. Idade moderna (2010) da que é coautora xunto a Serrana Rial. Ademais é a coordinadora da Historia das Mulleres en Galicia, publicada pola Xunta de Galicia en 2010, que é a primeira obra deste tipo que existe no mercado editorial.
Publicou tamén máis de 130 capítulos de libros en editoriais españolas e de Francia, Suiza, Bélxica, Italia, Portugal ou Arxentina, así como artigos en revistas. Foi directora de estudos na Ecole des Hautes Etudes en Sciences Sociales do CNRS de Francia, pronunciou conferencias e defendeu relatorios en máis de sesenta congresos en universidades e centros de investigación de Francia, Italia, Portugal, Inglaterra, Irlanda, Alemaña, Noruega, Finlandia, Hungría, Bélxica, Holanda, Arxentina ou México.

Entre outros méritos e xa no ámbito da xestión da investigación, foi coordinadora de Historia e Arte da Agencia Nacional de Evaluación y Prospectiva e colaboradora en diversas responsabilidades de xestión na Xunta de Galicia. Na actualidade, realiza esta tarefa de colaboración no Ministerio de Ciencia e Innovación e na Axencia Catalá de Avaliación.

Comments are closed.

Web xerada a partir de WordPress | Deadline Theme : inspirada en Awesem e deseño de Orman