Avelino Pousa Antelo. Acto de Amor e Memoria

Avelino Pousa Antelo falecía o 20 de agosto do 2012. Após noventa e oito anos cheos de vida, deixaba trás de si unha longa traxectoria de militancia galeguista. Unha longa vida na que demostrou ser un bon e xeneroso. O vindeiro 14 de maio, diante do seu centenario, familia e amizades tributaranlle unha cumprida homenaxe.

Galeguismo

Os inicios de Avelino Pousa Antelo no galeguismo atopámolos na II República, cando non dubidou en se sumar as Mocidades Galeguistas, integradas no Partido Galeguista de Bóveda e Castelao, sendo un dos fundadores da Federación de Mocidades Galeguistas no 1934.

Logo viría o tempo da guerra -no que primeiro tivoq ue se agochar para escapar da represión e logo sería forzosamente mobilizado…- e o da dura ditadura franquista. Mais tamén viñeron os tempo da Granxa de Barreiros, que dirixiría a partir do 1948, así como outras múltiples iniciativas que axudou a botar a andar.

Pousa Antelo exercería de mestre a partir do 1970 até a súa xubilación, sendo cofundador do relanzado Partido Galeguista no 1978, do que sería secretario xeral e, ao pouco, presidente até o 1983; dando lugar, así mesmo e por volta do 1984, á Fundación Castelao, xunto a Ramón Martínez López, entre outros, sendo este primeiro e Pousa Antelo, despois, presidentes. Alumearía outros proxectos e participaría en numerosas iniciativas, caso d’A Mesa pola Normalización Lingüística e a Fundación Alexandre Bóveda.

Unha cumprida homenaxe

Avelino Pousa Antelo foi asinante de Murguía, Revista Galega de Historia desde o seu nacemento, así como amigo de boa parte dos que fundamos este proxecto. Sumámonos, con emoción, a esta homenaxe que se lle tributa a Pousa Antelo o vindeiro 14 de maio, ás 19hrs, ao carón da que foi a súa casa durante anos na Urbanización ‘Os Verxeis’ , no Paseo Pousa Antelo, celebrando así o seu centenario.

No acto intervirá unha representación do Concello de Teo, Raúl Galego “o gaiteiro nubeiro “, os cantores Mini e Mero, o poeta Xoán Xosé Fernández Abella, o músico Miro Casabella, a escritora Esperanza Mariño, o profesor e editor Amancio Liñares, así como representantes da Comunidade de Veciños dos Verxeis, da Mesa pola Normalización Lingüística, entre outros e outras, xunto a propia familia Pousa Antelo.

 

 

 

Comments are closed.

Web xerada a partir de WordPress | Deadline Theme : inspirada en Awesem e deseño de Orman