Francisco Carballo, II Premio Manuel Murguía ao Mérito e Labor Historiografico

Francisco Carballo Carballo (1925-2014) será o galadonado, a título póstumo, do II Premio Manuel Murguía ao Mérito e Labor Historiográfico que Murguía, Revista Galega de Historia e o Instituto Galego de Historia conceden.

Prolífico historiador, Francisco Carballo faleceu o pasado ano, cando as e os promotores do premio tiñan previsión de lle facer entrega do mesmo. Diante da homenaxe que a Asociación en Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) ten previsto tributarlle o vindeiro sábado 26 de setembro, entregaráselle á familia de Paco Carballo o premio a título póstumo.

Dilatada traxectoria

Francisco Carballo foi autor de diversas obras sobre a historia de Galiza (autor de A igrexa galega, A Nosa Terra, 1995; Alexandre Bóveda, A Nosa Terra, 1999; Breve Historia de Galiza, A Nosa Terra, 2000; Martín Sarmiento, A Nosa Terra, 2002… coautor de Historia Xeral de Galicia, A Nosa Terra, 1997 ou recentemente Moncho Reboiras. O nacionalismo galego nos anos 70, Fundación Bautista Álvarez, 2009), destacando  sempre o seu compromiso e pensamento deitado en múltiples entrevistas. No 1981 fóralle imposta unha pena de seis meses e un día de prisión, xunto unha multa de 20.000 pesetas, por reflectir na ‘Historia de Galicia’ da que fora coautor no 1979, editada pola Asemblea Nacional-Popular Galega (AN-PG), como fora asasinado en agosto do 1975  o militante nacionalista Xosé Ramón, ‘Moncho’, Reboiras Noia pola policía franquista no verán do 1975.

Grande activista en favor da normalización da lingua propia de Galiza no propia Terra, Francisco Carballo foi cofundador, entre outros proxectos, de A Nosa Terra no 1977, nunha nova etapa que tomaba as rendas da edición que no exilio viña dándose desde 1942, noutrora voceiro do Partido Galeguista de Castelao e Bóveda entre 1931 e 1936/1940.

 

II_PREMIO_MANUEL_MURGUIA_FRANCISCO_CARBALLO_IMAXE_CORPORATIVA_set_2015

Merecida homenaxe.

O acto de homenaxe e entrega do premio desenvolverase na “Eira da Xoana” (Ramil, Agolada), proxecto impulsado e xerido por ADEGA. Iniciará cun xantar convocado por ADEGA arredor das 14hrs (onde cada quen levará comida para si e para compartir) para logo proceder á homenaxe e entrega do premio a partir das 17hrs.

Anterior edición.

No final do verán do 2010 Murguía, Revista Galega de Historia e a Asociación Galega de Historiadores (aínda non existía o IGALHIS)  acordaron lanzar o I Premio Manuel Murguía ao Mérito e Labor Historiográfico. Na mesma xuntanza decidiríase que no outono daquel mesmo ano se lle entregaría este distintivo ao historiador Bernardo Máiz Vázquez. Así foi e o acto de entrega desenvolveuse daquelas (outubro, 2010) na capital galega coa presenza de máis de cen persoas (historiadoras e investigadores, amigos e amigas…).

 

Ligazóns de interese:

Emprazamento da “Eira da Xoana” (Ramil, Agolada) de ADEGA

Entrevista de Xan Carballa con Francisco Carballo.

Condea de seis meses e un día e multa de 20.000 pts a Francisco Carballo.

I Premio Manuel Murguía ao Mérito e Labor Historiográfico.

Comments are closed.

Web xerada a partir de WordPress | Deadline Theme : inspirada en Awesem e deseño de Orman