Museo da Emigración Galega na Arxentina (MEGA)

O feito migratorio galego deixa ten dado diversas realidades que presentan a presenza do noso país na maior parte do Mundo. Contodo, se a cidade de Buenos Aires ten sido denominada a ‘quinta provincia galega’ é polo grande número de compatriotas que residiu naquela urbe. Non é de estrañar, por isto, que na capital arxentina abrise as súas portas o MEGA ou Museo da Emigración Galega na Arxentina en decembro do 2005.

Enmarcado no emblemático edificio da histórica Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina, ubicada en Chacabuco 955-Cidade de Buenos Aires, este museo recupera e preserva fotografías, documentación histórica, historias de vida, literatura, obxectos, ferramentas, instrumentos musicais e obras pictóricas pertencentes á nosa comunidade expatriada naquelas terras, comunidade das máis importantes naquel país.

O MEGA tivo como antesala unha exposición que baixo a lenda “Gallegos de Galicia a Buenos Aires, 1860-1960“, se presentou no Museo Nacional de la Inmigración recibindo máis de 6.000 visitas.

Diante do nacemento entidade afirmaba Francisco Lores Mascato, presidente da Federación de Asociacións Galegas, que chegara o momento tan agardado, a creación dun  “… museo para que non se perda todo o patrimonio que os e as emigrantes entregaran xenerosamente a este país. O noso museo honra aos galegos que deixaron as súas aldeas e tiveron que fuxir da súa Terra cara Arxentina”.

A así é. As vitrinas do MEGA convidan a dar un paseo por parte da historia da Galiza: desde a emigración do XIX ao exilio eminentemente político do 1936 en diante. Ao longo da visita guiada que pode amabelmente desenvolve o persoal do centro, pódese seguir a viaxe duns e outros galegos e galegas cara Arxentina, na procura do sustento negado no propio país, para alén da persecución política. Costumes, oficios e tradicións musicais dos nosos compatriotas son musealizados a través de fotos, escritos, cartas e outros obxectos.

Mención especial merece o espazo que ocupa no Museo todo referido ao importante labor da comunidade galega en terras arxentinas vinculado ao traballo editorial. Nomeadamente o traballo dos exiliados do primeiro terzo do s.XX no devandito eido. Aqueles e aquelas que cumpriron unha substanciosa tarefa de difusión e permanencia da cultura galega a través do cultivos das letras galegas. Nesta liña, exhíbense diversos xornais, caso de “El despertar gallego” y “Galicia”, editados na Arxentina nos anos vinte e trinta do pasado século.

Aliás, e sen caermos na anécdota, cómpre indicar que son de grande carga emotiva obxectos levados ao país americano desde a propia Galiza, caso de un diario, unha bicicleta, unha vaixela ou diversas ferramentas para o traballo artesanal. Obxectos encaixados arredor da vitrina central, dedicada aos testemuños escritos da emigración, nomeadamente cartas, pasaportes, permisos de viaxe e pasaxes dos buques que partían principalmente dos portos da Coruña, Vigo e norte lugués.

O horario do Museo da Emigración Galega na Arxentina é:

Mércores, Venres e Sábados de 15 a 20, entrada gratuíta (Chacabuco 955 – San Telmo – Cidade de Buenos Aires).

Comments are closed.

Web xerada a partir de WordPress | Deadline Theme : inspirada en Awesem e deseño de Orman