Verbas pronunciadas o 17 de agosto de 2009 perante a cova de Alexandre Bóveda, por Xusto Beramendi

Reproducimos desta volta o discurso que pronunciou o prolífico historiador Xusto G. Beramendi, Catedrático de Historia Contemporánea da USC, diante  do sepulcro de Alexandre Bóveda en San Amaro (Pontevedra) o 17 de agosto do 2009:

Un ano máis estamos aquí perante a cova de quen vén sendo, con todo merecemento, símbolo e paradigma das virtudes e do sacrificio daquela Galicia Mártir que Castelao expuxo ó mundo no seu estremecedor álbum da Guerra Civil. Non é doado para min atopar verbas acaídas que expresen a moi especial gratitude que sinto por esta honra que sinceramente coido excesiva para min.

O que aquí conmemoramos, o que aquí reivindicamos, non é cousa calquera, e máis nestes momentos de tribulación e certo desconcerto na maioría dos que se senten lexítimos herdeiros de Alexandre Bóveda, de Víctor Casas, de Ánxel Casal, de Xaime Quintanilla, de Johán Carballeira, de Camilo Díaz e de tantos e tantos nacionalistas, republicanos, socialistas, comunistas e anarquistas que pagaron coa súa vida, coa cadea, co ostracismo ou co exilio a súa defensa da democracia de todos, da autodeterminación de Galicia ou da emancipación e a igualdade social dos traballadores explotados.

Mais quen se sinta herdeiro lexítimo deses mártires laicos é tamén responsable de que o seu martirio non acabe sendo inútil, de que a árbore arbre nada da semente regada co seu sangue e cos seus sufrimentos non seque, senón que medre vizosa e forneza os froitos dunha mellor democracia, de máis autogoberno, de menos caciquismo e corrupción, de honestidade e eficacia nos representantes do pobo, de benestar para todos, de igualdade social e de xénero, de todo canto eles quixeron e nós queremos.

Camiño este, inzado de atrancos. Camiño de avances e de retrocesos. E de retrocesos hoxe estamos ben servidos. Pequenas conquistas que parecían consolidadas, como a incipiente e polo tanto aínda moi incompleta normalización do galego no ensino e na administración pública, están hoxe en perigo. O caciquismo e a corrupción, nunca desaparecidos, reactívanse con forza, nomeadamente nesta provincia de Pontevedra, nun vergoñento retorno a aqueles tempos de hai un século cando Don Antonio Maura dicía no Congreso dos Deputados de Madrid que España tiña corenta e nove provincias e a do marqués de Riestra. As políticas privatizadoras agroman de novo ameazando co conseguinte deterioro da sanidade e da educación públicas. Os pelotazos urbanísticos, o caos na ocupación e ordenación do territorio e as agresións ó medio ambiente chaman a unha porta que de seguro atoparán aberta de par en par. E todo envolto nun discurso cínico que ten por únicos alicerces reais a difamación das esquerdas, a falacia do galeguismo cordial e a coartada dunhas contas manipuladas para xustificar o que se queira.

Retrocesos, xa que logo, nas políticas públicas dos novos gobernantes da vella dereita, mais tamén retroceso na forza e na credibilidade de quen encarnan a loita por unha Galicia e un mundo mellores para a maioría, e non para unha minoría depredadora e mendaz. Por iso hoxe é máis necesario que nunca non só manter firme o compromiso activo cos valores e obxectivos de sempre, senón tamén rexeitar de plano a idea, tan doada como falsa, de que a solución está na mera reafirmación dogmática. Nin sequera abondará coa análise fría dos factores externos que contribuíron á derrota. Hai que facer ademais verdadeira autocrítica de erros e condutas impropias, hai que aparcar prexuízos e retesías de palleiro para poder corrixir comportamentos ética e politicamente nocivos, hai que axustar instrumentos e tácticas ás realidades de hoxe se queremos que, como noutros momentos do pasado, o retroceso se converta nun novo avance.

Eu non vou dar aquí fórmulas máxicas para tal empeño. Non son tan vaidoso que pretenda estar na posesión da verdade. Simplemente vou lembrar unha historia vella que ten moito que ver con algúns dos mártires que aquí homenaxeamos e que coido pode ter algo que ver tamén coa situación actual, malia as grandes diferenzas de todo tipo que separan aquel tempo deste tempo.

Houbo unha vez un país subdesenvolvido, maioritariamente rural,  incluído nun Estado con lingua e cultura diferentes e rexido por un sistema político totalmente centralista e dominado polo caciquismo e a corrupción. O Estado non atendía as necesidades mínimas dese país, quitaba del, vía impostos, máis recursos dos que investía no seu territorio e como consecuencia contribuía a perpetuar o seu atraso, o que traía consigo a miseria dos máis e unha emigración masiva. Ademais, ese Estado mantiña reprimida a súa lingua e a súa cultura e conseguira que os sectores medios e altos da sociedade abandonaran a lingua autóctona e minusvaloraran ou desprezaran a súa propia identidade como pobo, actitude que mesmo acabou penetrando na gran masa de traballadores e traballadoras rurais e urbanos.

Nese país xurdiu un movemento político, nun principio moi feble, de reacción e protesta contra tal situación. Os teóricos e dirixentes dese movemento afirmaron o carácter nacional do país, fixeron unha diagnose acaída dos seus males e elaboraron un programa destinado a resolver os principais problemas, tanto os de índole nacional como os socio-económicos. Pero isto non foi suficiente para que unha parte significativa do pobo atendera a súa apelación. Unha organización deficiente dese movemento e as súas fondas divisións internas por cuestións ideolóxicas xerais condenárono á impotencia política e á marxinalidade social durante os primeiros quince anos da súa existencia. Houbo que agardar a que chegase un cambio democratizador no sistema político do Estado no que estaba inserido ese país, e co cambio a posibilidade de obter un pequeno grao de autogoberno, para que os dirixentes dese movemento deixasen de lado o que os separaba e puxesen en primeiro plano o que os unía, cun espírito de auténtica irmandade e de total tolerancia mutua. Grazas a esta nova actitude integradora por parte de todos, e aínda que as discrepancias ideolóxicas persistían, puideron organizarse nun partido democrático, no que todo os seus afiliados eran realmente iguais nas súas posibilidades de incidir na vida do partido, no que non había duplicidade de lealdades políticas, e no que a coherencia entre o que se dicía e o que se facía era unha norma que apenas coñeceu excepcións. O resultado foi que ese partido fíxose atractivo para moitos, tanto que en só catro anos e medio multiplicou por sete os seus efectivos, por seis a súa presenza territorial e pasou da marxinalidade a ser un factor de relevo na dinámica política do seu país. Só a forza bruta dunha rebelión militar xenocida conseguiu crebar a súa rápida traxectoria ascendente.

Se Alexandre Bóveda puidese falarnos confirmaría que con esta historia digo verdade. E digo ademais que moitos farían ben en estudala a fondo, non para repetila mimeticamente, cousa imposible, pero si para aprender daquela experiencia, para descubrir nela algunhas claves, relativamente constantes, da construción e desenvolvemento de todo movemento sociopolítico que se pretenda transformador. Claves para aproveitar ó máximo os recursos humanos de que se dispón e non para dilapidalos desencantando a unha parte dos propios. Claves para atraer á xente, e non para repelela. Claves para manter e reforzar a unidade interna sobre a base da confianza mutua e do xogo limpo. Claves para conservar unha imaxe de honestidade persoal e política que nunca defraude, que impida facer bo aquilo de “estes son iguais que todos”, iguais no malo, claro. Claves para combinar a firmeza estratéxica coa flexibilidade táctica.

Aprender estas cousas da experiencia dos nosos mártires é a mellor homenaxe que podemos facerlles, a única homenaxe que paga a pena. Moitas grazas.

Xusto G. Beramendi

Comments are closed.

Web xerada a partir de WordPress | Deadline Theme : inspirada en Awesem e deseño de Orman